Árbitros de Primeira para os primeiros derbis do ano na Liga da Costa
07:56 20/09/18
Algúns os árbitros da Costa nun Torneo do ano pasado
Na segunda xornada da Liga da Costa chega xa o primeiro dos moitos derbis que este ano se vivirán e que darán unha cor especial á competición (por exemplo, na Segunda Galicia coinciden tres equipos malpicáns e na Terceira Galicia catro equipos camariñáns, ademais dos Corme-Ponteceso, Cabana-Nantón...).
O primeiro derbi da Liga da Costa disputarase o domingo en Xaviña (Buño) e enfrontará a Cerqueda e Malpica. O encontro será dirixido por Adrián Pérez Rellán, colexiado de Primeira Galicia.
Tamén haberá árbitro de Primeira Galicia no derbi da mañá dominical na División de Honra do fútbol veterano que enfrontará nas Redondas a Corcoesto e Cabana, e será neste caso David Vázquez Lema quen dirixa o enfrontamento.
Os colexiados de Primeira Galicia da Costa toman o protagonismo do noso fútbol, pois tamén das súas decisións dependerán os destinos de dous equipos costeiros da categoría, Baio e Fisterra.
O Baio recibirá ao Piloño, e o encontro estará dirixido por David Castreje, a quen auxiliarán Carlos Señarís e Sebastián Pérez. O Fisterra-Tordoia, pola súa parte, será dirixido por Alberto Baña, con Rubén Reborido e Lucas Vicente nas bandas.