Remataron as curtas Ligas Xuvenís. Xa temos aos 2 campións (Dumbría e Ponteceso) e mais aos 6 equipos clasificados para a Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega (Dumbría, XSC e Fisterra, e Ponteceso, Cabana e Malpica). Pero o fútbol na pensa na Copa da Costa Xuvenil, que este ano vén diferente. Analizamos primeiro como quedaron as Ligas e repasamos como queda a Ligulla Previa e Copa da Costa.
Unhas Ligas nas que notamos unha gran diferencia entre os 4 primeiros equipos (Cee e Baio competiron practicamente ata o final por meterse na Liguilla) e o resto.
Tiña dous focos de atención a última xornada do Gr.3, e curiosamente en diferente horario cando XSC e Dumbría se xogaban o título. O Xallas fixo os deberes pola mañá vencedo ao Outes pero o Dumbría non fallou ante o Muros e celebrou o título mesmo pegándose un baño na piscina do Conco a pesar de estar en pleno xaneiro. 7-0 para os de Pablo Conde que pechan unha gran Liga con só un partido perdido.
Ademais, o Fisterra non podía fallar ante o Soneira para manter a 3ª praza, amenazada polo Cee. E non o fixo, goleou con soltura e a vitoria do Cee en Corcubión de pouco valeu. Quedan empatados fisterráns e ceenses pero o golaverage individual deixa fóra aos de José Carlos, que buscarán redimirse na Copa.
No resto, cómpre destacar a boa temporada do Mazaricos, que deixa varios bos xogadores como Sandelo ou Oreiro para o primeiro equipo. Destacar a lixeira melloría do Muros, que tralo complicado ano pasado este curso conseguiu vencer 4 partidos. E lembrar que non se pode comezar unha campaña con apenas 16 xogadores, como aconteceu este ano en Corcubión e deixou moitos problemas.
Ponteceso, campión do Grupo Norte
Reafirmou o Ponteceso a súa superioridade no Gr.4. E o fixo no campo máis difícil, no do 2º clasificado, nas Redondas, ante un Cabana, que iso si, deu minutos aos seu homes menos habituais. Foi un derbi con todo, emoción, garra, gañas e por momentos moi bo fútbol. Finalmente os 3 puntos foron para os de Mato, que pechan a Liga con tan só unha derrota e uns excelentes números. Por detrás, un Malpica capaz do mellor, cunha dinamita das máis perigosas de toda a Costa, pero que tivo partidos de falta de intensidade que lle custaron caro. E o Cabana, como dicimos, é o 3º equipo en clasificarse, por diante dun Baio, que loito ata as últimas xornadas a un gran nivel.
A primeira e destacable nova trala reunión de onte en Baio é que a final da Copa Xuvenil será a un partido, que se disputará o sábado 18 de maio de 2013. Unha gran nova dende logo, que permite que sexa unha auténtica final.
Son 12 os equipos participantes xa que o Corcubión e Zas non participan. Serán 2 grupos de 6 equipos, a doble volta (10 xornadas), clasificándose para a seguinte rolda os 5 primeiros de cada grupo. Estes 10 equipos e mais os 6 que xogan a Liguilla Previa á Fase de Ascenso entrarán nun sorteo ara determinar as eliminatorias de oitavos de final, que se comezarán logo da Semana Santa. A final celebrarase a partido único o 18 de maio.