Venres. 26.04.2024
El tiempo

Futfem: O derbi pontecesán enche o Pinguel mentres o Xallas álzase líder

FUTFEM CORME E PONTECESO
Ponteceso e Corme celebrando a festa do FUTFEM pontecesán
Futfem: O derbi pontecesán enche o Pinguel mentres o Xallas álzase líder

Espectacular o fútbol da Costa. A quen se lle conta por aí fóra que un partido da 2ª División Galega Feminina enche un campo de fútbol non o cre. Así aconteceu onte no Pinguel, para o primeiro derbi da historia entre Ponteceso e Corme, debutantes na categoría feminina. Un fermoso partido que acabou en táboas, e que deixa aos dous equipos na zona morna.

A outra gran nova da xornada protagonizouna o Xallas, que endosaba a primeira derrota ao ata onte líder, Calo, e remata a primeira volta como líder do esixente Gr.4.
Por detrás, a 5, segue o Cee, na 4ª posición, tras vencer o derbi ante Mazaricos. O Dumbría ocupa a última praza de promoción, que aínda pelexará tamén as Miúdas.

Ademais, o UD Corcubión disputou este domingo o derradeiro partido da primeira volta da Liga de F7, partido que rematou con outra vitoria para as corcubionesas, que rematan como campionas de inverno empatadas co Marte.

2ª División, Gr.4, xornada 13

Ponteceso - Corme (1-1)

11 do Ponteceso ante Corme
As pontecesás dedicáronlle o partido a Laura Amado xa que tivo que deixar o equipo de maneira provisional por motivos laborais
  • Ponteceso: María Lema, Andrea, Silvia, Laura, Miriam, Sabrina, Noe Martínez, Ahinoa, Myrella, Eva e Muíño. Tamén: Noe Blanco, Lucía Vila, Manti, Lara e Virgi.

11 do COrme no Pinguel

  • Corme: Belén, Lucia (Laura), Irene, Aroa (Ana), Vero; Olalla, Ana, Carla (Cris), Nati, Naroa; María (Julia).
  • Goles: 0-1, m.60: Carla; 1-1, m.72: Eva de penalti.

Capis do Corme e Ponteceso FUTFEM

Ambientazo no Pinguel para derbi feminino

Tenso derbi, tamén no feminino, cunhas 400 persoas nas bancadas. O Corme comezaba intentando, coma sempre, levar o peso do partido ante un Ponteceso ben plantado atrás dificultándolle o xogo cormelán. A primeira ocasión local chegaría o redor do minuto 10 por medio da capitá Eva tras unha boa internada por banda dereita o seu centrochut se paseou pola liña de gol, respondía o Corme por medio de Carla estrelando un balón no longueiro e con unha falta na frontal ben atallada en dous tempos por unha espectacular María, unha das protagonistas do encontro.

Rompeuse o partido na segunda, con chegadas ás dúas áreas. Abriu o marcador Carla cun golazo dende fóra da área. E o Ponteceso estirouse máis, subindo liñas, utilizando como baza ofensiva os saques de banda en longo de Ainhoa metendo o balón na área. A killer local Andrea e Muíñoa avisaban, e nun deses centros de banda, unhas mans das visitantes eran sinaladas como penalti, que aproveita a capi Eva para rubricar o empate.
Aínda habería ocasións para os dous equipos como un par de Naroa, que non puido ter máis protagonismo por unha marcaxe individual moi férrea; ou Andrea que lanzou un chut dende fóra da área que saíu lambendo a escuadra cormelá.

Xusto empate para o adestrador pontecesán Curro e algo menos xusto para o cormelán Rubén Souto.

Cerqueda - Abellá (0-7)

  • Cerqueda: Paula Casal, Jimena, Lorena, Mariña, Lucía Rod., Uxía, Pauliña Veiga, Irene, Raquel, Vanesa. Tamén: Tati, Sonia, Carla e Inés.

Partido complicado contra as terceiras clasificadas para un cadro cerquedán que aguantou ben os primeiros 20 minutos pero se descompensaron no último treiro da primeira metade.
A segunda metade, as cerquedás competiron ben e demostraron seguir aprendendo cada partido.

2ª División, Gr.4, xornada 13

Xallas - Calo (1-0)

Xallas fem

  • Xallas: Rosio; Laura, Rita, Saskia, Alicia; María, Luchy, Andrea Barbeira; Olalla, Andrea Otero e Yasmina. Tamén: Maite, Nuria, Paula Barcia, Claudia, Yaiza.
  • Gol: 1-0, m.50: Saskia nun córner.

Primeira parte moi igualada na que o Xallas puido adiantarse nos primeiros minutos nunha man a man de Yasmina das que non adoita errar e posteriormente Olalla de falta onde lle faltou tino e saíu pegado o pau o seu tiro franco.
O Calo saía ben da presión no medio campo e filtraba moitos balóns ás costas das laterais xalleiras pero entre Rosio e liña defensiva adiantada solventaron ben esas conductas do SR Calo deixándoas en fóra de xogo.
Nos últimos minutos da primeira parte unha xogada na que pediron fóra de xogo as locais, deixou escorada, dentro da área a unha xogadora visitante que bateu co balón no pau da meta de Rosio.

