Venres. 29.03.2024
El tiempo

3ª Autonómica: A Liga fractúrase

3ª Autonómica: A Liga fractúrase
Seque a bipolaridade da Terceira, a metade da táboa para arriba contra a metade para abaixo. Salvo nos enfrontamentos directos, nos que o Cerqueda se fixo con moitos apuros cos tres puntos fronte ao Alcaián, o mesmo lle pasou ao Carnota fronte ao Volantes, o resto foron vitorias dos da parte alta. O Coristanco custoulle en Lira, ao Porteño moito en Carballo, mentres que o Outes, pese a golear atopouse cun filial soneirán que os puxo en máis apuros do esperado. O que sacou o seu encontro con máis comodidade foi o Montelouro fronte ao Camelle. Igualdade nos encontros, pero os puntos caen para os da parte alta.

Carnota - Volantes (5-3)

  • CARNOTA: Peipo, Tono da Caixa, Pedro, Urko, David Castreje, Rodri, Andrés (Manolo, min.80), Manuel Luis, Joselu, Manoliño (Raul min.84) e Toniño.
  • VOLANTES: Masu, Juan, Moncho, Mou, Maikel (Javi, min.60), Paquy (Piru, min.70), Varo, Ramón, Brais, Piti (Nimo, min.15), Pardelo (Benja, min.80) e Ivi.
  • Goles: 1-0, min.5: Manoliño; 2-0, min.15: Manuel Luis; 2-1, min.30: Brais; 2-2, min.55: Ivi; 3-2, min.60: Joselu, de penalti; 3-3, min.80: Ivi; 4-3, min.90: Manuel Luis; 5-3, min.93: Toniño.
  • Expulsións: Un xogador local e o visitante Brais (min.85) por dobre cartón amarelo.
A expulsión de Brais foi determinante para que o Carnota se levara os tres puntos no tempo de desconto. O choque estivo moi igualado e calquera dos dous equipos se puido facer coa vitoria. Saíu o Carnota cas ideas moi claras, presionar arriba e buscar moito a Manoliño. Os primeiros 20 minutos foron de dominio local que marcaron 2 goles e puido ser algún máis. Aos 15 minutos os visitantes tiveron unha baixa importante como é o seu referente en ataque Piti, no bando visitante quéixanse da persecución cara este xogador, pois xa recibira unhas cantas faltas antes. A cousa cambiou cando Brais colle un balón que viña polo aire, contrólao co peito e sen deixala caer tira desde campo propio e sorprende ao porteiro Peipo. A partir de aí foi todo mais igualado. Xa na segunda parte Ivi empataba á saída dun córner, 5 minutos despois veu o lío, penalti a favor do Carnota, falta clara, pero os de Baño non podían crer como non pitara o fóra de xogo anterior ao penalti. Pouco despois o Carnota quedaríase cun home menos e o Volantes foi arriba na busca do empate. Este chegaría a 10 minutos para o final cando Ivi volve a marcar ao coller o rexeite dunha falta botada por Brais. A cinco minutos par ao final, cando mellor estaba nos visitantes chegou a expulsión de Brais que deixou aos eu equipo orfo no medio campo e facilitou a vitoria local. Xa no desconto, o Carnota saca unha falta lateral, tócana de cabeza e o balón cáelle a Manuel Luís que pon o 4-3, protestada foi a posición adiantada na que se encontraba o atacante local. Xa sen tempo para moito mais e co Baño volcado, o carnota fixo o 5-3 nunha contra. Foi un bo partido, sen moi bo xogo pero con moita emoción e tensión e cun campo cheo de xente dos 2 equipos.

Laxe - Atl. Pereiriña (4-1)

