Venres. 19.04.2024
El tiempo

A xuventude da Costa da Morte loita pola permanencia do sector gandeiro

portada
O relevo xeracional na gandería faise visible nesta familia de Santa Comba. Avó, pai e neto. Antía Sacedón.
A xuventude da Costa da Morte loita pola permanencia do sector gandeiro

A Costa da Morte estivo sempre caracterizada pola gran repercusión económica do sector primario; no que se atopan a gandería, a agricultura e a pesca, entre outros. Con todo, nos últimos anos, a falta de traballadores a nivel xeral e a falta de relevo xeracional constitúe un dos problemas máis ameazantes do sector. A pesar diso, non todo son datos negativos. Aínda queda esperanza naqueles mozos e mozas que deciden apostar polo rural. Trasladámonos ata Santa Comba e ata Cabana de Bergantiños para coñecer a situación das explotación gandeiras a través das historias de Fran Calvo e Manuel Romero, dous mozos que son exemplo de relevo xeracional.

O relevo xeracional

Cando hai cincuenta anos Francisco Calvo Antelo continuou coa explotación gandeira de seus pais en Santa Comba seguro que non imaxinaba que o seu neto decidiría seguir os seus pasos. “A min pareceume xenial a noticia. Eu encantado. Máis encantado non podía estar”, explica Francisco. No seu caso, ao igual que no do seu neto, tamén se tratou dun relevo xeracional. “Quen empezou con todo isto foron meus pais. Tiñamos vacas do país, logo fixen unha cuadra pequena alí xunto á casa e fun empezando. De min pasou ao fillo e agora tamén ao neto”, comenta orgulloso. Baixo o seu punto de vista o sector primario non está presente hoxe no día a día da xuventude. “Non hai moita xente que queira interesarse nisto. Diría que o  20% ou por aí. Queren estar máis libres”, comenta.

“A min pareceume xenial a noticia. Eu encantado. Máis encantado non podía estar”- Francisco Calvo Antelo

Fran Calvo, o neto, atopábase cursando o grao en Administración e Dirección de Empresas cando se dou conta de que aquilo que estudaba non era o seu. “Eu fixen bacharelato aquí en Santa Comba. Empecei o grao en Administración e Dirección de Empresas pero vía que non era o meu e no segundo ano decidín plantar porque non estaba contento”, explica. No relativo ao feito de comunicalo na casa, Fran comenta entre risas que foi o máis natural posible. “Estábamos almorzando e díxenlle a miña nai que ía deixar a carreira. Dixéronme que ata que decidise que facer non ía estar na casa sen facer nada e díxenlle que si que o sabía. O luns púxenme xa a traballar”, xustifica.

“Eu fixen bacharelato aquí en Santa Comba. Empecei o grao en Administración e Dirección de Empresas pero vía que non era o meu e no segundo ano decidín plantar porque non estaba contento”- Fran Calvo

Por incrible que pareza, anos atrás Fran era dos que pensaba que nunca ía rematar no sector familiar. “Sempre dixen que non ía acabar coas vacas. Nunca digas nunca porque aquí estou”, reflexiona. Tres anos e medio despois afirma que este traballo, xunto con outros aspectos, axudoulle a entender o punto de vista de seus pais. “Ti cando es pequeno non sabes de onde saen os cartos nin as cousas que che compran. Ver a meus pais levantarse sempre ás sete da mañá para traballar aquí e agora facelo eu pois dáme un punto de vista distinto ao que tiña antes sobre como é o mundo laboral en xeral”, expón.

fran
Fran Calvo, natural de Santa Comba, comezou a traballar na explotación gandeira familiar fai tres anos e medio. Antía Sacedón.

Manuel Romero, nado en Cabana de Bergantiños no ano 2001, é tamén un claro exemplo do relevo xeracional. Na súa casa houbo vacas toda a vida e sempre lle chamaron a atención, aínda que non sempre o tivo claro. “Dende pequeno gustoume isto pero non sempre o tiven claro. A medida que fun crecendo, funme interesando máis e ao final xa o tiña clarísimo”, argumenta. O relevo veu do seu bisavó ao seu avó, do seu avó ao seu pai, e agora a el. “Na miña casa sempre houbo vacas. Xa as tiña o meu bisavó, vacas de carne. Despois entrou meu avó e foi cambiando xa ao leite, tiña metade carne, metade leite. No ano 2000 empezou o meu pai, cambiando todo a leite, e no 2020 seguín eu con meu pai no leite”, explica.

