Martes. 16.04.2024
El tiempo

Un ceense e unha vimiancesa entre os mellores do Cross galego

Un ceense e unha vimiancesa entre os mellores do Cross galego
O ceense Jorge Lariño no Campionato Galego de Cross

Segue o atletismo da Costa da Morte afianzándose a nivel galego. Se os pequenos do Olimpia facían varios podios nos campionatos zonais, esta fin de semana varios dos nosos corredores maiores competían Campionato Galego de Cross júnior, promesa e absoluto individual e por equipos celebrado no Parque do Miradoiro do Couso en Riveira. Aló estaban o ceense Jorge Lariño, precisamente mestre do Olimpia, e a vimiancesa Vicky Fernández, que viña de gañar o Duatlón de Vimianzo, e que ademais vén de coñecer que foi convocada para o Campionato de España de Cross.

Moitos participantes e moito nivel no Campionato Galego de Cross 2013

Foi un circuíto duro, con chuvia e con moito vento. O quentamento facíase complicado para os atletas debido ás condicións metereolóxicas. En catergoría absoluta masculina, na liña de saída xa se colocaban destacados atletas do fondo galego como os irmáns De La Torre, Alejandro Gómez, Jose Antonio Ramallo, Victor Riobó ou Hassan Lekhili. Entre os atletas promesas destacar ao triatleta internacional Uxio Abuin que acostuma a competir en campo a través como preparación das súas competicións de triatlón.
Dende o primeiro metro o compostelán Pedro Nimo toma vantaxe sobre o resto de atletas índose con enorme facilidade e cunha seguridade que sorprende o público asistente. Por detrás eran os homes do New Balance, Alejandro Fernández e Manuel Penas que poñían metros de distancia sobre o cuarto atleta, o combativo Rubén Diz da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. No seguinte grupo de atletas homes importantes como Victor Riobó especialista en 1500 metros lisos, Hassan LeKhili bronce o ano pasado, Alejandro Gómez ou Juan Pena Holguín.

O ceense Jorge Lariño conseguiu rematar na 18ª posición da categoría senior cun tempo de 36'35" nos 11 km de recorrido a escasos 3' da cabeza da carreira, finalizando por diante de Dani de la Torre e pelexando ata o final a posición co gran fondista Elias Domínguez ao cal se lle atragantou o barro. Completando así unha moi boa carreira a pesares de non chegar no seu mellor momento de forma tras levar 2 meses sen poder completar unha semana seguida de adestramentos por culpa de sucesivos resfriados, que lle impediron participar no Campionato Galego de Cross Curto.
Ó rematar a proba mostrábase satisfeito co desenvolvemento da mesma: “sabía que non chegaba ben de forma, pero a dureza do circuíto e as zonas de barro beneficiábanme, e tras levar 2 meses sen competir e perderme o Cross Curto por un parón forzado por problemas de saúde, tiña moitas ganas de correr, quédame a espiña de saber que podería chegar a facer se chegara ó 100%, pero pensar neso tampouco ten moito sentido, porque nunca se sabe que podería pasar e o que conta é o que se fai e non o que se podería facer, así que agora a gozar deste posto e a mirar ó fronte que a temporada é moi longa e queda moito que correr”.

A vimiancesa Vicky Fernandez no Campionato Galego de Cross

Así mesmo, Vicky Fernández acadaba o posto 23º, tas percorrer os 7km da proba en 29:47, a un bo ritmo de 4´15 por km. Ademais, a vimiancesa quedou satisfeita pois quedou campiona por equipos co seu Comesaña Sporting Club de Vigo, en categoría Cross largo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios