![]()
A
cuarta edición do festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay converterá de novo, a primeira semana de maio, a vila na capital da cultura dixital global. Segundo veñen de anunciar en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez, o
CIP traerá a Carballo do 4 ao 6 de maio "unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais". O Carballo Interplay, que nacía hai catro anos como o primeiro festival de webseries de España, converteuse axiña nun referente estatal e agora avanza un paso máis, explorando os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis novidosos cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para internet.
Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, fixo un repaso polo programa do IV Carballo Interplay, con propostas para públicos de idades e gustos diversos e onde
"as mulleres creadoras terán un importante protagonismo". Participarán no CIP as novísimas
youtubers Soy una pringada, unha anti-youtuber basca con máis de 80.000 suscritores, e
Carolina Iglesias, unha guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 suscritores no seu canal,
Percebes y grelos. Dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoblado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos. Tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube, da man da guionista e xornalista
Isa Calderón, creadora das “reviews fuertecitas” coas que despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística, e de Los Prieto Flores, unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un
show ao vivo recreando o - ben coñecido polos seus seguedores - salón da súa casa.
Charlas
![interplay2017]()
Todas as actividades que se enmarcan dentro do Interplay 2017 son gratuitas e de acceso libre ata completar aforo
Tras unha década de experimentación e amateurismo, a produción de contidos audiovisuais para internet está madurando, tamén no que respecta ao salto profesional. Diso falarán, o sábado pola mañá,
Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia),
Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e T
eresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment).
Despois, o CIP transitará os camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais da man dos
community manager de Land Rober -
Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios - e Luar (
Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de
Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía e incansable comentarista televisivo.
Internet pode ser, tamén unha ponte pola que saltar a traballar na televisión. Diso falará
Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa master class sobre o Humor na rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.
A compañía de
teatro Chévere - premio nacional de Teatro - celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote.
Os padriños do Interplay
David Sainz e
Teresa Segura serán os padriños do Interplay 2017 e aquí presentarán a
longametraxe Fogueo; unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas. A outra
estrea mundial do CIP 2017 é a da webserie Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do festival.
![presentacion-carballo-inteplay-2017]()
Hoxe presentouse o festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de maio
Neste sentido, Sonia Méndez recordou esta mañá que
o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto ata o 17 de abril. "É unha aposta do festival", asegurou a directora do Interplay, "apoiar a produción de novos contidos para Internet". O premio é de 1.500 euros e a webserie gañadora decidirase nun
pitching no propio festival. Xosé Regueira, pola súa banda, destacou que outra dos proxectos que participaron na pasada edición e que non resultou premiada dentro do CIP si contou co apoio do concello de Carballo, chegou a realizarse e gañou, de feito, o premio Mestre Mateo. As persoas que queiran participar, poden facelo a través da
web do certame. Tamén están aínda abertas, na web, as inscricións para os
obradoiros FormaCIP para adultos e para crianzas.
Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo".
Máis información e inscricións
- Bases para o concurso de webseries
- Bases para proxectos de webserie en galego
- Formulario de inscrición.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Carballo Interplay