  • LAXE: Illote, López, Dani, Jaja (Óscar, min.46), Antonio Castro, Adán, Iván (Iván Ventura, min.75), Aarón, Jacinto (Zurich, min.46), Darío e Martín Rivera (Antonio Naya, min.85).
  • ATL. PEREIRIÑA: Simón, Alvaro (Javier, min.80), Javichu, Gabri, Mateo, Adan, Paulino (Vitor, min.46), Alex, Morcillo, Fran (Néstor, min.20) e Poqui.
  • Goles: 1-0, min.13: Antonio Castro de penalti; 1-1, min.52: Alex; 2-1, min.54: Zurich de penalti: 3-1, min.65: Dario tras unha xogada; 4-1, min.80: Martín Rivera de penalti.
  • Expulsións: Os visitante Simón (min.54) por dobre cartón amarelo, Gabri (min.59) por cartón vermello directo e Mateo (min.70) por dobre amarela.
4 penaltis e 3 expulsións foi o balance arbitral do encontro no que o Laxe venceu a un Pereiriña, que cunha plantilla para aspirar a algo máis, non lle saen as cousas e parece que o infortunio se ceba con eles. O sábado acumulaban 9 baixas e acabaron con tres expulsados e dous lesionados. O partido foi moi loco e os de Cee mereceron algo máis. O Laxe saíu mellor ao partido e aos quince minutos tivo recompensa ao mellor xogo marcando de penalti. A partires de aí os visitantes reacionaron e foron asentándose no campo. Tralo descanso veu a loucura toda. Os da Pereiriña conseguiron igualar o choque merecidamente por medio de Alex, pero pouco lles durou a alegría, na seguinte xogada unha saída de Simón que acaba facendo falta sobre un atacante local acaba en penalti. Os visitantes protestaron moito a xogada, pois previamente consideran que o de Laxe lle fixo falta ao defensa Gabri. Simón foi expulsado e Mateo tivo que poñerse baixo paus e non puido deter a pena máxima. Non se amilanaron os visitantes que seguiron con ilusión de sacar algo positivo e pouco despois Morcillo ten un man a man e mandou o balón ao longueiro. A partir de aí as cousas foron máis costa arriba. Os locais chegaban con perigo e Gabri sacou un balón baixo paus coa man, penalti e expulsión. Os locais erran o penalti, pero uns minutos despois a contra marcan o terceiro. Si as desgrazas non eran suficientes, nunha xogada posterior, saída de Mateo, penalti e expulsión. Os locais marcaron a pena máxima para poñer o definitivo 4-1. Destacan os visitantes un xesto de xenerosidade dun atacante local que cando encaraba a porta e tiña toda as papeletas a favor para marcar tirou o balón fóra ao caer Alvaro o chan por un calambre. Aínda que as sensacións e actitude foron boas, incluso con 9 sobre o campo, os da Pereiriña non acaban de arrancar e levan 4 derrotas e outros tantos partidos, son o único equipo que aínda non sabe o que é puntuar esta tempada.

Cerqueda - Alcaián (2-0)

  • CERQUEDA: Che, Javi Pazos (Nión, min.65), Athu (Maikel, min.46), Javi, Juan, Jorge (Rober, min.55), Santi, Dani, Lorenzo, Alex (Jonathan, min.75) e Dani Añón (Dieguito, min.58)
  • ALCAIAN: Rizos, Fran (Iván Souto, min.70), Luís, Dani, Negreira (Daviciño, min.60), Pio, Tote (Pichel, min.46 (Andrés, min.70)), Víctor, Roberto, Rubén e Pistolas.
  • Goles: 1-0, min.20: Alex, de penalti; 2-0, min.62: Luis, en propia porta.
  • Expulsión: O visitante Dani, unha vez rematado o encontro.
Parece que as festas locais lle pasaron factura aos de Cerqueda que non xogaron o seu mellor partido, pese a iso, leváronse os tres puntos que lle permiten seguir na loita do ascenso directo colocándose con 13 puntos e coa xornada de descanso cumprida. Na tarde noite do sábado os malpicáns fixeron un partido moi práctico, adiantáronse no marcador e logo limitáronse a defender a renda. Alex transformou unha pena máxima feita sobre el, moi protestada polos visitantes. Lorenzo puido ampliar o marcador, pero o seu disparo foise ao longueiro. Na segunda metade o partido seguiu coa mesma dinámica, moito contacto e pouco xogo. Unha xogada desafortunada dos de Alcaián na que Luís lle cede o Balón a Rizos, este non acerta a despexar e o balón vai cara a porta, as queixas visitantes son en que o balón non entrara por completo, sen embargo o colexiado concedeu o gol, subindo o segundo ao marcador.

Lira - Coristanco (0-1)

