As Xornadas Micolóxicas comezan a agromar pola Costa da Morte

Pasadas as primeiras (e potentes) chuvias, comezan a agromar os cogumelos. E con eles, as potentes Xornadas Micolóxicas que cada outono convirten a Costa da Morte en potencia galega.
Fisterra, Carballo, Cee, Corme, Ponteceso, Santa Comba, Carnota ou Zas son algúns puntos onde o reino fungi toma protagonismo. Polo de pronto imos coñecendo as datas das primeiras citas, que xa comezan esta fin de semana.
V Xornadas Micolóxicas na Fin da Terra
Fisterra acolle as primeiras Xornadas, este sábado 19 e domingo 20 de outubro. O sábado haberá unha saída ao monte para recoller cogumelos a partir das 10:00h. O domingo será o día da exposición no Mercado Municipal (de 11:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h), e dos traballos feitos pola rapazada. Ademais haberá degustación a partir das 19:00h.
XII Xornadas Micolóxicas de Lumieira en Carballo
A A.C. Lumieira artella tres sesións. O sábado 20, con saída ás 10:30h do Pazo da Cultura, haberá unha saída para recolleita de cogumelos. Xa pola tarde, catalogación con Tomás Rodriguez Novoa.
A cita do sábado 9 de novembro será semellante pero con Manuel Pose Carracedo. E pola tarde, ás 19:00h, haberá unha masterclass a cargo de José Arancel, con preparación, conservación e degustación de cogumelos, para a que hai que inscribirse en a.c.lumieira@gmail.com.
Xornadas Micolóxicas de Corme
O Bar Pedra da Serpe acolle as xornadas cormelás durante a fin de semana de 1, 2 e 3 de novembro. Curso impartido por Santy Corral que inclúe saídas ao monte, charla, catalogación e degustación.
XIX Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte
As máis potentes sempre son da man da Asociación Micolóxico Naturista Pan de Raposo. Este 2019 celébranse a primeira fin de semana de novembro, comezando coa saída aberta o venres 1 (necesaria a inscrición no 981747044) para recoller os cogumelos que servirán para facer a potente esposición da Casa da Cultura, que estará aberta sábado e domingo.
Haberá degustación de petiscos no Hotel Larry, taller de microscopio con José María Velay, conferencias con Chemi Costa e José Manuel Castro Marcote, ademais das sempre exitosas visitas guiadas pola exposición co propio Marcote e con Manuel Pose Carracedo.
Novas relacionadas
- Xornadas 2018: “Pois si que tiñan gañas de saír, tanto a xente como os cogumelos”.
- Xornadas 2017: Marcote: “As chuvias chegaron tarde para nós, pero aínda así salvamos os mobles con 130 especies”.
- Xornadas 2016: Cee, Coristanco, Santa Comba e Zas fixeron dos cogumelos os reis do outono.
- Xornadas 2015: Lira, Santa Comba e Ponteceso converten a Costa da Morte na capital da micoloxía.
- 2012: Marcote: “A cultura micolóxica da zona experimentou un gran cambio nos últimos anos”.