xoves. 23.01.2025
El tiempo

Bebeto presenta libro: ”O fútbol en Fisterra é máis que un deporte”

Libro Bebeto Fisterra-Balons a Corveiro-Gabriel Riveiro Lopez
Bebeto presenta libro: ”O fútbol en Fisterra é máis que un deporte”

É unha das cabezas máis privilexiadas da fin da terra, e ben sabe que todo o saber que se xera arredor do fútbol en Fisterra tiña que ser recollido dalgunha maneira. Sen darlle aínda forma, Gabriel Riveiro López, máis coñecido como “Bebeto”, leva dende 2017 colleitando información, facendo entrevistas a todo canto mítico hai vinculado co fútbol, e este vindeiro sábado 14 de decembro, presenta ás 19:30h no Mercado Cultural de Fisterra, a obra “Balóns a Corveiro. Historia e contra historia do Fútbol Fisterrán”.

“O fútbol en Fisterra é máis que un deporte. E vía que a xente tiña xa unha idade e pensei que se podían perder aquelas anécdotas vinculadas, por exemplo, ao campo vello, situado ao lado da Igrexa, onde agora hai un parque infantil, e de aí vén o nome do libro, porque os furolos acababan na praia de Corveiro”.

A colleita deste patrimonio inmaterial que une deporte, historia e sociedade, é singular e ben importante. As primeiras entrevistas foron ao seu tio Gelucho e a Manolo do Negro, “que desgraciadamente xa non están con nós”. “Empecei entrevistando á xente dos ano 40, mesmo cun home do ano 35, Tinín de Matías, un dos precursores do que é hoxe o Fisterra”, e a partir de aí, foi recuperando historias concretas, recuperando hemerotecas (dixitais e tamén en papel, pasando horas e horas na Biblioteca da Cidade da Cultura).

A idea era empezar no ano 64, cando comezou a Liga da Costa, pero tivo que ir moito máis atrás. Sen ir máis lonxe, atopou uns estatutos do Finisterre F.C. no ano 31, polo que se abriu unha nova fiestra mesmo antes da guerra civil… “Son case 100 anos de historia do noso fútbol”.

Cando foi a pandemia, o que foi alcalde Ernesto Insua, propúxolle darme forma a toda esa investigación en forma de libro, e en paralelo ás súas colaboracións coa singular revista Eló, foi dándolle xeito.

O libro está estruturado cronolóxicamente, en 9 partes, case que por décadas, comezando antes da Guerra Civil, ata a época actual. Ademais de ser unha enciclopedia de datos, e un recompilatorio de anécdotas, en cada capítulo fai unha introdución non só futbolística, senón dando un repaso social á historia da vila.

Así, tras falar con máis de 100 persoas, este sábado 14 o libro, que ten unha fermosa portada cunha foto de Renata Outes, 300 e pico páxinas e 200 e pico fotos, ve a luz.

Máis novas

Comentarios