FUTFEM: O Cee caza ao Xallas

Endosoulle o Cee a primeira derrota da temporada ao Xallas de Rupper, tras outro fermoso derbi costeiro. As de Rafa alcanzan ás verdes na táboa, manténdose os dous equipos na zona de promoción a só 3 puntos do liderato.
Aínda non sur, recuperou a senda das vitorias o Dumbía tras unha derrota e 3 empates, e gran empate das Miúdas ante un poderoso Cacheiras.
Polo norte, a atención estaba posta no derbi entre Cerqueda e Ponteceso. As pontecesás foron superiores sumando a súa terceira vitoria, e deixando aínda sen puntuar ás cerquedás. Ademais, o Corme non puido cun dos de arriba.
Atención á Liga de F7, na que o Corcubión, no seu debut, está de líder con 4 vitorias en 4 partidos.
2ª División, Gr. 2, xornada 7
Cerqueda - Ponteceso (0-6)

- Cerqueda: Paula, Lucía Rod., Uxía, Isa, Mariña, Inés, Vanesa, Raquel, Irene, Tati e Pauliña. Tamén: Mónica, Sonia e Carla.
- Ponteceso: María, Sabri, Ainoa, Myre, Manti, Mel, Muíño, Eva, Silvia, Andrea, Lauriña. Tamén: Colores, Noe, Luci Vilo, Saray e Amado.
- Goles: 0-1, m.7: Andrea; 0-2, m.13: Lauriña; 0-3, m.17: Andrea de penalti; 0-4, m.28: Andrea de vaselina; 0-5, m.48: Andrea cun golazo; 0-6, m.73: Muíño dende a frontal.
Foi moi superior o Ponteceso ao Cerqueda nun partido que só tivo un dominadore que á media hora xa dominaba por 0-4, ademais dun balón ao pau de Muíño nada máis comezar. Con bo xogo e empuxando con longos saques de banda, fixo que o Cerqueda non se atopase cómodo en ningún momento do partido e pagou a mocidade das súas xogadoras.
Na segunda parte seguiu a misma tónica, e o Cerqueda que sufriu a lesión da súa porteira, encaixaría dous goles máis. Cómpre destacar o papel de Andrea, facendo 4 tantos.
Brexo Lema - Corme (8-1)
- Corme: Belén, Ana (Irene), Aroa (Laura), Lucía, Vero, Aurora (María), Olalla, Nati, Carla, Naroa, Julia (Cris).
- Goles: 0-1, m.5: Naroa.
O equipo cormelán estreaba a segunda equipación doada polo no segundo patrocinio Peixería Antonio. Pero non o puido facer con vitoria. E iso que se adiantaba pronto cun tanto de Naroa, que mesmo tivo o segundo pouco despois tras unha gran xogada individual. Pero espertaron as locais, axustaron pezas atrás e copmezaron a dominar. Non tardaron en empatar, cunha falta ao borde da área facían o segundo e xusto ao fío do descanso meterían o 3-1, gol que fixo dano ao equipo de Rubén Souto, pois non era xusto o vivido no campo co marcador.
Deron un paso adiante ás cormelás pero á contra mataron o partido. O choque non estaba tan claro como sinala o marcador, pero as estranas expulsións de Lucía (m.70) e Vero (m.80) deixaron ao Corme moi mermadas. Os cormeláns lamentaron a actitide do colexiado.
2ª División, Gr. 4, xornada 7
Pino - Mazaricos (0-0)
- Mazaricos: Pedrosa, Claudia, Saray, Fátima, Ainar, Tamara, Raquel, Mariña, Daniela, Ánxela e Jirra. Tamén xogaron: Valeria Peta, Antía, Buján, Tajes e Silvia.
Partido de alternativas onde o Pino comezou mellor, dominando o partido pero sen crear ocasións de perigo debido ao bo facer no traballo defensivo de todo o equipo amarelo. A partir do minuto 30 as de Borja comezaron a achegarse á área rival tendo as ocasións máis claras da primeira parte, nas que Raquel non conseguía materializar dous mans a mans.
Saíu mellor na segunda parte o cadro mazaricán, tengo o control do medio con Tamara, Mariña e Raquel e xogando todo o tempo en campo rival, tivemos unha ocasión moi clara con Daniela que non consegue finalizar coa portería baleira na área pequena. A propia Daniela e Jirra tiveron novas ocasións, antes de que o Pino volvese tomar o mando partido. Apareceu aí Pedrosa, ben escoltada pola defensa para manter a porta a cero, nun partido que rematou en empate pero puido caer de calquera lado, pero sabe pouco pola banda costeira pola cantidade de ocasións malogradas.
Cee - Xallas (2-0)
- Cee: Noemí, Lucía Rod., Ruth, Laura, Nerea, Lucía Caamaño, Lucía Martínez, Lucía Canosa, María Lijó, Sharay Caamaño, e Andrea. Tamén: Lucía Facal, Antía.
- Xallas: Rosio; Laura, Alicia, Saskia, Andrea Otero; María, Luchy, Andrea Barbeira; Olalla, Paula Barcia e Yasmina. Tamén xogaron: Leti, Inés, Yaiza e Nuria.
- Goles: 1-0, m.67: Nerea nunha falta lateral; 2-0, m.91: Lucía Canosa.
Fermoso e vivido derbi no San Paio de Refoxos, que se decantou polo maior acerto das locais. Arrincou ben o Cee pero pronto o equipo de Rupper tomou o mando do medio campo, tendo varias chegadas que non souberon materializar. O Cee tivo varias faltas ao borde da área que non aproveitaron, mandando un balón ao longueiro ao fío do descanso.
Arrincaba a segunda moi igualada, cos dous equipos buscando o gol. E chegaría tras unha falta lateral que botou María Lijó e que Nerea marcaba de cabeza. Foron arriba con todo as verdes, case que con máis corazón que cabeza. E co equipo envorcado, xa contra o final, nunha contra, o Lucía Canosa facía o segundo e definitivo tanto.
Dumbría - Victoria C (3-1)

