Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Duio dalle vida á súa Escola Unitaria cunha nova Biblioteca social

GUadalupe Vazquez con Eva en Duio
Guadalupe Vázquez rodeada das responsables da Comisión de Festas San Vicente de Duio Cris Quintáns e Eva Senlle
Duio dalle vida á súa Escola Unitaria cunha nova Biblioteca social

Estreou a parroquia de Duio, Fisterra, a súa nova Biblioteca na Escola Unitaria. É a polifacética Comisión de Festas de San Vicende de Duio, a que quixo darlle unha “segunda vida a esas escolas unitarias que tanta vida nos deron”, explica Eva Senlle, unha das responsables da comisión que estudiou alí ata o 9 anos.

Ademais de armar as festas da parroquia, “a Comisión quere facer esa labor de trasladarlle ao Concello as inquedanzas e as necesidades da xente”, explica Eva. “Estamos todo o ano pateando a rúa, estando en contunuo contacto coa xente, e vemos cales son as súas necesidades, por iso quixemos poñer en marcha, coa axuda da Concellería de Cultura e de moitas aportacións privadas, xentes que estiveron doando libros, xogos para nenos e maiores… esta Biblioteca”.

Unha Biblioteca que nace cun enfoque moi social. “A escola leva rehabilitada 10 anos, e quixémola convertir nun espazo de encontro, facendo real unha idea que tiñamos na mente dende hai moito tempo. Sabemos que na zona hai moita xente que está vivindo soa, e a soidade mata. Por iso queremos darlle un enfoque cultural, pero tamén social, achegando a cultura e un espazo de ocio á aldea, xa que moita xente non pode desprazarse a día de hoxe”.

Modesto Fraga en Duio
Modesto Fraga con Cris Quintán e Eva Senlle

A estrea da Biblioteca “foi moi boa, gracias á colaboración de Guadalupe Vázquez Formoso e Modesto Fraga. Co gallo das Letras Galegas, Modesto Fraga levou a figura de Don Emerito a través do seu volume da Biblitoeca da Fisterranía. “É incrible Modesto, un fisterrán de pro que pon no lugar que merece a eses fisterráns ilustres como Don Emerito, unha figura clave para todo Fisterra.

Tamén estivo Guadalupe, que despois de pasar por Quilmas, onde presentou o seu "Conto de Quilmas” ante as xentes de Chan das Lamas, veu contar os seus contos infantís a Duio. “O contacontos foi un éxito”, relata Eva, “foi moi divertido para os nenos e tamén para os maiores encantados. Lupe víveo, eu creo que naceu para contacontos e para escribir para os nenos. Sentinme rapaza por un momento, sentada naquela alfombra escoitándoa e vendo aos nenos con eses ollos tremendamente abertos”, explica.

Nova Biblioteca de Duio
O Contacontos con Guadalupe

Horarios

A idea é que a Biblioteca sexa un espazo onde a xente poida ir falar, ler, xogar… un servizo para a xente da aldea. A partir de xuño a través de xentes da comisión e outras persoas colaboradoras van intentar contarr con horarios fixos para que a xente poida achegarse a pasar a tarde.

Polo de pronto, a escola acolle a Escola de teatro (os luns de 18:00h a 19:30h), o taller de Memoria (martes de 12:30 a 13:30h) e as clases de ioga (venres de 18:00 a 19:30h).

Máis novas

 

Comentarios