Lois Patiño: "A Costa da Morte ten unha enerxía especial"
Foi este 2013 un ano importante para Lois Patiño. O director vigués leva encadilando a media Europa co seu filme "Costa da Morte", levando ademais o nome e o simbolismo da nosa bisbarra polo mundo adiante.
Quixemos rematar o ano falando con el, e sabendo como naceu este proxecto e como se está a desenvolver.
- QPC: Moi boas Lois. A verdade é que é un verdadeiro pracer ver que o nome da Costa da Morte viaxa por festivais de todo o mundo a raíz do teu filme. Cóntanos, como nace "Costa da Morte"? Como a un rapaz de Vigo se lle ocorre facer unha documental dunha zona como a Costa da Morte?
Desde fai ao redor de 3 ou 4 anos estiven traballando nas miñas películas sobre a idea de paisaxe. O modo en que nos relacionamos coa paisaxe e o modo en que se representa no cine. Nesta película quería dar un paso máis dentro desta liña e buscaba retratar unha paisaxe con identidade propia. Desde o momento en que tiven esta idea sabía que o faría da Costa da Morte. Nunca traballara en Galicia e todo o imaxinario que gravita sobre a Costa da Morte atraíame enormemente e quería profundar máis nel.
- QPC: Seica a túa admiración pola natureza, polo simbolismo e polo misticismo da zona é algo que queda moi reflexado na documental?
Esta é unha película contemplativa, que invita a perderse nas paisaxes da Costa da Morte, que eu trato de reflectir con todo o seu misterio e beleza. Profundo na súa historia e as súas lendas por medio dos relatos e anécdotas que contan os habitantes da zona (de quen escoitamos partes dos seus diálogos). Os elementos naturais: lume, vento, o mar, as rocas, as árbores... eles son tan protagonistas na película como as propias persoas. Centramos a nosa mirada en tratar de captar a súa enerxía.
- QPC: Que cousas foron as que máis te sorprenderon cando te metiches a grabar?
Non teño moi boa memoria para isto, rapidamente todos os recordos se superpoñen e non son capaz de distinguir en etapas con claridade. Durante a rodaxe eramos dúas persoas unicamente: Carla Andrade (fotógrafa artística con quen colaborei tamén noutros proxectos) e eu. Gozamos moitísimo da zona durante os, aproximadamente, 4 meses que durou a rodaxe. Paseabamos ou viaxabamos en coche ou furgoneta buscando espazos e accións que nos interesasen, mantendo unha mirada de estrañamento que permitise descubrir o inesperado, que conservase a súa capacidade de asombro ante o que nos rodea.
- QPC: Con que palabra definirías mellor a Costa da Morte despois da túa experiencia?
É difícil sintetizar. A miña experiencia deste espazo é diferente á que poden ter os seus habitantes, eu teño que manter certa distancia co que gravo. É indubidable que esta zona ten unha enerxía especial.
- QPC: Cóntanos por que festivais ten pasado xa o filme?
Viaxou moito xa nestes 4 meses que leva de aventura. É curioso ver como esta porción de terra viaxa por países tan afastados. Parece unha illa flotante á deriva. Viaxou por América e Europa principalmente: de New York a Valdivia no sur de Chile, de Cali en Colombia a Montreal en Canadá, de California a Sarajevo, de Tallin a Praga... É xa difícil seguirlle o ritmo.
- QPC: E como é a reposta dun experto vienés ao velo? Que cousas che preguntan sobre o filme e sobre a zona cando estades nas sesións de pinchos?
A película funciona como unha embaixadora da Costa da Morte no estranxeiro. Non son poucos os que me dixeron que queren viaxar alí en canto poidan e que descubriron coa película un lugar incrible. As reaccións en xeral son moi similares nuns lugares e noutros, e ata o sentido do humor que aparece na película, que é moi galego, funciona igual de ben no estranxeiro. O único que é imposible que cheguen a entender é a actividade dos percebeiros, esa escena sempre lles resulta sorprendente.
- QPC: Supoño que agora toca seguir de ruta. Pero xa hai novos proxectos na cabeza?
Durante o 2014 xa hai bastantes festivais que pediron a película e tocarame acompañala. Traballo tamén con galerías de arte e teño que preparar varias exposicións para este ano, así que estarei bastante ocupado con isto. Pero estou traballando xa no guión dunha nova longametraxe que reflexionará máis directamente sobre o modo en que experimentamos o tempo na imaxe audiovisual.
Máis información
Novas relacionadas
- A Costa da Morte de Lois Patiño encandila ao público do Festival de Florencia.
- A Costa da Morte de Lois Patiño triunfa en Locarno.
- A Costa da Morte de Lois Patiño ao Festival de Locarno.
- A paisaxe e a tradición da Costa da Morte protagonizan a próxima documental de Lois Patiño.
Máis novas
- Dunha casa no Ézaro a un cubo en NY.
- Sicixia, a primeira película que se rodará integramente na Costa da Morte.
- O Naufraxio de Laxe protagonista dunha documental con 50 anos de historia.
- A Illa do Lixo. Unha nova xoia audiovisual do IES de Baio.
- Un sitio distinto: A primeira serie de animación con D.O. Bergantiños.
- O apagón do torreiro.
- A documental Lira gaña o premio do público no Green Up Film Festival.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).