Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O éxito do III Carballo Interplay asegura unha cuarta edición no 2017

O éxito do III Carballo Interplay asegura unha cuarta edición no 2017
Numeroso publico seguiron as actividades do Carballo Interplay Numeroso público seguiun as actividades da terceira edición do Carballo Interplay Co seu irmá pequeno á volta da esquina - os Premios Fouciño de Baio - a organización fai balance da III edición do Carballo Interplay. E os resultados non poden ser mellores, xa que o éxito da pasada convocatoria consolida as bases para a celebración dunha cuarta edición, "que seguirá intentando chegar cada vez máis lonxe e atraer a máis xente", en palabras da súa directora, Sonia Méndez. "A asistencia de público foi todo un éxito, tanto nas actividades como a través das redes", afirma Méndez, "nas que Carballo se converteu durante tres días en sinónimo de cultura e creatividade dixital global". O CIP converteuse nunha cita imprescindible para o sector audiovisual máis creativo e innovador. Xa é unha referencia para os creadores de contidos dixitais do panorama nacional e con cada edición adquire máis relevancia internacional, converténdose nun punto de encontro no que coñecerse e establecer sinerxías das que xurden novos proxectos conxuntos. Bo exemplo disto é a cada vez máis numerosa asistencia de creadores internacionais e estatais ao certame, da que xurden iniciativas como a colaboración do galego Enrique Lojo cos andaluces Entertainment ou o proxecto Peter Brandon, dos Porco Bravú e máis do humorista Pedro Brandariz, que verá a luz nos próximos meses. Webseries en galego Un dos éxitos máis salientables desta terceira edición foi o da convocatoria de proxectos de webserie en galego cun premio de 1.500€, na que resultou vencedora a mencionada Peter Brandon e da que sairán alomenos tres webseries máis, as finalistas Dowson e Pillei, de Victor Grande; A Espiral de Fibonacci, de Alejandra Piot, Paula Andrade e Iria Rodríguez; e  Lucas, de Oscar Pardo. Tamén a webserie Muerte al youtuber, nacida ao abeiro do programa formativo FormaCIP, adquiriu vida propia e comeza agora o seu periplo por outros festivais de webseries. O Festival adquire, así, tamén, o papel de catalizador da creatividade dixital galega. Outro dos obxectivos que a organización do Carballo Interplay considera cumpridos nesta terceira edición é a da creación de novos públicos para a cultura dixital galega e en galego. A asistencia de nenos e nenas ás actividades formativas desta edición e a participación da rapazada nos encontros con youtubers, videobloggers, praksters e vines galegos foi todo un éxito, tanto dende o punto de vista cuantitativo como dende o cualitativo, e dá boa conta das enormes posibilidades didácticas que ofrece o Festival. "Trátase", recorda Sonia Méndez, "de actividades formativas cun amplo espazo para a diversión, o que fai que a xente nova se implique e participe moi activamente, o que resulta moi satisfactorio para eles, para os docentes e para nós". Creatividade poetarras O discurso de Sonia Méndez na Gala de clausura do III Carballo Interplay estivo protagonizado por Ada Lovelace, unha matemática e escritora británica coñecida principalmente polo seu traballo sobre a máquina calculadora mecánica de uso xeral ou a “máquina analítica”. Entre as súas notas atópase o que se recoñece hoxe como o primeiro algoritmo destinado a ser procesado por unha máquina. Como consecuencia descríbena a miúdo como a primeira programadora de computadores da historia. "Mentres que outros se centraron únicamente na capacidade dos computadores para facer simples cálculos numéricos", recordou Méndez, "Ada foi máis aló: en 1843 falou dun mundo no que as máquinas programables serían esenciais para o progreso da ciencia e da tecnoloxía e mesmo declarou que estas máquinas poderían chegar a executar música, compoñer sinfonías ou complexos deseños gráficos". "Non foi a precursora dos codificadores e hackers de hoxe en día", aclarou, "pero si unha pioneira que foi quen de imaxinar como a seguinte xeración tecnolóxica cambiaría o mundo e fíxoo combinando o seu coñecemento matemático cunha vívida e "poética" imaxinación. En resumo, Ada Lovelace imaxinou no século XIX o que estamos a vivir no XXI". A figura de Ada Lovelace permitiulle á directora do Carballo Interplay defender a importancia da imaxinación e da liberdade creativa, que están na base mesma da Internet e que son imprescindibles, tamén, para desenvolver un proxecto como o CIP. "Fai falla deixar espazos para a imaxinación", recordou Méndez, "e en Carballo levan tres anos ofrecéndonos o seu espazo e a súa confianza para deixar voar a nosa". A directora do certame agradeceu, así, a "liberdade" e o "apoio" prestados polo Concello de Carballo e máis pola Deputación de Coruña, así como polo resto de patrocinadores. Palmarés palmares carballo interplay O xurado composto por Noel Ceballos, xornalista especializado en cultura popular; Miriam Hernanz, directora do Lab de RTVE.es; Niko Gómez, creador de Cálico electrónico; Carlota Núñez, youtuber galega coñecida como Duulcedeleche; Araceli Gonda, en representación da Asociación Galega de Guionistas; e Jorge Coira, en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, decidiu outorgar os seguintes premios:
  • Mellor webserie de imaxe real, dotado con 800 euros e trofeo, para El Partido
  • Mellor webserie de animación, dotado con 800 euros e trofeo, para Orfanato Atroz; mención especial para Niño Ratón
  • Mellor webserie internacional, dotado con 800 euros e trofeo, para Arthur; mención especial para Aventuras de Corazón roto
  • Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, para Poetarras
  • Premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para Alex Rodrigo, por El Partido
  • Premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, para David Sainz, por El Colega Canario
  • Premio á mellor actriz, dotado cun trofeo, para Esperanza Guardado, por Briget Jon de Triana
  • Premio ao mellor actor, dotado cun trofeo, para Oscar Lara, por El Colega Canario
  • Premio de Honra para Pedro Reyes
  • O público, pola súa banda, concedeu cos seus votos o Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, a Beto

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios