Docentes da Costa da Morte, Docentes con Palestina

Pensando xa na concentración nacional deslocalizada do vindeiro luns 31, varios grupos de docentes dos centros de ensino da Costa da Morte secundaron a mobilización convocada polo colectivo Docentes con Palestina.
Concentración no recreo coa intención de ecudar contra o xenocidio, pola paz e por espallar unha visión comprometida e crítica entre o seu alumnado.
Centros como o CEIP Mar de Fóra de Fisterra ou o IES Fernando Blanco de Cee fixeron parada.

Manifesto lido no IES Fernando Blanco de Cee
Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas.
Esta pasando agora.
Non fai falta ir aos libros de Historia, nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel. En de marzo de 2025 superan amplamente as 50.000 persoas mortas, masacradas. E hai que sumar outras case 25.000 que perderon a vida, tamén asasinadas, por falta de medicamentos, de atención méidca, de combustible, de auga ou de comida.
Máis case 100.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas, hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada. É un crime contra o pobo palestino. É un crime contra a humanidade.
A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.
Esa mesma lei comprométenos a velar polo cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Crianzas adoptada polas Nacións Unidas. Esa mesma convención, no seu artigo 6, afirma que “toda crianza ten o dereito intrínseco á vida”. A vida de todas as crianzas, tamén as palestinas.
Por solidariedade co pobo palestino.