“Dende pequeno gustoume isto pero non sempre o tiven claro. A medida que fun crecendo, funme interesando máis e ao final xa o tiña clarísimo” - Manuel Romero

O interese levou a Manuel a conseguir unha ampla formación no sector. “Formeime no Centro de Promoción Rural da EFA de Fonteboa en Coristanco e alí fixen un ciclo medio de Formacións Agropecuarias e un ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. Recoméndoo ao cento por cento, foi unha das mellores decisións que puiden tomar”, argumenta. Para este mozo gandeiro a formación é imprescindible e considera que os coñecementos alí adquiridos axudáronlle a ver o mundo dunha forma distinta. “Creo que o método de estudo de alí é do mellor que pode haber. Tes moitísimas prácticas, visitas a empresas, Erasmus... Eu estiven de Erasmus dúas veces en Francia e ves outras culturas e outras formas de traballar. Iso é moi importante para despois ao longo da vida tomar as decisións que cada un considere oportunas”, manifesta Manuel.

A percepción social

Consciente do escaso relevo xeracional e do pouco interese da xuventude no sector agrario, Manuel considera que a moita xente lle cambiaría a percepción se soubera como é realmente e como se fan as cousas. “Creo que a moita xente lle encantaría se soubera como é e as cousas que se fan. A maquinaria que hai hoxe en día non fai que sexa un traballo duro e organizándose un pouco dá tempo a todo. Eu teño tempo para ir a xogar ao fútbol, para quedar cos meus amigos, para ir de festa, para traballar... Si que hai días que toca traballar máis pero tamén pasa noutros traballo e aínda así están mellor vistos”, aclara.

“Eu teño tempo para ir a xogar ao fútbol, para quedar cos meus amigos, para ir de festa, para traballar... Si que hai días que toca traballar máis pero tamén pasa noutros traballo e aínda así están mellor vistos”- Manuel Romero

manu
Manuel Romero leva dende o ano 2020 traballando co seu pai na explotación gandeira familiar. Antía Sacedón.

En relación á percepción da sociedade ante a xente moza que quere dedicarse ao rural, Fran opina que non se sabe realmente o que é o sector primario. “Eu agora mesmo vexo que o mundo está moi mal acostumado. A xente de agora quere traballar as súas oito horas, sentados e sen que sexa moi cansado. Pero agora podes levar o traballo doutra forma. De feito temos agora un traballador que ten un ano máis ca min e está moi contento. Leva cinco anos con nós, estudou para isto e non vexo razón para que teña menor valor na sociedade”, defende.

Dende o punto de vista de ambos, o rural e a gandería son un modelo de vida. “Para min non é un traballo, é un modelo de vida, é a miña vida. Para min non hai cartos que paguen o feito de estar no rural, de estar no campo, de ver as paisaxes, coidar os animais... Non hai xefes que che poñan présas, fago o traballo á miña maneira e ao meu aire”, afianza Manuel.

A situación actual e o futuro

A pesar da situación inestable que vive o sector pola falta de xente para traballar e polo prezo do leite, a evolución da forma de traballo en comparación a tempos pasados é magnífica. “Cambiou porque tiña que cambiar. Antes se tiñas seis ou dez vacas era unha explotación enorme e o traballo non era tanto porque non necesitabas tantas cousas. Agora con 300 vacas sería imposible facelo todo á man”, explica Fran. Polo seu lado, Manuel fai tamén fincapé na evolución do sector a nivel de benestar animal. “O nivel de benestar animal que hai é espectacular, de feito creo que en Galicia somos referentes en benestar animal porque as instalacións que temos, co pouco que viaxei por aí, non vin nada mellor. Ademais tómanse máis datos ca nunca a nivel de seguridade alimentaria, está moi controlado. Tómanse mostras de todo. Cada día vai a máis”, xustifica.

“Antes se tiñas seis ou dez vacas era unha explotación enorme e o traballo non era tanto porque non necesitabas tantas cousas. Agora con 300 vacas sería imposible facelo todo a man” - Fran Calvo

Falando de futuro, Manuel considera que en dez anos a situación será boa pero quedarán poucas explotacións abertas. “Van a cerrar moitas explotacións e iso vainos levar a que os que queden, ou quedemos, que oxalá estar, sexamos cada vez máis grandes e profesionais. Creo que sen campo, sen gandería e sen agricultura non podemos comer. Ao final comer a poboación ten que comer, e se as explotacións cerran, necesitamos producir máis e debería estar ben pagado”, defende.

“Creo que sen campo, sen gandería e sen agricultura non podemos comer. Ao final comer a poboación ten que comer, e se as explotacións cerran, necesitamos producir máis e debería estar ben pagado”- Manuel Romero

A permanencia e posta en valor da gandería é algo fundamental. Os tempos de pandemia deixaron claro que é imprescindible o seu traballo para toda a poboación e que, se eles paran, todos perdemos. Debemos dar grazas á xente moza, como Fran e Manu, que deciden apostar polo mantemento do rural e formarse para conseguir darlle ao sector o futuro que se merece.

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios