sábado. 03.05.2025
El tiempo

Carballo e Carnota fomentan o uso do galego en idades temperás

Carballo e Carnota fomentan o uso do galego en idades temperás
Presentacion do Proxecto APEGO en Compostela

Boa iniciativa na que están inmersos os Concellos de Carballo e Carnota, entre ouros 12 concellos, para fomentar o uso do galego dende as idades máis temperás. Onte tiña lugar a presentación en Compostela do proxecto Apego, co obxectivo de elevar os índices de autoestima e de utilización do noso idioma.

Trátase dun proxecto aberto á incorporación de novos actores do ámbito público e tamén de organizacións ou institucións interesadas e comprometidas con este obxectivo. Así, o protocolo asinado onte, luns 23 de marzo, establece redes de colaboración entre os concellos e entre departamentos da propia administración municipal para desenvolver de forma conxunta e coordinada o citado programa, en ámbitos de intervención como a familia, as escolas e as actividades extraescolares e de ocio.

Entre os compromisos adquiridos figura o de dar a coñecer os argumentos que recomendan o uso do galego coas nenas e cos nenos e facilitar, tanto nas familias como no ámbito educativo, o acceso aos recursos, redes, materiais e servizos que faciliten o obxectivo sinalado. Preténdese igualmente sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos e as responsabilidades na súa transmisión.

Levarase a cabo unha campaña informativa con material para distribuír nos espazos que habitualmente atenden ao embarazo e á adopción; a elaboración dunha caixa para entregarlles ás embarazadas coa finalidade de preparar a acollida das crianzas, dende a perspectiva da responsabilidade da transmisión da lingua.

O programa Apego buscará tamén a creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego. Estas actividades completaranse con obradoiros formativos e coa creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso á información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios