Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Licitan a obra de mellora das rúas de acceso ao porto de Fisterra

Empedrado do paseo da Ribeira
Licitan a obra de mellora das rúas de acceso ao porto de Fisterra

Son moitas as necesidades que ten a zona portuaria de Fisterra, máis alá do formigonado de rampas case centenarias. Unha, sen dúbida, é o seu acceso, pois as fochancas no empedrado do propio Paseo da Ribeira, que máis parece unha carreira de obstáculos que un vial.

De aí que Portos de Galicia teña que acometer a renovación integral da vía de acceso ao porto. Para iso vén de licitar, por 335.000euros, unha obra que afectará á rúa Federico Ávila (a que baixa dende a rotonda do cole) e ao paseo de Praia Ribeira, incluíndo a praza de Santa Catalina e o tramo inicial do paseo de Calafigueira.

Os traballos inclúen a retirada tanto do pavimento actual -composto por lastras- como da súa base -de formigón- para substituílos por un pavimento ríxido de formigón máis resistente e axeitado para o tráfico pesado que circula por esta estrada. As actuacións tamén inclúen a reposición e mellora dos elementos relacionados coa execución da obra, como poden ser os sumidoiros de drenaxe ou o encintado das lousas de granito da beirarrúas.

As empresas interesadas en presentar ofertas a esta licitación poden facelo ata o vindeiro 20 de xullo e teñen á súa disposición toda a información tanto no perfil do contratante de Contratos de Galicia como na páxina web de Portos de Galicia. O prazo previsto de execución das obras é de tres meses.

Outras peticións

Paralelamente, a Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra volve facer novas peticións, como o reforzo do número de colectores de lixo e a súa recollida de forma extraordinaria todos os días, incluídos sábados, domingos e festivos no verán.

Igualmente solicitan ol desbrozado, limpeza e sinalización do Camiño Real de San Roque ata o Montaron. Un Camiño ademais que piden que se recupere para o patrimonio público pois foi privatizado.

Novas relacionadas

Comentarios