mércores. 30.04.2025
El tiempo

Resultados e completa análise da última xornada do 2012

Resultados e completa análise da última xornada do 2012
XSC-Soneira

Última xornada do ano e os equipos da Costa si que xogan aínda que sexa domingo 23 de decembro, mentres os profesionais deste deporte se toman vacacións. E vacacións as que se colle estes días o equipo de QPC, polo que mañá as crónicas non serán tan completas como habitualmente. En todo caso analizaremos os choques máis interesantes, como os derbis de Pref. e 1ª ou os choques directos da 2ª.
Así que a análise de hoxe será máis completa do normal, e mañá traeremos as crónicas dos partidos máis importantes.

Preferente

E coma sempre, comezamos pola Preferente, onde a atención estaba no derbi de Fontenla entre Xallas de Santa Comba e Soneira. O XSC quedaba cos 3 puntos cun gol no tempo de desconto, e en propia meta (mañá vemos a crónica), que lle permite manter a 3ª praza a 5 puntos do líder, cun punto sobre o Boiro e 2 sobre o Dumbría. Un Dumbría que remata o ano cunha gran vitoria ante o Lemos, gracias aos goles de Piri e Aarón Fdez., que lle permite pechar 2012 nunha espectacular 5ª praza. O Soneira, a pesar da derrota en Fontenla, queda nunha 11ª praza, con 22 puntazos.

1ª Autonómica

Fisterra-Malpica-Foto-Wash-Calvo

A xornada da 1ª Autonómica tamén estaba marcada por un derbi. Chegaba o Malpica a Ara Solis no mellor momento da tempada do Fisterra, e foi un choque moi igualado. O cadro malpicán fixo un partido moi serio e non tivo fortuna cara gol. Así e todo Cheo adiantaba aos visitantes que se quedaban con 10 por expulsión de Andrés, e cando quedaban 20 minutos, o caza-goles, Aitor, aproveitaba un roubo de Mané para facer un empate que deixa ao Malpica na 7ª praza con 24 puntos, 4 máis que o Fisterra.
Ademais, o Camariñas non podía co potente Arzúa, que levaba os tres puntos do Hermanas Patiño. Os de Pepucho rematan o ano empatado co Ponteceso, que sumaba unha vitoria fundamental para saír do pozo e mirar o 2013 con ilusión logo dun comezo de campaña moi titubeante. Os de Nacho superaban ao pechacancelas con tantos de Canai, e saen dos postos de descenso e afunden un pouco máis ao Flavia.

2ª Autonómica

Mazaricos-Montelouro-Foto- Edu Olveira

Remata o ano na Liga da Costa a Esteirana líder. Os esteiráns, sen facer un fútbol tremendamente combinativo, saben as súas armas e aproveitan as súas mortais individualidades coma ninguén. Os Kike Paluca, Adelino, Pladur, Alex... seguen facendo estragos nas defensas. Esta última xornada en fronte estaba o potente Sofán, que demostrou que vai loitar ata o final por estar arriba. Os de Mallón se puñan por diante con tanto de Lista á saída dun córner, pero Kike remataba un cabezazo ao fondo das mallas para asinar o empate final. Un empate que lle permite á Esteirana rematar o 2012 con 4 puntos de vantaxe sobre o Baio, flamante 2º tras vencer con solvencia e fortaleza a todo un Corme, que este comezo de temporada non estivo a altura do que se esperaba del. Veremos como afronta o 2013 coa recuperación de moitos nomes importantes.
A situación estrana da xornada dábase no San Paio de Refoxos, cando o colexiado suspendía o encontro entre Cee e Castriz no descanso co 1-1 no marcador. Faltaban 20 segundos para o descanso, e tras unha falta o delegado ceense Rafa protestaba, ao que o colexiado respondeu cunha tarxeta vermella. Aí formouse unha pequena tangana e o árbitro acusou ao delegado de darlle cun dedo no narís, aínda que o Delegado asegura que non lle tocou. O colexiado dicía que se mareaba, así que suspendeu o partido e marchou para casa, ante a estupecfacción de ceenses e xalleiros.

Arbitro do Cee-Castriz-Foto-Jorge Parri

Polo demais, as novas tamén foron importantes na zona baixa. O Dumbría B protestaba unha actuación arbitral que lle deixaba con 10 homes pola expulsión do meta Sergio (Tati tivo que colocarse baixo paos) ademais de pitarlle un penalti en contra moi protestado polos dumbrieses que permitía que o Carnota sumase os 3 puntos. Unha derrota que deixa tremendamente afundido ao filial dumbriés con só 6 puntos, a 7 do Cabana (que empataba co Buño nun choque moi igualado) e 8 do Outes, mentres que o Carnota, unha das sorpresas da tempada, queda 7º con 29 puntos; a 2 do Zas, outras das sorpresas do ano, que empataba a 0 en Miraflores ante un Muros que espera que o 2013 sexa mellor que este 2012.

