Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Copa da Costa: Malpica, Dumbría e Corme meten un pé nos Cuartos

Copa da Costa: Malpica, Dumbría e Corme meten un pé nos Cuartos
Fisterra-Malpica de Copa-Fotop-Jorge Parri

Tiña lugar esta fin de semana a Ida dos Oitavos da Copa da Costa. E tras ollar a Final da Copa Xuveni, xa temos 3 equipos con pé e medio nos Cuartos, tralas vitorias a domicilio de Malpica en Ara Solis, Dumbría en Xaviña e Corme en Vimianzo.

Polo demais, Cee e Outes loitarán con igualdade na volta tralo empate no Cunchido; Volantes e Zas farán o propio tralo monólogo zaense da ida, Baio e Ponteceso veranse as caras no Pinguel tras un soso empate sen goles no Platas Reinoso, e o Ameixenda loitará contra todo un XSC tras deixa a eliminatoria aberta co 2-1 de Fontenla.

O que xa espera nos Cuartos é o Castriz, que aproveitou que o Sofán se retirou da Copa para centrarse na Fase de Ascenso. Unha fase na que, por certo, o Sofán comezaba descansando, e veu como o Val do Ulla estreábase vencendo en casa do Sálvora por 1-2.

Outes - Cee (2-2)

  • CEE: Parroto, Jorgito, Dani freire, Berto, Jacobo, Piquero, Angeliño, Nico, Penedo (Javi, min.83), Diego Cespón (Jaiolo, min.89) e Cris (Josiño, min.46).
  • OUTES: Gato, Arturo (Jura, min.65), Rafa (Borja, min.65), Chúa, Róber, Saúl (Edu, min.46), Poke (Babu, min.55), Martín, Migui, Kin (Cutu, min.70) e Miki.
  • Goles: 1-0, min.14: Chúa remata unha falta lateral; 2-0, min.48: Edu un golazo pola escuadra; 2-1, min.50: Piquero tras un córner; 2-2, min.78: Angeliño nunha falta botada por Diego Cespón que toca Penedo.

Partido duro e igualado, entretido, con dominio alterno e un empate bastante xusto que deixa ao Cee cunha lixeira vantaxe cara a volta. Empezaba o Cee un pouco mellor pero o Outes atopouse co gol de Chúa ao cuarto de hora e de aí ao descanso igualábanse as forzas, deixando un par de tiros de Diego Cespón e un remate de Nico entre as poucas chegadas ceenses, e un Outes que aproivetaba as indecisións na defensa viistante para avisar a Parroto.

Comezou a segunda cun ritmo fulgurante, e de contado o Outes ampliaba a renda. Pero sen tempo a nada, na seguinte xogada, Piquero recurtaba á saída dun córner. O Cee tiña máis presencia neses minutos, e tamén a balón parado chegaría o gol do empate, deixando todo aberto para a volta.

Fisterra - Malpica (0-2)

11 do Fisterra na Copa-Foto-Jorge Parri
  • FISTERRA: Joselu, Dani, Munitis, Julito, Breixo, Sergio Manín, Guardiola (Gabi, min.84), Noé (Adrián, min.68), Huete (Javi, min.82), Naranjo (Gabi, min.74) e Manuel Cartamil.
11 do Malpica en Ara Solis-Foto-Jorge Parri
  • MALPICA: Abraham, Mario Casal, Adrián, Alemán, David Castro, Fernando Varela, Eloy Cabeza, Juan oBello, Abel (David, min.84), Eloy, (Cheo, min.64) e Óscar Suárez.
  • Goles: 0-1, min.4: Óscar Suárez remata de cabeza un córner de Eloy Cabeza; 0-2, min.86: Eloy Cabeza tras un saque de banda colgado de Cheo.

Dous goles a balón parado, un aos 4 minutos do comezo e outro a 4 do final, deixa a eliminatoria encarrilada para un Malpica que fixo un serio partido en Ara Solis, sen permitir que a dianteira local, con moitas baixas, puidera facer dano na meta de Abraham.

Non foi un partido de gran ritmo, e a calor facía pesado o xogo, polo que as chegadas foron contadas polos dous equipos. Unha falta e unha volea dende o medio campo de Eloy Cabeza, un internadas de Adrián e Abel, e un posible penalti sobre Cheo foron as máis destacadas.

