Urxen á Xunta a impulsar a construción do novo centro de saúde en Fisterra tras 22 anos de promesas

Segue Fisterra esperando polo seu novo Centro de Saúde. E sobre todo a súa veciñanza, que ten que seguir sufrindo as carencias da Casa do Mar despois de décadas de deterioro conxunto, nun edificio de máis de 40 anos que non é nin accesible, nin funcional nin está adaptado á normativa técnica.
O proxecto é outra demostración da burla da Xunta de Galicia para a nosa comarca. Xa 2003 a Xunta o prometía un novo Centro, e foi o propio goberno popular da Xunta o que anunciaba en 2011 (!!!) o novo proxecto para un Centro de Saúde que se ía situar no porto. Pasaron os anos, e a pesar das denuncias veciñais e das queixas polas carencias do servizo de pediatría, nada se fixo.
En 2023 o grupo de goberno de Alternativa solicitaba de novo formalmente o esquecido proxecto. Pero non houbo resposta por parte da Consellería de Sanidade.
Hai 6 meses o BNG recollía a demanda histórica e propuña a zona de San Roque para albergar o novo edificio, unha vez que a ubicación foi sempre un problema fundamental para o desenvolvemento da infraestrurura. Desta volta volve ser o BNG o que leva o asunto ao Parlamento Galego.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que pide á Xunta de Galiza que impulse as xestións necesarias para construír un novo centro de saúde en Fisterra, e que licite neste ano 2025 a redacción do proxecto de execución, e dote nos vindeiros orzamentos do ano 2026 unha partida orzamentaria suficiente para financiar a súa construción.
As carencias da Casa do Mar

O BNG sinalou que o actual centro médico segue no edificio do Instituto Social da Mariña, construído hai máis de corenta anos, con espazos vellos e obsoletos tanto para as consultas como para atender aos doentes nas condicións desexables. “Un edificio que carece de accesos para persoas con discapacidade, xa que teñen que utilizar o ascensor do Concello, edificio anexo, que se instalou na última reforma, e no cal non cabe unha padiola”, indicaron os nacionalistas, que subliñaron que” os accesos que posúe son unicamente por medio de escaleiras, dado que se sitúa nunha terceira planta, e a accesibilidade que ten sen elas é mediante unha pendente en caracol cun ancho que non chega a un metro”.
A posible nova ubicación
Pola súa banda, a portavoz do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández, afirmou que “desde o noso grupo xa levamos tempo propoñendo que o centro de saúde se faga nos terreos municipais situados en San Roque, que son recollidos no PXOM como zona para servicios sociais e culturais”. A voceira nacionalista insistiu en que “levamos moitos anos reivindicando un novo centro médico decente, que fai moita falta, para que os pacientes deixen de usar un lugar que non é o axeitado e que non responde ás súas necesidades”.
Histórico
- Outubro 24: O BNG de Fisterra propón construír o novo centro de saúde nos terreos municipais de San Roque
- Outubro 23: O goberno municipal Fisterra solicita formalmente un novo Centro de Saúde
- 2020: 17 anos de promesas pero Fisterra segue sen novo Centro de Saúde
- 2011: Por fin se pon en marcha o novo Centro de Saúde de Fisterra