Volvendo á zona baixa, o Montelouro sumaba a súa 9ª derrota consecutiva, e foi superado polo Mazaricos que respira tras un claro 3-0. Ademais, o Outes non podía co San Lorenzo, que vencía tamén por 3-0 mesmo fallando un penalti e pega un gran salto na clasificación.

3ª Autonómica

O Porteño pecha o ano invito e líder a pesar de deixarse 2 puntos ante o Baíñas

Parou o Baíñas ao Porteño nesta última xornada do 2012, pero cun empate, non con unha derrota, polo que o Porteño remata este comezo de temporada invito. O único equipo do fútbol da Costa que non coñece a derrota empataba a 1 en Vimianzo, e queda líder. Pero por detrás, ollo con Independiente e Camelle, que manteñen o pulso a ritmo tamén impresionante. Os carballeses superaban 4-0 ao Alcaián con solvencia, e tantos de Castro, Cholo, Carlos e Juny, e quedan a só 3 puntos do líder. Ademais, o Camelle vencía 1-3 ao Coristanco con goles de Matías, Barreiro e Varu, e queda só a 4 do Porteño.

Entre 3º e 4º está a fenda da táboa. 10 puntos separan a Camelle de Cerqueda, o que fai que haia dúas loitas abertas, polo liderato e por esas 3 prazas que quedan ata a 6ª, e que permitirá acceder á Liguilla de ascenso. Esa loita está moi aberta e entre o Muxía, hoxe xa 6º, e o Nantón, 11º, só hai 3 puntos.
E si, o Muxía de Papi colócase por primeira na tempada entre os 6 primeiros tras vencer ao Cerqueda nun dos choques máis importantes da xornada. Os muxiáns quedan agora a só 5 puntos dos malpicáns. Entre eles, un Soneira B que sufría para superar ao pechacancelas, un Castrelo que remata o seu primeiro ano sen coñecer a vitoria pero con claros visos de mellora, e con ilusión para afrontar o 2013.
O Ameixenda recuperaba o alento perdido nas últimas xornadas vencendo ao Nantón, e rompendo a igualdade que mantiñan ambos equipos na táboa. E o Laxe, sorprendía a un Lira capaz do mellor e do peor, e recibía un 1-6 algo deshonroso.

Ligas Xuvenís

Fisterra-Dumbria de xuv-Foto- Jorge Parri

Practicamente sentenciadas quedan as Ligas Xuvenís. Polo Sur o empate entre Fisterra e Dumbría, con tantos de Bruno para os verdes e de Martín para os brancos, deixa ao Cee practicamente sen opcións, unha vez que ten o golaverage particular en contra co cadro fisterrán e a última xornada parece de trámite se o Fisterra cumple e supera, como é de esperar, ao Soneira. Ademais, o Dumbría, co empate, tamén queda líder, e con facer o mesmo resultado que o XSC na última xornada mantería o primeiro posto. Así, Dumbría, XSC e Fisterra serían os 3 clasificados polo Norte para a Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega, enfrontándose ao Ponteceso, Cabana e Malpica.
I é que estes son xa os fixos para a fase do grupo 4. O Ponteceso, implacable durante todo a campaña, rematará líder esta curta Liga, aínda que o Cabana, 2º, e tamén cuns grandes números, pode amosarlle os dentes na última xornada, que só servirá para medir forzas. Ademais, o Malpica batía definitivamente ao Baio con goles de Juny e Pitís, e deixando aos baieses sen premio.

Ligas Galegas

Mala foi a xornada para os nosos na Liga Galega Cadete pero boa en Infantís. En cadetes Dumbría e Bergantiños caían ante Deportivo B e Monteañeros B, quedando os dumbrieses 3º, a 7 puntos do cadro deportivista, e a 6 do Santiago de Compostela. O Bergan pola súa parte remata o ano nunha meritoria 9ª praza. Ademais, en infantís, o Bergantiños remata o ano 3º, a sóa 4 puntos do líder, o Boiro. Mentres o Dumbría escalaba posicións coa súa vitoria ante o Orillamar e remata o ano 12º con 22 puntazos.