  • LIRA: Miguel Anxo, Fernando, Abel (Oscar, min.75), Yerai, Miche (Manolo, min.40), Suso Patachin, Fran Petete (Alvaro, min.70), Gabri, Fran Perico (Iago, min.75), Lalo e Ancho.
  • CORISTANCO: Pombo, Dani, Oscar, Germán, Marcos, Pazos (Benitez, min.65), Sergio, Luís, Edgar, Toniño e Mallón.
  • Gol: 0-1, min.65: Luís.
Partido entre dous históricos da Costa que non pasan polo seu mellor momento clasificatorio. A primeira parte comezou sendo igualada, pero a medida que os folgos foron faltando debido o abafante calor que houbo en Carnota, empezáronse a abrir espazos e en consecuencia empezouse a ver mellor fútbol, cos dous equipos tocando ben o balón. Non houbo ocasións claras nos primeiros trinta minutos, pero a partires de aí, o Coristanco comezou a inquedar a portería local por banda esquerda por onde aproveitaban a súa velocidade os visitantes, tendo franco un remate de cabeza na area pequena que saíu por pouco. Pero o Lira, tampouco se quedou atrás, e tocando e tocando trenzou das inmellorables xogadas que non foron definidas cando o mais sinxelo era terminalas en gol, despois de tocar entre Gabri, Ancho e Lalo, que non acertou a definir en ámbalas ocasións. A segunda parte foi mais do mesmo, pero o mediocampo xa foi totalmente local, debido a que os visitantes non contaban con xogadores de refresco, pero inda así, aproveitándose de balóns as costas da defensa local, e da astucia de Toniño para crear máis perigo de gol que na primeira metade, chegando o único gol do partido no minuto 65, logo dun barullo tremendo na área e de pegar o balón en varios defensores, rematar a bocaxarro contra o porteiro local e o ultimo rexeite foise para dentro nunha acción moi protestada polos locais por posible fóra de xogo. A partires de aí o Lira foise mais arriba, pero sen materializar o seu perigo, tendo a ocasión de rematar o partido a contra o Coristanco, por medio de Toniño que estrelou fronte ao porteiro local o balón nun man a man e Mallon que a medio metro da liña de gol e co porteiro no outro pau, confiouse e este doulle tempo a tapar portería cando todo o mundo estaba cantando o 0-2.

Independiente - Porteño (0-1)

  • INDEPENDIENTE: Noé, Efren (Juni, min.60), Dani, Míchel, Rafa (Jonathan, min.46), Carlos, Cholo, Sande, Brian (Javi, min.70), Iván Lorenzo (Gustavo, min.65) e Ivi.
  • PORTEÑO: Asiel, Pejo, Oscar (Yago, min.68), Yago Sestallo, Asier (Sergio Vilaseco, min.70), Pablo de Quintáns (Maikol, min.46), Cousillas, Brais, Ismael, Pablo de Santacristiña (Wi, min.55) e Jorge.
  • Gol: 0-1, min.86: Wi.
Un gol de Pepe Wi a poucos minutos do final foi decisivo para sumar tres puntos o Porteño, igual que a semana pasada, e iso que os pupilos de Gerpe non mereceron tanto botín. Sen ser un partido cun dominador claro, os locais tiveron as mellores ocasións de gol por medio de Sande, Ivi, Iván Lorenzo e Gustavo. Os de Carballo reclamaron airadamente unha pena máxima sobre Cholo na segunda metade. Finalmente o maior oficio e acerto dos da Ponte lle dá os tres puntos que os mantén de pleno na loita polo ascenso. O Porteño é, dos equipos que están na parte alta da táboa, o que mellor rendabiliza os seus goles, tan so leva 8 en seis partidos, pero tamén destaca por levar só 2 encaixados, o que menos, igualado co Montelouro, aínda que estes cun partido menos.

Soneira B - Outes (1-4)

  • SONEIRA B: Víctor, Marquitos (Curra, min.55), Chans, Pichón, Alberto, Roi, Dani, Vicente, Ricardiño (Cachi, min.88), Cristian de Carantoña (Cristian de Cereixo, min.70) e Capote (Efrain, min.82)
  • OUTES: Gato, Debé (Primo, min.60), Saúl, Chúa, Arturo, David, Poke (Martín, min.60), Potro (Kin, min.46), Deivi, Pesco (Pitu, min.79) e Damian (Fernando, min.46).
  • Goles: 0-1, min.14: Deivi; 0-2, min.23: Damián; 1-2, min.37: Chúa en propia porta; 1-3, min.54: Kin; 1-4, min.90: Fernando.
A maior pegada dos de Outes foi determinante para levarse os tres puntos do Municipal, cunha goleada que non fai xustiza ao que aconteceu no terreo de xogo. Comezaron moi ben os locais, imprimíndolle moito intensidade ao xogo e cunha presión sobre o balón que impedía que os pupilos de Manu Roque puideran facer as transicións con comodidade e por tanto chegar con perigo. Baseándose en xogadas a balón parado os de Vimianzo creaban moitas dúbidas na defensa visitante e tiveron 3 ocasións moi claras de gol, incluso estrelaron un balón no longueiro. Os de Outes tiñan no seu dianteiro Deivi o home máis perigoso, e por medio del chegou o primeiro gol e tamén fixo a xogada do segundo cedéndolle para Damian que marcou a pracer. A rentes do descanso, un saque en longo do meta Víctor acabou con Chúa peiteando o balón cara atrás batendo ao seu compañeiro por arriba. Tralo descanso caeulle o terceiro aos locais e tamén lle cortou os ánimos de remontada. Os visitantes asentáronse máis sobre o campo e impediron que as chegadas con tanta facilidade do seu rival, ao contrario da primeira parte. Ricardiño tería a mellor ocasión do seu equipo para recurtar a distancia no marcador, prantouse só ante Gato, pero este desfixo o perigo. Xa en tempo de desconto, unha xogada de picardía no saque rápido dunha falta deixou só a Fernando ante Víctor e bateuno no man a man.

