O proceso de rescate dun animal abandonado a ollos dunha ducia de “salvadoras” europeas
As doce profesionais europeas que pasan varias semanas na nosa comarca no marco do proxecto The Break, viviron este sábado un clásico episodio da relación entre veciñanza e autoridades.
Vivírono con frustración, e iso que desta volta o procedecemento seguiu todos os cauces esperados e non houbo espazo á desatención, o rescate dun canciño abandonado/perdido.
Aconteceu mentres as rapazas subían cara o mirador do Ézaro. No medio da estrada, un fermoso canciño estaba tirado e dolorido. As rapazas, coa axuda de varias veciñas, intentaron chamar á Policía (en Dumbría non hai Policía Local e a Garda Civil respondéronlle que tiñan “outras prioridades”) e aos Bombeiros, pero a resposta foi nula. A frustración foi común entre os que estaban intentando salvar ao can “Logan”.
Pasaron 3 horas e media longas ata que apareceu, cal santo, Óscar Villar, de Xestión Ética do Abandono XEA. O Concello de Dumbría fixera os deberes e chamara á empresa zaseira para proceder co rescate.
”Vivimos momentos de simpatía e tristeza cara o can, pero tamén frustración e rabia pola situación, pola falta de acción rápida e sinxela por parte das administracións”, reflexionaba Daria, unha das “salvadoras”, volvendo a atoparse con esa falta de unidade entre as accións cidadás e as administracións que teñen comprobado no sector turístico. En calquera caso, amosáronse tamén moi agradecidas a todas as persoas que se pararon a interesarse pola situación, cheas de empatía con Logan, e cheas de hospitalidade con elas tanto no Ézaro como no Pindo.
NOVAS RELACIONADAS
- Concellos ou Xunta: Quen ten que pagar os gastos da xestión ética do abandono de animais?.
- As “salvadoras” conciencian sobre o abandono de animais.
- Salvacadelos: 12 anos expandindo a rede de adopción.
- XEA: “É moito máis barato facer que baixe o abandono, que asumir a situación actual”.