Cee segue sen Plan contra as velutinas a pesar do incremento do 300% na recollida de niños no último ano

Cando xa van mais de 14 anos da existencia da Vespa Velutina na Costa da Morte, aínda son poucos os Concellos que tratan de organizar a loita contra esta especie invasora. Carballo, Ponteceso, Dumbría, Zas, A Laracha, Malpica, Fisterra ou Corcubión son algún dos que si desenvolven unha campaña na primavera para capturar raíñas de velutina, un paso fundamental na loita contra a súa proliferación e creación de niños de aquí ao estoupido do verán.
No lado contrario atopamos concellos como o de Cee, que segue a carecer dun plan de exterminio da especie invasora, tal e como denuncia o BNG local. “Mentres outros concellos da contorna organizan charlas informativas e colocan trampeos para cazar as raiñas, a actividade en Cee limitase a asinar o convenio de recollida de niños, algo necesario pero a todas luces insuficiente”, declarou Serxio Domínguez Louro, portavoz do BNG.
Mentres os datos facilitados pola Xunta de Galicia falan dunha diminución na recollida de niños, en Zas de case un 50% ou en Carballo ao redor du 25%, os datos en Cee falan dun aumento dun 300% do ano 23 ao 24, explican dende o grupo da oposición, que piden a posta en marcha dun plan de actuación.