Corcubión lembra que o xenocidio de Palestina segue activo
16 de decembro de 2024, e malia que a prensa xa non se lembre, o xenocidio de Palestina segue vixente. Así o lembraron onte unha trintena de persoas que non fallaron á enésima concentración solidariedade co pobo palestino, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina e co apoio do BNG Costa da Morte.
Leuse un manifesto no que se condenou que as forzas de ocupación continúan a arrasar diariamente Gaza, con asasinatos e secuestros no resto da Palestina ocupada, e no que se fixo fincapé no número de vítimas mortais e de vidas destrozadas, que non para de medrar, e está perto de chegar ás 45.000.
Destacouse que a loita palestina non está illada no mundo, pois fai parte da loita dos pobos por exercer a súa soberanía sen ser tutelados ou agredidos. Por iso, afirmouse que a loita do pobo palestino é unha loita pola humanidade toda, e que implica a todas e todos.
Ademais, denunciouse que as potencias imperialistas teñen impedido calquera acción directa contra o sionismo e os seus intereses, e mesmo seguen criminalizado en grande medida a solidariedade coa Palestina.