Veteranos: O Milagrosa lidera unha Liga con 5 aspirantes


Como está a táboa da 1ª División de Veteranos. 5 equipos pelexan no máis alto da táboa, nunha marxe de só 6 puntos cando quedan 7 partidos para o final.
Lidera a táboa o At. Milagrosa despois de 8 partidos sen coñecer a derrota, pero que conta cun calendario complicado, pois ten que xogar contra Cabana, Hosgran, Dumbría, San Lorenzo, Agualada, Zas, e Soneira. É dicir, con todos os do grupo perseguidor, no que se atopan a 4 puntos, Soneira, Agualada e Dumbría. O cadro soneirán, tamén nunha segunda volta impecable, solventaba con facilidade o choque ante o Castriz con outros 3 goles de Miguel Filgueira, que anda como unha moto. Mellor xeira leva aínda o Agualada tras 10 partidos sen perder. Esta fin de semana era o Cabana o que sucumbía nas Redondas ante os coristanqueses. Ademais apurada vitoria do Dumbría ante o Zas que o mantén na pelexa por todo.
Pecha o repóker, dous puntos máis abaixo, o San Lorenzo, que despois de quedar campión de inverno, parece que se desinflou lixeiramente e vén de deixarse puntos importantes cos tres últimos empates ante Hosgran, Cabana ou San Román.


O título de 2ª, en xogo

Pouco interese ten xa a 2ª División, con Club do Mar e Porteño xa practicamente ascendidos. Iso si, pelexarán polo título entre ambos, e de feito xogarán este domingo 13 de marzo no Hermanas Patiño ás 10:00h unha finalísima.
Novidades en Caión, onde debutaba Mino no choque ante o san Isidro, que solventaron os laracheses por 3-1. Foi un partido con sorte para o líder, pois se ben tiña a posesión, as ocasións seran para o San Isidro, como un tiro ao poste de Roberto ou dous tiros que salvou o meta local Rubén. Mellorou o Club do Mar na segunda e entre Diego, Richar e o propio Mino comezaron a facer dano. Gustavo mantiña a liña defensiva visitante moi firme pero os líderes vencían pois tralo gol inicial de Juan, e o empate de Suso a falta de 15 minutos, aparecía Richar para asinar a vitoria con 2 tantos.
Os Pichichis

Estamos na xornada 23 e Toniño (Agualada) e Richar (Club do Mar) seguen sendo os pichichis da 1ª e 2ª división respectivamente. O coristanqués suma 28 goles, con moita vantaxe sobre Santi Cambón (San Román), Miguel Filgueira ou Fran Pioto (Soneira). Mentres o de Caión suma nada menos que 34 tantos, seguido a moita distancia por Aurelio (Leiloio), Rubén Pazos (Vimianzo) ou Modesto Velo (Corcoesto).

Crónicas deste ano
Máis información en www.futboldacosta.com
Tempadas anteriores
- 15/16: Veteranos: O Coristanco cobrou a vinganza na Supercopa ante o San Román.
- 15/16: Os Veteranos xa teñen os seus calendarios con novidades.
- Copa 2015: O Coristanco acadou o título de Copa na gran festa dos Veteranos.
- Liga 2015: Veteranos: O San Román róuballe o título ao Coristanco no último suspiro.
- 2014: O Coristanco faise co título da Supercopa de Veteranos.
- 2014: O Dumbría gañou tamén a Copa da Costa dos Veteranos, nun agónico final.
- 2013 – 2014: O Coristanco leva o título de Veteranos.
- 2013: O Coristanco alzouse coa Copa da Costa de Veteranos.
- 2012 – 2013: O Soneira celebra sen suar o título duns Veteranos que xa pensan na Copa.
- Copa 2012: O Corcubión sorprendeu ao Castriz e quedou ca Copa de Veteranos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Colabora Modesto Parga.