Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O IES Parga Pondal afía argumentos para a final galega do Club de Debate

O IES Parga Pondal afía argumentos para a final galega do Club de Debate
Club de Debate-Carballo-Parga-Pondal Final Galega do Club de Debae 2015 en Carballo

Francisco Javier Martínez Cambón, Sara Cancela Blanco, David Castro Reigia, Ana Cambón Periscal, Lorena Bello Reyes, Irene Quintela Nieto, Cristina Fuentes Lorenzo, Sabela Lista Rodríguez, Marina de la Iglesia Costa e Mónica Tato Romero.

Son os membros do equipo do IES Parga Pondal que participarán na final galega do IV Club de Debate. que se celebra este domingo en Carballo. E algo deben ter no centro de ensino pois xa foron os gañadores do certame do ano pasado. Este ano afiarán as verbas para superar en argumentos a outros 5 equipos de Rois, Pontevedra, O Carballiño, Padrón e Negreira, despois dunha Fase Zonal na que estiveron 3 equipos carballeses, nun programa no que participan 23 equipos de 9 concellos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL). Do de Carballo xa temos falado moitas veces pola súa continúa actividade.

Debatindo sobre o galego

“Herdamos o galego, temos que transmitilo” será o tema sobre o que terán que debater. A xornada arrinca domingo, día 26 de abril, no Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 10.30 h. Ao longo do día disputaranse seis debates, todos abertos ao público e, en cada un deles, un equipo defenderá a postura a favor e o outro a postura en contra, sempre sobre o mesmo tema: “Herdamos o galego, temos que transmitilo”.

De cada debate, o xurado, composto por xornalistas, lingüistas e docentes, emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final. O equipo mellor puntuado recibirá como premio unha viaxe multiaventura para 20 persoas dunha fin de semana a Portugal. Nesta viaxe terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. Os equipos que chegaron a esta final xa recibiron, ademais, como clasificados das fases de zona, premios de 500 € e 300 € en material cultural en galego.

A entrega de premios está prevista para as 19.30 h no propio Pazo da Cultura de Carballo e nela participará, igual que na benvida (10.30 h), o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e diversos/as responsables políticos/as dos outros concellos participantes.

Novas relacionadas

Comentarios