Mércores. 21.08.2019
El tiempo

118 corredores disputaron a máxica Carreira das Areas de Carnota

118 corredores disputaron a máxica Carreira das Areas de Carnota

En pleno verán os atletas compiten por Galicia adiante, e este sábado 18 de agosto a cita foi na Praia de Carnota para participar nunha carreira sen dúbida diferente ás demais, como foi a XXI Carreira das Areas, cuxo circuíto de 10 km discorre por plena praia e por asfalto.

Dadas as peculiaridades desta proba, e para poder correr polas zonas de area dura na praia, a organización ten que ter en conta os horarios das mareas, polo que nesta ocasión a hora fixada para o inicio foi ás 10 h, en plena baixamar.
Ás 10 da maña deuse a saída aos máis pequenos, que partiron dende o areal para percorrer por el 1.5 Km e outros tantos por asfalto para chegar a casa consistorial. Entraron por meta un total de 40 corredores e o mellor tempo fíxose en 10:58.37.

Carreira das Areas de Carnota 2012 - Podio das pequenas - Foto- Jorge Parri

Inmediatamente despois da chegada dos cativos foi a quenda dos maiores, que neste caso saíron dende o Concello. A primeira baliza, situada a 1.5 Km, marcaba o inicio do areal na súa pasarela de madeira; a segunda estaba situada no lugar de Maceiras, a 1.7 Km da primeira baliza; e seguindo o percorrido, topamos a última baliza na Boca do Río, polo que en total corréronse un total de 6 Km pola area e dende alí iniciouse o regreso á Casa do Concello, para completar os 10 Km.
Un total de 118 corredores pasaron pola meta, o primeiro deles cun tempo de 33:48.77. Este foi o atleta do Sar A Poutada Rubén Caamaño Nieto. Por detrás del chegou Ramón Ríos Calvo e o ceense Jorge Rodríguez Lariño, a tan só un minuto e medio.

Carreira das Areas 2012 - Foto- Jorge Parri - Podio da categoria absoluta

Repoñendo forzas

Ó remate da proba, houbo avituallamento de comida e bebida, grazas á colaboración de Shark, Coca-cola e Gadisa, que ofreceron augas, bebidas enerxéticas e outros produtos, así como un pequeno agasallo para os cativos. Tamén puideron gozar duns exquisitos roscóns e da habitual camiseta conmemorativa da carreira. A entrega de trofeos foi da man do alcalde que lles entregou aos tres primeiros de cada categoría unha bonita bandexa feita polo ceramista local Nacho Porto.

Dende o Concello queren agradecer a todos os corredores a súa participación e pedir desculpas polos posibles erros cometidos. Esperan así poder seguir facendo esta carreira máxica moitos anos máis.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).<&/li>
  • Fotos de Jorge Parri.
  • Información do Concello de Carnota.

Comentarios