Asinan o convenio para a necesaria renovación da cuberta do Pavillón de Fisterra
Por fin, Concello de Fisterra e Deputación da Coruña asinaron o convenio para financiar o proxecto de rehabilitación do Polideportivo Municipal fisterrán. 272.000 euros aportará a Deputación, (o 80% do orzamento total) para a renovación da cuberta, a estrutura e a fachada do pavillón para garantir a súa estabilidade no futuro e mellorar as súas condicións a fin de incrementar a súa durabilidade.
O proxecto contempla o levantamento da cuberta e das fachadas metálicas, a limpeza e a colocación de proteccións da estrutura, o pintado con materiais de protección anticorrosión, a reposición do pavimento e da fábrica demolida, a colocación dunha nova cuberta e fachada metálicas e a instalación de novos canalóns e baixantes de pluviais.
Dende o Concello aseguran que axilizarán a licitación das obras para acometelas no menor tempo posible, tendo en conta que o seu estado impide que, por exemplo, se celebre o Entroido.