Luns. 21.09.2020
El tiempo

O blues e o pop baten ca pandemia

Fisterra Blues Experience 2020-Foto-Marcos Casas
Fisterra Blues Experience 2020-Foto-Marcos Casas
O blues e o pop baten ca pandemia

Nin o covid, nin os estritos protocolos, nin a incerteza destes complicados tempos que vivimos puideron co pop e o blues. O Xiria Pop e o Fisterra Blues Experience foron os únicos festivais que salvaron o verán 2020 e saíron a flote. En clave de pequeno formato, con restritivas medidas de seguridade, pero cun son e unha vontade infinita, os dous festivais conseguiron facer que a música volvese á capita de Bergantiños e á vila do Cristo.

O son, protagonista do Xiria Pop

Oskar Avendano e Os Bo Derek-Foto-Oscar Caamano
Oskar Avendaño e Os Bo Derek no Pazo da Cultura-Foto-Oscar Caamaño

”Estou contento dentro do que se pode estar”, explícanos un satisfeito Xabier Graña, ledo por non terse rendido ante o covid. “Podo dicir que saíu todo ben”, e destacando que a valoración é positiva especialmente no eido musical. “O son no Pazo da Cultura é magnífico, e ata os propios músicos estaban alucinados, porque non están afeitos a tocar en sitios así”, conta Graña.

Con apenas 45-50 persoas por noite ocupando o Pazo (vendéronse o 80-90% das entradas), a estampa era estrana, pero “o que estivo disfrutouno auditivamente a tope”. Ademais, “os grupos marcharon moi contentos pois para eles o feito de tocar nestes momentos xa é un triunfo”. Este ano o programa era máis popeiro, e peninsular, que nunca, deixando un pouco o lado máis garaxeiro para vindeiras edicións, pero a pesar de non poder tomar birras e bailar, a xente gozou de ver aos Garbayo, a Peralta ou Óscar Avendaño.

Garbayo en Carballo-Foto-oscar Caamano
Garbayo en Carballo-Foto-Óscar Caamaño

Fisterra Blues Experience

Por Fisterra, un pouco de blues curativo serviu para afianzar o proxecto do festival. Na súa cuarta edición, neste formato pequeno, de mínimos e cheo de músicos complices e entregados, a vila viviu unha fin de semana cun ambiente “slow e tranquilo”, con horarios para toda a familia. Ademais, vender todas as entradas demostra que hai interese na hostalería en atraer xente de fóra. De feito, a pesar de que para os fisterráns as entradas eran de balde, o 75% das entradas solicitadas eran de visitantes.

Os dous escenarios brillaron con luz propia. 150 persoas entraban na máxica Praza da Constitución, reafirmada como o propio Semáforo (cun aforo de 40 persoas), como espazos ideais para este festival.

Os concertos na Praza da Constitución foron unha delicia nas fermosas noites que deixou este setembro.

Pero unha das sesións máis esperadas era a do #Bluesabordo con Andrés Nazar, Greg Izor, Javier Turnes e Ale Casquero.

Blues abordo no Fisterra Blues Experience-Foto-Marcos Casas
Blues a Bordo no Fisterra Blues Experience-Foto: Marcos Casas

Para rematar, unha improvisada jam session no Semáforo, claro.

   

Crónicas do Fisterra Blues Experience

comentarios