Xa na segunda parte e sobre todo despois de anotar Saskia á saída dun córner e adiantarlles na clasificación e no marcador do día, foi cando con máis corazón que cabeza, o Calo veuse arriba e puxo en varias ocasións e con moitos saques de curruncho en apretos o equipo xalleiro.
Momentos complicados pero coa grada animando a tope, e coa afouteza das féminas de Rupper os tres puntos non saíron de Santa Comba.

Dumbría - Dubra (7-0)

Dumbria feminino

  • Dumbría: Lía, Carril, Sabela, Yaiza, Mai, Fandi, Kelly, Ainoa, Eva, María das Carisas e Yoli. Tamén xogaron: Serena, Naira, Naiara, Paula Rodríguez e Reyes.
  • Goles: 1-0, m.5: María das Carisas; 2-0, m.10: Yoli; 3-0, m.15: Fandi; 4-0, m.16: Ahinoa; 5-0, m.27: Eva; 6-0, m.27: Eva; 7-0, m.62: Mai.

Afianza a quinta praza o equipo de Fran Figueroa e recurta distancias co novo líder. As locais dominaron o choque, ben armadas atrás e combinando de maneira precisa polo carril central e entrando en velocidade polas bandas. Os goles foron caendo na primeira parte demostrando a superioridade local.
O único pero, a nova lesión da infantil Yaiza.

Cee - Mazaricos (5-0)

  • Cee: Noemí, Lucía Rod., Lucía Facal, Alba, Nerea, Saray Duarte, Lucía Caamaño, Sharay Caamaño, Andrea, Lucía Martínez e Laura. Tamén: Ruth, Sabela, Antía e Nayara.
  • Mazaricos: Pedrosa, Claudia, Valeria Gascó, Fátima, Antía, Tamara, Silvia, Buján, Tajes, Ánxela e Antelo. Tamén xogaron: Romay, Leire, Katia, Rocío e Paula Rodríguez.
  • Goles: 1-0, m.14: Nerea; 2-0, m.15: Lucía Martínez; 3-0, m.22: Nerea; 4-0, m.45: Sharay Caamaño; 5-0, m.70: Nerea.

Partido con pouco ritmo, onde un Cee moi seguro non deixou crear ocasións ás amarelas en todo o partido. Comezaban defendendo ben as de Borja Sueiro, pero en dous zarpazos consecutivos as ceenses abrían fenda. Pouco despois, a pesar do bo facer de Pedrosa, Nerea, que firmou un triplete, ampliaba a renda, e antes do descanso Sharay Camaaño deixaba o 4-0 .

Máis intensas e mellor posicionadas saíron as amarelas na segunda, pero non conseguían facerlle dano a Noemí.

As Miúdas - Praíña (1-1)

  • As Miúdas: Adriana, Elba, Alba, Marta Verán, Marta Piñeiro, Marcela, Paula, Leti, Sofía, Bárbara e Marina. Tamén: Uxía, Clara, Saray, Gala e Ximena.
  • Goles: 1-0, m.44: Marcela; 1-1, m.67.

Primeira parte moi igualada con tres ocasions claras para cada equipo, pero eran as muradás as que conseguían romper a igualada cun disparo de Marcela dende fóra da área.

Na segunda, o choque estaba moi igualado pero as visitantes estiveron máis enriba e conseguiron empatar.

 

Liga F7, Coruña

Corcubión - Dep. Orzán (2-0)

  • Corcubión: Elena, Claudia, Marta Lavandeira, Cubelo, Ana, Alexandra Lojo, Carla Lema. Suplentes: Vivi, Elisa, Andrea, Adriana, Marta Santiago, Cristina, Maria.
  • Goles: 1-0, m.2: Ana; 2-0, m.46: Alexandra.

O equipo local comezou tocando de forma sobresaínte o balón, o que lle permitiría adelantarse no marcador xa nos primeiros minutos, co gol de Ana Sierra.
Pero a intensidade que caracterizaba ás locais foi disminuíndo e as xogadas das corcubionesas parecían perder a frescura do principio. Isto provocou que o segundo gol se fixera esperar ata os últimos minutos da segunda parte, nos que as corcubionesas volvían a presionar constantemente a portería local, sendo Alexandra Lojo a encargada de lograr o 2-0 que tranquilizaba a unha afición que demostrou, unha vez máis, o apoio incondicional ao seu equipo.

 

Máis novas do FUTFEM

MÁIS CRÓNICAS DO #FUTFEM

TÁBOA DO GR.2 DA 2 DIV.- FEM

TÁBOA DO GR.4 DA 2 DIV.- FEM

Comentarios