mércores. 04.12.2024
El tiempo

Propoñen a xestión directa municipal do Hotel Semáforo

Propoñen a xestión directa municipal do Hotel Semáforo
Hotel Semáforo de Fisterra

Seguimos a volta co Semáforo de Fisterra. Despois da polémica concesión e da posterior paralización da licitación, estamos pendentes do que poida acontecer. E o BNG, dende a oposición, propón a “xestión directa municipal do Hotel, previa desestimación do procedemento tan polémico promovido dende o Concello”.

I é que non cabe dúbida de que a súa situación estratéxica, e singularidade, fai especialmente interesante unha xestión deste tipo, xa que o Hotel axudaría a proxectar a imaxe turística dos valores de Fisterra e tamén en beneficio do resto de prazas hoteleiras. Se ben hai especialistas en que dubidan da posibilidade de facelo perfectamente rendible.

Deste xeito, o BNG, de gañar as eleccións, “procederá ao desestimento do procedemento de adxudicación do Semáforo, e aprobará unha xestión administrativa directa, coa que protexer o interese do beneficio público a favor dos fisterráns fronte o costume privatizador da que tanto abusan as administracións”.

Podería facelo legalmente e só quedaría por determinar a compensación aos licitadores, polos gastos nos que tiveran incorrido. “En todo caso, a cantidade a compensar non resulta motivo de preocupación, da que ben debería responder o goberno actual, pola súa clamorosa chapuza, xa que valorámola insignificante en comparación co beneficio para o interese público e de Fisterra”.

Sinalan que un informe xurídico, coa consulta a outras administracións, determinaría a fórmula que se adecúe mellor á defensa dos intereses do concello: “Ben coa creación dun organismo autónomo local, unha entidade pública empresarial local, ou sociedade mercantil local. Este modelo propiciará que o Concello teña o control do funcionamento do Hotel, da súa oferta, actividades, proxección turística, mantemento, e creación de varios postos de traballo. Mediante esta xestión recadaríase os ingresos xerados polo hotel para as arcas municipais, revertendo os mesmos no mantemento das instalacións, salarios de persoal, e na mellora continuada da súa oferta, no lugar de engrosar o beneficio de empresas privadas, neste caso ata o ano 2030.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios