A Xunta non actuará ante a crise de XEAL porque “descoñece” a situación a pesar das advertencias dos traballadores
Tralo novo rexeitamento de mediación da negociación do convenio colectivo por parte da dirección de XEAL, e seguindo o eterno calendario de mobilizacións, os traballadores de XEAL desprazáronse ata Santiago nunha nova xornada de protesta.
O persoal de XEAL realizou manifestación desde o edificio administrativo da Xunta ata Augas para simbolizar a inacción e a falta de solucións da Xunta ante a crítica situación das fábricas costeiras e os incumprimentos concesionais da empresa.
Desta volta, a Xunta si que recibiu ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Foron os Secretarios Xerais de Industria, de Traballo e de Infraestruturas os que escoitaron as demandas do secretario, pero aseguraron que non ían actual contra a empresa escusándose no "descoñecemento da situación”.
“Saímos totalmente defraudados”, aseguraba ao remate da reunión, e antes de comezar a manifestación, o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo. “Non atenderon as nosas peticións, que eran moi sinxelas: hai un proxecto de estación de bombeo no monte da Ruña, no concello de Mazaricos, que é unha nova central que pretende montar a nosa empresa e nós dicimos que non se lle pode dar unha concesión máis cando están incumprindo as actuais”, explicaba.
O máis grave é que os representantes da Xunta de Galiza aseguraron, segundo Mouzo, que “a Xunta non ten constancia, nin coñecemento de que se estean a incumprir as concesións”. Unha resposta que anoxou aos membros do comité e ao conxunto do persoal e diante da que o presidente do comité respondeu que “se non teñen constancia, que veñan á Costa da Morte e miren se están os fornos en marcha ou non; que miren o emprego que había en 2019 e o que hai agora. É tan sinxelo como iso”.
Por todo isto, non frearán as mobilizacións, e volverán cada xoves desde diante da Xunta cara Augas de Galiza e o xoves seguinte na fábrica en Cee. O comité ten ademais convocada unha folga de 24 horas para o 17 de novembro e “non imos parar até que se atendan as nosas reivindicacións, que cremos que son de total xustiza”.
TODAS AS NOVAS RELACIONADAS CON XEAL
- Outubro 22: XEAL volve rexeitar proceso de mediación ante a pasividade da Xunta.
- Outubro 22: Os traballadores de Xeal volverán á folga.
- 29-09-22: Os traballadores de XEAL berraron as súas eternas demandas na orella da Xunta.
- 1 de setembro: Os traballadores de XEAL arrincaron en Compostela a nova serie de mobilizacións.
- Agosto 2022: O comité de XEAL solicita reunións cos grupos parlamentares, concello de Mazaricos e a Xunta.
- Agosto 22: O Comité de XEAL volve denunciar o intento de segregación entre a produción hidroeléctrica e industrial.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.