Que pensan os clubs do Fútbol da Costa sobre o regreso á competición?
A nova da volta á competición entre xaneiro e febreiro das competicións federadas, colleu en fóra de xogo a máis de un que leva descubrindo que hai as fins de semana dan para moito máis que para darlle patadas a un balón.
Porén, hai outras moitas persoas cunhas gañas tremendas de fútbol, que levan meses pregúntandose por que outros deportes como hoquei e baloncesto si que compiten e o fútbol non. “Chega o domigno á tarde e non sei que facer, é peor que ir traballar”, comentounos algún amante do balón que leva varias semanas a piques de saltarse as restricións e achegarse a Ara Solis.
A Federación pon a funcionar a maquinaria, deixando claro que non obriga a ninguén, especificando que os clubs terán que inscribirse para competir, e que todo seguirá en marcha sempre que a situación sanitaria o permita. Se ben non deixa claro aínda cal podería ser a sanción, varios clubs apuntan que non saír podería carrexar o descenso dunha categoría, pero iso aínda está pendente. O si que obriga o protocolo aprobado pola Xunta é a necesidade de “realizar un test serolóxico, antíxenos ou similares cada 14 días (a RFGF asumirá o 50% do custe), “sendo os propios clubs os que teñan a responsabilidade de realizar os test mediante a figura dun sanitario que certifique a realización dos mesmos”.
Así, entre dúbidas e gañas de saltar ao campo, fixemos un repaso polas opinións, moi en quente e en primeira instancia, do clubs de diferentes categorías.
Comezamos pola Preferente, que volvería competir a partir da última semana de xaneiro cos formato xa presentado en outubro. Dende a SD Sofán, un dos clubs con gañas de retomar a competición, recoñecen que “esperamos algo máis oficial que o protocolo, que ademais deixa moitas dúbidas porque non hai nin calendario, non sabemos se podemos meter xente dentro do campo que poida estar de pé…”, explica o presidente Ricardo Tasende
Tamén o Xallas ten gañas de volver ao “ruedo”, espera que o “comezo escalonado dos adestramentos vaia ben. Empezar imos empezar”, apunta a súa presidenta Bea Velo.
Na 1ª Galicia temos de todo. A meirande parte teñen moitas gañas pero tamén dúbidas. O Volantes ten gañas de voltar á competición, e confía en que cumprindo os protocolos non ten por que haber problemas.
Dende o Mazaricos, onde a pandemia está nun punto álxido, Esteban Pereiro é bastante rotundo. “Non lle vemos sentido comezar a tal e como está a cousa e tal como parece que vai estar para xaneiro-febreiro. En outubro nós xa votáramos que non porque os xogadores temos os nosos traballos, as nosas familias… e isto do fútbol é un hobby. Ademais creo que a xente non vai ir ao campo como antes”. En todo caso, recoñece que ”se hai que empezar, empezarase, pero é estrano que non poida ir comer cos meus avós en nadal, pero si vou poder ir adestrar”.
César Ferrío, presi do Dumbría, recoñece que “a verdade colleunos por sorpresa, e temos bastantes dúbidas, sobre todo coa base. Co que nos custou conseguir 3 equipos en nas categorías autonómicas, nos preocupa perdelas no caso de decidir non competir. E Se os equipos das cidades queren comezar, estamos fastidiados. Temos que sopesar as sancións”, valora ao tempo que incide ademais en que “hai que ter en conta tamén que as instalacións son municipais, polo que se os concellos non as deixan utilizar nada podemos facer”.
Polo de pronto van inscribirse, manter reunións e ver como se clarexa. “Se esperamos un pouco, toca Nadal… e nos poñemos a andar, son suficientes 20 días de entreno tras 9 meses de parón?”, pregúntase.
Dende o Soneira, un dos equipos esquecidos en todo este proceso, cun ascenso pantasma polo medio, Manel Frixe tamén valora que se trata “dunha decisión unilateral da federación, e a día de hoxe na Costa, polo menos, non están as cousas para poder empezar a entrenar e xogar. O protocolo e o mismo de fai meses practicamente, e o costo máis elevado para os equipos. E como imos buscar patrocinadores, con que cara vas aos bares e comercios pedirlle nada se eles o están pasando mal?”. Así mesmo tamén lembra que “as instalacións seguen estando cerradas, como imos xestionar iso?”.
A famiia do Baio amosa a súa “sorpresa e preocupación”, por exemplo pola posibilidade de acceso do público en zonas onde hai restricións. “Nós vivimos das rifas, das cantinas… e se non pode vir a xente?”. Ramén en clave deportiva pregúntanse como “facer unha pretemporada en 5 semanas”.
Por Ponteceso tralo "primeiro vistazo", non despexaron as dúbidas “tanto polas medidas que se expoñen, como pola situación actual e previsiblemente post-navideña”.
Máis rotundos non en Corme. Suso da Torriña xa avisa. “Nós non xuntariamos xente para xogar en ningunha categoría. Do cal me alegro porque creo que demostra moito a favor do meu Corme”.
Xa na 2ª Galicia, equipos como Malpica ou Camariñas amósanse dispostos a poñer a maquinaria a funcionar.
Outros, como a Esteirana, non tanto. Manolo Ferrolán afirma con rotundidade que “me parece precipitado. Espero que recapaciten os que teñen a sartén polo mango. Todos sabemos que o risco cero non o conseguiremos, creo que supón un risco moi grande grande para a saude de todos, directvos, xogadores e afeccionados”.
Igual de rotundo e Roberto Mouro, presi do Zas. “Quen vai pagar o sanitario?”, pregúntase. “Poderá haber público?, Canto? As cantinas? O prezo da mutualidade para unha liga reducida canto vai ser? Temos moitas dúbidas”, recoñece.
Dende o Montelouro, Xaco Barrientos explica que “dependemos dos xogadores ademais, e farémoslle unha consulta. Apuntar apuntarémonos pero non quere dicir que cando falten unhas semanas que nos baixemos. Pero a verdade hoxe vexo case imposible coa situación e a tendencia actual. Haberá que ir vendo día a día, pero non o temos nada claro.
Míchel, dende o Cabana “ve a cousa moi mal. Estamos falando dunha posible terceira ola en xaneiro, que podemos chegar a saturar hospitais… Eu daría o ano por perdido e programaría a seguinte temporada”.
Dende Outes, Carlos Romero, considera que “quizais as circunstancias aínda non son as apropiadas para volver á competición”, e entende que “as datas marcadas para o inicio igual aínda poden sufrir modificacións”.
Tamén opinan os clubs da 3ª. Dende o Castrelo, a directiva Vanessa considera que “xogar este ano paréceme un despropósito. Xa sei que hai moitas gañas de fútbol, eu como a que máis porque me gusta moito, pero igual que outras cousas e estamos sin elas agora mismo”. Pregúntase “como imos pagar os equipos pequenos as probas, aínda que a metade a pague a Federación”.
O presidente do UD Corcubión, Carlos Lema, “sego coa mesma postura. O problema non é ter un ou máis positivos, senón que detrás deses casos hai traballadores que poden por en dúbida o seu posto de traballo, ou fillos, netos... de persoas con patoloxía ou idade con risco da súa vida. Nós estamos no Fútbol por diversión, por facer Familia, por disfrutar Xuntos, e senón podemos estar tranquilos no Grupo, o "xogo" perde interese. Non creo que, mentras haia medidas de confinamento, o Deporte Aficionado poda viaxar por tódolos lados coma se fora un traballo esencial”.