- Dumbría: Naira, Noa, Serena, Yaiza, Eva, Mai, Kelly, Fandi, Ainoa, Claudia e Sabela. Tamén xogaron: Reyes, Sara, Yoli, Icía e Naiara.
- Goles: 1-0, m.12: Ainoa; 2-0, m.35: Fandi; 3-0, m.42: Fandi; 3-1, m.90.

Partido moi controlado na primeira parte, puideron ser máis que 3 os goles pero ás veces o pau e outras as prisas evitaron un resultado maior. Na segunda parte seguiu o dominio local pero o exceso de confianza levounas a perder balóns moi claros e non ter claridade para atacar, abusando de conducións que non levaban a nada.
Cómpre destacar a volta ó 11 da infantil Yaiza trala lesión no xeonllo no derbi de Cee, e o debut da porteira Naira trala lesión de Lissette a semana pasada.

Cacheiras - As Miúdas (1-1)
- As Miúdas: Adriana, Uxía, Elba, Alba, Paula, Sofía, Laura, Marina, Marcela, Pati e Bárbara. Tamén: Carlota, Clara, Marta, Saray e Noa.
- Goles: 1-0, m.22; 1-1, m.33: Elba.
Compite sempre este cadro muradán, sexa cal sexa o campo. E así o fixo ante un Cacheiras decicido a xogar ben, con moitos cambios de xogo, diagonais, toque… Pero a intensidade costeira notouse, e malia que a iniciativa foi levada en todo momento polas locais, en ningún momento perdéronlle a cara ao partido, sendo tremendamente sólidas en defensa.. Adiantáronse as locais tralo rexeite nunha falta, pero apenas 10 minutos despois, a nova Elba (apenas ten 13 anos), recibía un balón na frontal e con sangue frío mandaba o balón ben escorado imposible para a porteira local.
Aguantou ben a segunda metade o cadro negro, pero tocou sufrir no treito final as embestidas das locais. A meta Adriana Siaba aparecía unha e outra vez, salvado dúas boas ocasións e mesmo un penalti no m.88, convertíndose nunha das grandes protagonistas.
Liga F7 Coruña GrA, xornada 4
Corcubión - Marte (2-0)
- Corcubión: Elena, Vivi, Elisa Lema, Maruxa, Ana, Cubelo e Carla Lema. Suplentes: Cris Sendón, Marta Santiago, Marta Lavandeira, Paula Galindo, Andrea, Claudia e Adriana.
- Goles: 1-0, m.35: Sara Cubelo; 2-0, m.43: Sara Cubelo.
O sábado pola mañá volveuse a tinguir o Cubaleiro de branquiazul no encontro entre o UD Corcubión feminino e o CD Marte, no que os dous equipos do alto da táboa desta liga loitaban para colocarse no primeiro posto esta semana.
Pese a que o visitante se presentaba con tan só 5 xogadoras, non o puxeron fácil. A primeira parte remataba sen goles, aínda que os balóns das corcubionesas alcanzaban constantemente a portería rival. Sería, pois, na segunda metade cando Sara Cubelo, tras unha xogada de sobresaínte, lograba o 1-0. O equipo non se confiou, e a mesma Cubelo non tardou en marcar o segundo.
Aguantou o UD Corcubión este resultado ata o final, convertíndose desta forma no equipo líder desta categoría ata o de agora. Dende o club agradecen o incondicional apoio da numerosa afección que acompañou, unha vez máis, e pese ás malas condicións meteorolóxicas, ao seu equipo.

A Tribuna FUTFEM
- 18-11-22: A Tribuna FUTFEM: Igualdade, no social e no deportivo.
- 11-11-2022: A Tribuna FUTFEM: De derbi en derbi, faise o camiño.
- 02-11-22: A Tribuna FUTFEM: Unha ponte de descanso con moito que celebrar.
- 20-10-2022: A Tribuna FUTFEM: Vitorias e derrotas nesta 2ª Futfem que van deixando as cousas claras.
- 14-10-2022: A Tribuna Futfem: Rutinas de fin de semana e algunha polémica..
- 07-10-2022: Regresou o Fútbol Feminino á Costa, con máis forza ca nunca.