Gol-de-Eloy-Cabeza-de-falta-en-Ara-Solis-Foto-Wash-Calvo

Zas - Volantes (1-1)

Zas-Volantes-Foto-Paula
  • ZAS: Anxo (Rizos, min.46), Oli (Lagoa, min.70), Víctor Vecino, Martín (Damián, min.75), Pereiro, Peke, Canedo, Rubio, Pablo Lestón, David Blanco e Isma (Fabián, min.70).
  • VOLANTES: Vicente, Yeray, Juan, Nimo, Maikel, Pardelo, Varo (Javi, min.80) , Brais, Ivi e Piru.
  • Goles: 1-0, min.30: David Blanco; 1-1, min.40: Brais de falta.
  • Expulsión: o laranxa Miguel xon dous cartóns no min.50.

Menudo partido en San Andrés. O Zas tivo que bater contra a parece que prantexou o Volantes durante os 90 minutos, i é que ocadro laranxa chegaba con 12 xogadores, 5 deles tocados. Prantou o autobús estilo "Chelsea" o Volantes, apoiándose nun gran Vicente, para deixar un resultado algo inxusto pero moi traballado, e que deixa a eliminatoria aberta para a volta.

Foi un monólogo local o choque, que mesmo mandou tres balóns á madeira por medio de Víctor Vecino, Lestón e Rubio. Pero Vicente estivo espectacular e a defensa de sobresaliente.

Só David Blanco puido batir a Vicente, pero pouco despois Brais, de falta, facía o empate. Na segunda, máis do mesmo, e sobre todo cando quedaba con 10 o cadro visitante, que xa non podía nin do medio campo.

O público zaense protestoulle dous penaltis ao colexiado e este respondeu pedindo respecto nun momento algo tenso no partido.

Buño - Dumbría (1-4)

11 do Buno ante o Dumbria na Copa-Foto-David Castro
  • BUÑO: Brais, Ángel, Rubén (David Dourado, min.16), Diego, Iago, Secundino, Gurita, Dani Calvete (Pedro, min.74), Charro, Elías (Juan, min.79) e Fran Borrazás.
11 do Dumbria na Copa da Costa en Buno-Foto-David Castro
  • DUMBRÍA: Julián (Couto, min.75), Rudi, Oscarín, Jose, Aarón Fernández, Aarón López (Jesús, min.57), Rivi (Adrián Nieto, min.46), Jota, Pablo Muíño (Cote, min.46), Dani Casal e Luis.
  • Goles: 1-0, min.36: Charro; 1-1, min.43: Dani Casal; 1-2, min.71: Adrián Nieto; 1-3, min.85: Dani Casal; 1-4, min.89: Jota.
  • Expulsión: o oleiro David Dourado no minuto 90, con cartón vermello directo.
Capis do Dumbria e Buno-Foto-David Castro

Sufriu máis do esperado un Dumbría que sentenciou nos minutos finais a un Buño que soubo aguantar as investidas do conxunto que milita na Preferente e intentou crear perigo con transicións rápidas e contragolpes.

Comezou avisando Pablo Muíño, aos doce minutos, cun potente disparo que rexeita Brais despois de que o xogador dumbriés lle roubase a carteira a Iago. Dou a réplica Secundino cun forte lanzamento dende tres cuartos de campo que atrapou Julián sen problemas. Mediada a segunda metade, Oscarín a piques está de sorprender a Brais pero o seu disparo vaise por riba do longueiro.

Cando transcorría o minuto 36, adiantaríase o Buño no marcador tras un contragolpe de libro que finaliza Charro ante a saída de Julián logo dun gran pase de David Dourado. Antes do descanso, Dani Casal poñería o empate a uns ao transformar unha pena máxima, moi protestado polos locais.

Á volta do tempo de lecer, o partido volveríase un pouco monótono e sin ocasións de gol ata o minuto 62, cando Jota realiza un gran pase para Luis e este saca un potente disparo que envía Brais a córner. E nove minutos despois, chegaría o 1 a 2, tamén dende os once metros, logo de que Adrián Nieto superase ao porteiro oleiro. Un minuto máis tarde, xogada individual de Luis que pon o pase da morte para Cote que con todo ao seu favor remata fóra. A familia do Buño, reclamaría un penalti sobre Charro que o colexiado non pitou ante a incredibilidade dos presentes en Xaviña. A falta de sete minutos, Couto salvou o tanto de Charro cunha gran intervención que supoñería o empate a dous. Da posible igualada chegouse ao 1-3 favorable aos dumbrieses, cando Dani Casal completaba o seu doblete particular ao finalizar unha contra. E antes do remate do encontro, Jota facía o resultado definitivo ao superar a Brais no man a man.

