Figuras da Liga ASOBAL estarán no I Clinic Víctor Vigo de Camariñas
Tremenda a posta deportiva de Camariñas para este mércores, 22 de xuño. De 17:00h a 20:00h, o pavillón do Areal convertirase nun foco de atención nacional, coa visita de grandes figuras do balonmán español, como o camariñán Victor Vigo, que fará de anfitrión con internacional absoluto Pedro Rodríguez ou o subcampión de liga Pablo Cacheda.
Todo será no Primeiro Clínic de Balonmán Víctor Vigo, dedicado a nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2000, ambos inclusive.
Corpo técnico
Un clinic consiste nun adestramento técnico, dirixido por profesionais e figuras contrastadas. nesta ocasión esas figuras serán:
- Víctor M. Vigo Gerpe (Camariñas 1984), xogador do Naturhouse La Rioja, equipo subcampión da Liga Bauhaus Asobal.
- Pedro Rodríguez Álvarez (Vigo 1990) , internacional absoluto coa selección Española de Balonmán, ata esta tempada xogador do Naturhouse La Rioja, equipo subcampión da Liga Bauhaus Asobal. A tempada próxima militará no Pick Szeged de Hungría.
- Pablo Cacheda González (Lalín 1992), xogador do Naturhouse La Rioja, equipo subcampión da Liga Asobal.
- Sarai Sanmartín Lago, xogadora do Bm Porriño da DH Liga Loterías Bm Feminino, finalista da Copa da súa Maxestade A Raíña, 2016.
- Iris Sanjuan Soto, xogadora do Bm Porriño da DH Liga Loterías Bm Feminino, finalista da Copa da súa Maxestade A Raíña, 2016.
- Abel Estévez Carrera, adestrador do Bm Porriño da DH Liga Loterías Bm Feminino, finalista da Copa da súa Maxestade A Raíña, 2016.
Esta xornada técnica contará co apoio constante en todo momento dos anteriores deportistas e adestradores/as do Bm Camariñas Conservas Boya nas diferentes categorías.
Como asistentes contase xa coa presencia confirmada de xogadores/as de Bm Arteixo, Bm Camariñas, Bm Culleredo, Bm Narón, Bm Xallas e moi probablemente do Bm Ártabro, Bm Ribadosar e da Esc. Mpal de Bm de Muxía.
A actividade é totalmente gratuíta para os participantes e tantos profesores/as coma os xogadores/as que participan nela, son os que o convirte nun evento único e ademais totalmente altruísta e desinteresado. Levarase a cabo de 17 a 20h, dividindo os participantes en grupos por categorías. Os e as participantes recibirán un diploma e unha camiseta pola súa participación. Organiza o Concello de Camariñas e colaboran Conservas Boya e o Clube Balonmán Camariñas.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).