Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Tribuna FUTFEM: Igualdade, no social e no deportivo

  • No grupo 2, o Ponteceso pilla ao Corme e no grupo 4, o Xallas asalta o liderado.
Choque no Eleuterio Balayo entre Miudas e Dumbria feminino-Foto-Vet Dumbria
Choque no Eleuterio Balayo entre Miudas e Dumbria feminino-Foto-Vet Dumbria
A Tribuna FUTFEM: Igualdade, no social e no deportivo

Se un termo pode definir este primeiro cuarto de temporada da 2ª División feminina na nosa Costa e a igualdade. Igualdade no deportivo, onde o Dumbría conta os derbis por empates e entre o primeiro e o sétimo clasificado do grupo 4 hai tan só unha vitoria de diferencia. Mais tamén igualdade no social. Posiblemente, o derbi entre o Dumbría e As Miúdas rexistrou a mellor entrada da temporada en Miraflores, un campo municipal onde ademais da Escola Deportiva Os Miúdos de “Vinto”, xogan os equipos masculinos do CD Muros e os Volantes de Baño. E todas sabemos ben do numerosas que son ambas afeccións muradanas, sinal de que o Futfem está moi vivo.

Outro exemplo do que está a chamar á atención o fútbol feminino viviuse en Santa Comba, onde as xallesas derrotaron a un invicto -ata entón- Cacheiras arroupadas por una moi nutrida inchada que se desprazou ata a Fontenla a pesar da moita choiva que caeu en toda a xornada dominical.

Así as cousas, no grupo 2 o Ponteceso igualou na clasificación ao Corme. Ás da vila de Pondal venceron pola mínima ao SDC Órdenes, un equipo que se atopa por riba delas na táboa, dando mostra de que o traballo segue a dar froitos. Con esta vitoria, empata a 6 puntos coas veciñas do Corme, que non foron quen de perforar á meta do Abellá e caían por 0-1 (cun penalti en contra moi dubidoso) a pesar das moitas ocasións que tiveron e de dominar boa parte do encontro. 

En Xaviña, o Cerqueda recibía a un dos cocos da competición, e seguen a sumar experiencias nesta súa primeira temporada.

No Sur, a igualdade é máxima, tanto no tren de cabeza como no de cola. 3 das nosas representantes están metidas de cheo na pelexa polas prazas de privilexio da categoría. 

O Xallas derrotou ao Cacheiras cun hack-trick de Olalla, a máxima realizadora da competición, empatando a puntos co Calo no primeiro posto da clasificación. 

O Cee e as escolares de Muros manteñen o pulso das escuadras de cabeza, quedándose a só 3 puntos das líderes. Un Cee que derrotou con contundencia a un dos equipos da parte baixa, o Pino, e unhas Miúdas que empataban no terceiro derbi consecutivo do Dumbría, quen conseguiu salvar un punto nun partido que pintaba mal tras quedarse sen porteira no minuto 10, grazas a varias intervencións providenciais de Sabela, quen non dubidou en facer de porteira improvisada, converténdose nunha das xogadoras destacadas da fin de semana.
Queda o Dumbría en terra de ninguén, a catro puntos dos postos de play-off e a sete da cabeza. Mais a escuadra do Conco ten unha segunda metade desta primeira volta moito menos esixente, unha vez que xa se enfrontou a case todas as rivais da parte alta. Coa boa imaxe que deixaron neste “Tourmalet” particular de derbis, a bo seguro que se engancharan á loita polo campionato.

Na parte baixa, o Mazaricos de Borja enfrontouse ao chamado a ser o rival a bater, un Calo que cando está enchufado é moi difícil de dobregar.

Espéranos unha fin de semana de máxima emoción nesta segunda división de Futfem. No grupo 2, o calendario ofrécenos o primeiro derbi costeiro entre o Cerqueda e o Ponteceso. Seguro que Xaviña vivirá unha mañá dominical moi festiva con este novidoso derbi, que a bo seguro se converterá nun clásico do Futfem costeiro. Quen sabe se as locais aproveitarán a visita das de Curro para sumar os primeiros puntos na clasificación. O Corme, pola súa banda, terá unha dura visita diante dun Breixo Lema que se sitúa nos postos altos da clasificación. 

No grupo sur, o partido da xornada será outro derbi costeiro. O Xallas intentará manter a súa condición de líder no Sampaio de Refoxos, diante dun Cee que ven mellorando sensacións semana a semana e será sen dúbida un dos equipos que a final de temporada se deixará ver polos primeiros postos clasificatorios. 

Tamén na casa xogarán as veciñas do Dumbría, que reciben a un Victoria C que é unha auténtica incógnita, tan capaz de empatarlle ao todo poderoso Calo como de perder de goleada, ou de gañarlle pola mínima a equipos da parte baixa como o noso MZ.

Ás da Picota, teñen unha nova oportunidade de seguir sumando puntos no seu desprazamento ao Pino deste sábado, no que será o primeiro partido da xornada. Tamén xogan a domicilio ás muradanas de Lucho Ferreiro, que viaxan ao campo da Cañoteira, un dos campos máis complicados desta liga, para intentar sacar algo positivo diante das de Cacheiras. Outro partido na parte alta que, semella, será moi interesante.

Na liga de F-7, o Corcubión ven de vencer con man de ferro na súa visita ao Torre SD B, e disputará mañá sábado as 12h un duelo no cumio da clasificación contra ás colíderes do CD Marte. A vencedora deste encontro, mandará en solitario.

No que ten a ver coas máis pequenas, a Liga Promesas deixounos un derbi entre Cerqueda e Cee no que as de Xaviña saían derrotadas por 0-1 na súa casa. O Dumbría descansaba esta semana e a E. F. Luis Calvo Sanz vencía con contundencia diante do Atl. Arteixo B, e segue liderando en solitario o grupo.
Emoción e igualdade por todos os poros, que fan que o Futfem cada día teña máis tirón. E por moitos anos.

A Tribuna FUTFEM

Máis crónicas do #FUTFEM

Táboa do Gr.2 da 2 Div.- Fem

Táboa do Gr.4 da 2 Div.- Fem

Comentarios