Camelle - Montelouro (1-5)

  • CAMELLE: Coruña, Juanjo, Diego (Adrián, min.30), Iván, Cristian (Alvaro, min.55), Valiña, Alvaro, Mario, René, Martín (Sergio, min.60) e Felipe Barreiro.
  • MONTELOURO: Jose (Isma, min.65), José (Jeiko, min.55), Pedro de García, César, Alvaro (Juan, min.75), Chema, Chumy, Raúl (Denís, min.60), Pesco, Jarondo (Germán, min.75) e Rico.
  • Goles: 1-0, min.3: Cristian; 1-1, min.8: Rico; 1-2, min.20: Rico; 1-3, min.35: Rico; 1-4, min.70: Jarondo; 1-5, min.80: Pesco.
Si xa tiña a enfermería cargada,aínda terá que engadir un máis o Camelle, este sábado foi Diego o que levou un forte golpe nun nocello e tivo que desprazarse ao San Rafael a facer unha revisión. Tanta baixa propiciou que Coruña, xogador de campo, se tivera que poñer na porta e pouco puido facer para deter o vendaval de Louro que puido endosar unha goleada maior.

Fisterra B – Corcoesto (1-0)

  • FISTERRA B: Davi Perlón, Diego (Tano, min.70), Didier, Jorge (Manu, min.83), Rober (Santy min.70), Eddy, Rubia (Gabinho, min.70), Bruno, Carlos (Pirri, min.63), Jose da Anchoa e Insua.
  • CORCOESTO: Siro, Rodri, Edelmiro, Germán, Pablo, Longo, Uru (Pichón, min.55), Javi, Miguel, Luís e Couto (Manuel, min.70).
  • Goles: 1-0, min.48: Eddy, de penalti.
Gran partido o disputado en Ara Solis. O filial Fisterrán foi superior ao Corcoesto na primeira metade e primeiro Carlos e despois Jose Da Anchoa marraron sendas ocasións que puideron decantar o partido para os locais. Pero antes do descanso o Corcoesto marrou un penalti por medio de Miguel que lanzou fora. O Fisterra B na segunda metade saíu con moitas forzas e conseguiu provocar o penalti que marcaría Eddy. A partir de aí o Fisterra B dominou por completo pero non foi quen de aumentar a súa vantaxe no marcador. O Corcoesto tan só fixo perigo en xogadas a balón parado nas que mandou dous balóns ao poste por medio de Pichón e Javi. Ao final o filial fisterrán conseguiu a primeira vitoria da temporada que tanto merecera en anteriores encontros empatados.

Muxía - Xaviña (3-2)

  • MUXÍA: Angel Luís, Carrera (Santi, min.57), Martinciño, José Manuel, Currás, Pataca, Yuni, Raúl (Ramón, min.68), Arsires (Jose Ignacio, min.46), Albertiño e Ziro.
  • XAVIÑA: Pablo, Jallejo, Diego, Sergio, Maikel, Juan Antonio, Búa, Ismael (Brion, min.20 (Adrián, min.85)), Chapu (Elvis, min.30), David (Angel, min.67) e Martín.
  • Goles: 1-0, min.7: Arsires; 2-0, min.14: Albertiño; 2-1, min.69: Martín; 2-2, min.72: Brion; 3-2, min.78: Ziro.
  • Expulsión: O local Yuni (min.74) por dobre cartón amarelo.
Unha parte para cada equipo e cun resultado que puido ter calquera das tres variantes, finalmente caeu do lado local e moi protestado polo bando visitante o colexiado que sinalou dous fóras de xogo con empate a dous que puideron cambiar o sino do encontro. Arsires adiantou ao muxiáns que xogaron unha primeira metade moi seria, anticipouse a un balón na saída do porteiro e tras picarlle o balón acabou remachando en liña de gol. Logo foi Albertiño cun tiro dende fóra da área o que puxo o segundo. Tralo descanso os muxiáns baixaron moito o rendemento e os xaviñáns adueñaronse do balón e das ocasións. Martín e Brion marcaron para conseguir o empate e seguiron sediando a porta de Angel Luís, que reaparecía tras cumprir a longa sanción do ano pasado. Nun chegada aillada Ziro cun tiro cruzado puxo o definitivo 3-2 e dáballe a primeira vitoria para o Muxía.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios