Chega esta segunda fin de semana de decembro, a penúltima con Fútbol da Costa deste ano 2014. E chega cunha marea de partidos en todas as categorías, sen parada.
Comezamos a Previa por arriba, pola Preferente - Senra Sport, cos dous equipos case igualados tralos últimos resultados. Proba de lume para saber ata onde pode chegar o Dumbría pois recibe a todo un Noia, segundo na táboa a 6 do imponente líder, o Negreira. Pola súa parte, o cadro xalleiro quere acadar a súa terceira vitoria consecutiva na visita ao Estudiantil, equipo que ocupa a 14ª posición e que leva 6 partidos sen coñecer a vitoria.
Vén marcada a xornada 1ª Autonómica - Clínica Vértebra polos dous derbis costeiros. Urxente será o de Esteiro, onde o míster local Pedrosa, que só leva 2 semanas á fronte, xa se prantexa deixalo banco pola falta de implicación. En fronte terán a un Malpica irregular pero que non chega no peor momento.
Mentres, en Vimianzo, o Soneira, que rompía unha mala xeira a semana pasada semana pero que necesita sumar, recibe a todo un Baio, segundo na táboa só por detrás do poderoso líder, o Sofán. Precisamente, o cadro carballés non pode fallar na casa, onde conta partidos por vitorias, ante o Sigüeiro. E finalmente, o Corme visita a un bo Cordeiro, no que pode ser un bo momento para recuperar os puntos perdidos nestes dous meses despois do comezo fulgurante dos de Lentejo.
Non hai choques directos na 2ª Autonómica - ES Bazarra, pero si que haberá moita emoción e moito en xogo.
Mentres, na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira a xornada vén marcada pola sanción con 3 puntos ao Lira por suposta aliñación indebida. Ademais, o partidazo da xornada será o Corcubión-Ameixenda. Por moitos motivos, pois ademais dos puntos en xogo, volven ao Cubaleiro grandes do fútbol corcubionés como o propio Manolín, pero tamén Mario, Víctor ou Antón Lestón.
Ademais o Muxía quere vencer ao Nantón para meterse definitivamente na loita pola Promoción, o mesmo que lle acontece ao Castrelo, que esperan un empate entre Coristanco e Nantón.
Chegamos á recta final das Ligas Xuvenís - MáisDeporte, cando quedan 4 xornadas. Polo Sur, temos 3 equipos pelexando por dúas prazas e o Dumbría facendo de xuíz. O cadro dumbriés, que se gaña cantará o alirón, recibe á Esteirana, nestes momentos metido na 3ª praza con 28 puntos, os mesmos que o XSC que non pode perder no derbi ante o Castriz, ambos con 3 puntos máis que Os Miúdos, que teñen que superar a complicada visita do Outes, outro equipo que de vencer e caer á Esteirana se mete de cheo na pelexa.
Polo Norte, os tres de arriba, Cabana, Camariñas e Porteño, poden deixar practicamente sentenciado o seu pase á Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega. O Porteño, o 3º con 28 puntos, é o que, a priori, máis fácil o terá ante o Baio, pero ollo que vén nunha liña ascendente. Mentres, Cabana e Camariñas terán choques ante os aspirantes a unirse á loita como son Cabana e Coristanco, respectivamente.
Cómpre destacar o Corme-Esteirana da 1ª Cadete e o Fisterra-Corme de Infantís.