Buno-Dumbria de CopadaCosta-Foto-David Castro

Baio - Ponteceso (0-0)

  • BAIO: Manu, Jose, Norber, Mario, Eloy, Martin, Brais (Fachal, min.80), Bieito, Rubio (Cristian, min.46), Alberto (Canay, min.46) e MC.
  • PONTECESO: Illote, Lorenzo, Diego Collazo (Pablo, min.88), Jorge, Josito, Dani Cotelo (Yago, min.64), Dieguito (Pablo Pailos, min.85), Bolón (Youssef, min.72), Alberto Recarey, Mendieta e Nando.
  • Lesións: Dieguito e Diego Collazo con pinchazos.

Partido moi igualado e disputado no Platas Reinoso entre dous equipos que xa viron as caras na Liga. E como era de esperar o cadro de Félix, que levou o mando do balón, fixo traballar moito aos de David Velo. Pero non houbo ocasións claras para ningún dos dous equipos.

Na primeira, apenas un remate nun córner do cadro local e unha contra do Ponteceso cun balón diagonal de Bolón que Diego Collanzo non acertou a rematar coa dereita. Nando tivo unha na segunda para o Ponteceso pero o marcador non se movería deixando todo para a volta.

Soneira - Corme (0-4)

  • SONEIRA: Víctor, Pichi (Maikel, min.44), Mayor (Chans, min.70), Sito, Brais, Baba, De la Sierra, , Fran de Urroa, Figueroa (Leo, min.63), Richi e Basti.
  • CORME: Javi, Dani, Alejandro, Miguel Torrado (Antoniño, min.87), Diego (Jose, min.60), Sergio, Adrián Doldán (Jesús, min.75), Juan Chans (Pandi, min.80), Lucas, Toniño e Alejo.
  • Goles: 0-1, min.55: Alejo pola escuadra dende a frontal tras unha boa xogada colectiva; 0-2, min.65: Diego a centro de Alejo que comezara a xogada en fóra de xogo; 0-3, min.75: Sergio dende moi lonxe; 0-4, min.90: Miguel Torrado dende o círculo central por riba do porteiro tras tocar o longueiro.

Partido, esquecido pola Federación (non aparece nin nas actas nin nos cruces), e de feito, non apareceu o colexiado e o partido non empezou ata as 17:30h cando estaba para as 16:00h, o que provocou que uns e outros quedaran sen ver o Barca-Atlético.

En todo caso, foi un resultado enganoso, pois o Soneira mereceu moito máis e acabou levando unha goleada. Na primeira metade foi mellor o cadro local, con máis intensidade, máis chegada, máis enriba do rival, pero non tivo sorte cara gol. Basti mandou ao pau, e o rexeite mandoudo fóra De la Sierra. Tivo tamén Figueroa un man a man e Basti tamén puido abrir a portería de Javi.

Na segunda saíu moi ben o Corme e pronto marcaron Alejo, tras unha fermosa xogada colectiva culmiada de xeito fantástico, e Diego. O Soneira intentábao pero sen sorte, como na chegada de Richi.

E no treito final completaba o Corme a goleada con 2 tantos máis, facendo 4 goles dende fóra da área, case máis que no resto da temporada.

XSC - Ameixenda (2-1)

  • XSC: David, Alberto (Darío, min.49), Fabián (Parri, min.46), Héctor, Rubén Castro, Adrián, Marcos, Mata, Sergio Barbeira, Steven e Tefi (Ismael, min.65).
  • AMEIXENDA: Óscar Riolo, José Manuel (Samuel, min.65), Javichu, Alberto (Grille, min.83), Bruno, Iván Pequeño (Paulino, min.75), Mateo (Demetrio, min.78), Bichiño, Álex, David (Jesús, min.60) e Rioliño.
  • Goles: 1-0, min.50: Steven; 2-0, min.80: Sergio Barbeira; 2-1, min.85: Rioliño de cabeza.

Apretou o Ameixenda a todo un XSC, que tiña a cabeza pendente da última xornada da Preferente. Comezou o cadro xalleiro levando o mando e demostrando a diferencia de categoría. Pero na primeira metade non puido superar a un bo armado Ameixenda.

Arrincou a segunda metade e a mocidade xalleira impúñase, co gol do xuvenil Steven. Foron bos minutos dos xalleiros pero o cadro ceense non lle perdía a cara ao partido. Sergio Barbeira facía o segundo, gol que espoleu aos visitantes cando só faltaban 10 minutos para o remate. E apretaron os ceenses, facendo un 2-1 que deixa a eliminatoria aberta e mesmo metendo o medo no corpo dos bicolores.

Prevese unha volta intensa no San Paio de Refoxos.

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Fonte

Comentarios