Cadetes e infantís

En Cadetes a Esteirana pecha o ano invito con 9 de 9, e uns números de auténtico escándalo. 56 goles a favor e só 6 en contra, que lle permiten sacar 3 puntos a un Cee que tamén está facendo unha temporada espectacular.

Mentres en infantís non houbo xornada e Cee e XSC quedan arriba de todo cunha gran loita.

Veteranos

A loita nos Veteranos está moi aberta. O Soneira acaba o ano no liderato sendo a auténtica sorpresa da campaña, e colocándose por encima do gran favorito, o Castriz. Iso si, só un punto os separan tralas dúas cómodas vitorias de hoxe. Ademais, o Cabana mantense a tiro de 4 puntos, e o San Román, o Xuv. Bergantiños e o Corcubión non tiran a toalla.

Preferente, xornada 18

Xallas StComba 2-1 Soneira S.D.
C. Lemos 1-2 C.F. Dumbría

1ª Autonómica, xornada 17

S.D. Fisterra 1-1 S.C.D. Malpica
Ponteceso S.D. 2-1 Flavia S.D.
Camariñas F.C. 0-2 CSD Arzúa

2ª Autonómica, xornada 17

U.D. Corcubión 1-1 Volantes F.C.
C.D. Baio 2-0 Corme C.F.
Mazaricos C.F. 3-0 U.D. Montelouro
U.C. Cee Susp* S.D. Castriz
S.D.San Lorenzo 3-0 Outes C.F.
Dumbría C.F. B 2-3 U.D. Carnota
S.D. Esteirana 1-1 S.D. Sofán
Muros S.D. 0-0 Sp. Zas
Buño S.D. 2-2 Cabana S.D.
  • * Cee-Castriz: Suspendido no descanso con 1-1.

3ª Autonómica, xornada 17

S.D. Ameixenda 1-0 C.D. Nantón
C.F. Castrelo 0-1 Soneira S.D. B
Indep. Carballo 4-0 S.D. Alcaián
C.D. Baíñas 1-1 Porteño C.F.
Lira C.F. 1-6 S.D. Laxe
S.D. Fisterra B 2-2 Xaviña F.C.
Muxía 3-1 U.D. Cerqueda
S.D. Coristanco 1-3 Camelle S.D.
  • Descansa Corcoesto.
  • Coristanco-Camelle alteran a orde polo estado do Rodeiro.

Ligas Xuvenís, Gr.3, xornada 17

S.D. Fisterra 1-1 C.F. Dumbría
Mazaricos C.F. 1-0 Soneira S.D.
Outes C.F. 6-0 U.D. Corcubión
Muros S.D. 0-5 Xallas StComba
U.C. Cee 2-1 S.D. Esteirana

Ligas Xuvenís, Gr.4, xornada 17

Corme C.F. 2-7 Cabana S.D.
Ponteceso S.D. 6-0 Muxía C.F.
S.D. Laxe 2-5 Camariñas F.C.
Sp. Zas 1-1 S.D. Coristanco
C.D. Baio 0-2 S.C.D. Malpica

Liga Galega Cadete, xornada 16

Liga Galega Infantil, xornada 17

Montañeros B 3-1 Bergantiños C.F
R.C.Deportivo B 3-0 C.F. Dumbría
C.F. Dumbría 3-0 Orillamar S.D.
Bergantiños C.F. 5-3C.D. Foz

1ª Cadete, xornada 9

Muxía C.F. 3-1 Xallas StComba
S.D. Coristanco 4-6 Cabana S.D.
S.D. Esteirana 7-0 E.F. Concello de Carnota
Outes C.F. 4-5 Porteño C.F.
Muros S.D. 1-1 Ponteceso S.D.
U.C. Cee 5-0 C.D. Baio
Sp. Zas0-5 S.D. Fisterra

  • Descansa Fisterra.

Ligas de Veteranos, xornada 15

1ª División

Soneira 3-1 Bergantiños
Castriz 4-0 Baio
Coristanco 4-2 Zas
San Román 1-1 Nantón
Xv. Bergantiños 0-1 Ponteceso
Bértoa 2-2 Corcubión Vet.
San Lorenzo 1-1 Camariñas
Cabana 2-0 Vimianzo

2ª División

Sofán 3-2 Poniente
Agualada 0-3 Laxe
Cerqueda 1-3 Muros
Corcoesto 2-2 Corme C.F.
Porteño 2-2 At. Milagrosa
Camelle 2-1 Buño
Dep. Carballo 2-1 Leiloio

Máis información

Crónicas da semana

Artigos deportivos

Máis novas

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).
Comentarios