Continuamos perdendo poboación

Os que seguen este espazo lembrarán que, fai uns anos, detallábamos aquí a significativa perda de poboación dos nosos concellos (período 2012-2017). En conxunto, o descenso foi de 7.898 habitantes e, xa daquela, sinalábamos a necesidade de cooperar entre os diferentes niveis de goberno para intentar solucionar o problema.
Na actualidade, a información estatística para o período 2018-2022, como se pode comprobar na táboa, corrobora a tendencia negativa global. Esta situación, por tanto, xa non é conxuntural e teremos que actuar de inmediato e de forma decidida para minimizar o impacto negativo do despoboamento, conscientes tamén de que modificar o proceso levará anos.
Nese sentido, algunhas comunidades autónomas (Estremadura, Castela-A Mancha e Galicia) son pioneiras aprobando leis ao respecto. De feito, a nosa Comunidade aprobou a Lei 5/2021, de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia que, segundo a exposición de motivos, pretende dar pulo ás actividades económicas no medio rural e costeiro non urbano, máis alá do ámbito agro-forestal e marítimo-pesqueiro, buscando unha modernización e diversificación da súa estrutura económica que garanta a sustentabilidade social, económica e medioambiental (cuestións reguladas no capítulo VI do Título II da Lei).
Pois ben, transcorrido un tempo desde a entrada en vigor desa norma, sería importante coñecer o seu impacto.
Afortunadamente, o Consello de Contas ten previsto realizar, durante este ano, unha auditoría operativa para verificar a eficacia coa que se cumpriron os obxectivos preestablecidos e a eficiencia e economía coa que se aplicaron esas medidas pola Xunta de Galicia. Ademais, como consecuencia dese traballo, tamén se poderán observar os efectos das políticas e estratexias adoptadas, no seu caso, polas entidades locais galegas, para abordar o reto demográfico.
Estamos convencidos de que o resultado dese traballo será de enorme utilidade, non só para identificar e valorar os froitos das políticas públicas implantadas, senón para que os xestores establezan as oportunas medidas correctoras.
Porque se trata dunha cuestión moi relevante da que debemos concienciarnos todos. Porque, o declive demográfico tende a cronificarse. Porque, todas as institucións públicas deben implicarse máis neste problema, cada unha dentro do seu respectivo ámbito de competencias, como fai o noso órgano estatutario de control externo. E, porque, en definitiva é preciso desenvolver con éxito políticas concretas, para afrontar o progresivo envellecemento da sociedade, evitar a emigración e fomentar a natalidade.
- Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Porque nos afecta e nos importa
- Axenda de obrigas 2023
- O Cometa Haley. A rendición de contas.
- Modificación das regras fiscais. Una cuestión inaprazable
- POS + 2022.
- A Ciberseguridade.
- Estado de rendión de contas.
- Auditoría pública fronte ao fraude e a corrupción.
- Retribucións da alcaldía.
- Un maná que debemos aproveitar.
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal/a>.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».