Martes. 19.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte segue tecendo redes pola igualdade real da Muller

A Costa da Morte segue tecendo redes pola igualdade real da Muller
As Buseranas celebraron 15 anos tecendo redes

Completo, completísimo este 8 de marzo, na celebración do Día da Muller, na Costa da Morte. Como vén comentaban moitas bravas polas redes sociais, haberá un día no que poidamos celebrar, simplemente, o Día do Ser Humano e asumir con naturalidade a igualdade. Pero mentres, estas demostracións para facer patentes o evidente, se cadra seguen sendo necesarias. Así alomenos o indican os datos; os datos de violencia de xénero, os datos do paro feminino, os datos dos soldos e dos postos de relevancia entre homes e mulleres, os datos desta inxusta sociedade.

En todo caso, a labor de mulleres como as da Buserana, que levan xa “15 anos tecendo redes”, demostran a súa capacidade. Para elas, e para todas as accións levadas a cabo estes días pola volta, que recollemos aquí, amosamos a nosa admiración.

Buserana, 15 anos tecendo redes!

Unha colcha con 500 corazons lilas tecida por Mimadrina

A emotividade de cada actividades das mulleres de Buserana sobrepasa os límites das bágoas. E neste 15 aniversario da súa existencia, a arte tamén formou parte da acción. Tomaron a Praza 8 de marzo de Cee con máis de 5000 corazóns lilas, polos máis de 5000 días que as bravas Buseranas levan “poñendo o seu corazón en todo o que fan, traballando en defensa das mulleres e da igualdade, como costureiras, enfiando historias, cosendo e tecendo fíos fermosos e fortes que unen e arroupan as mulleres da Costa da Morte”.

Este ano as artistas, a muxiá Viki Rivadulla e a fisterrá de Sardiñeiro Palmira Marcote, coñecida como Mimadriña, participaron activamente, e fixeron do acto pura. Palmira sacou a máquina de coser, para tecer unha fermosa colcha chea de corazóns coa que cubrir a Muller que loce na praza co nome homónimo. As máis activas, as cativas, fillas herdeiras das Buseranas, que quixeron aprender a tecer compromiso, como as súas nais.

Palmira no Dia da Muller cas Buseranas en Cee As Buseranas celebraron 15 anos tecendo redes

Leron este emocionante discurso:
no outono de 1999, un grupo de mulleres iniciamos unha andaina feminista, que nos trae até hoxe e aquí a celebrar, por decimoquinto ano consecutivo, o día da muller. organizámonos, cuestionáronnos, debatimos, ignoráronnos, informámonos, insultáronnos, coordinámonos con outras mulleres, traballamos, xulgáronos, viaxamos, cansamos… e renovamos forzas e ilusións, con cada situación de desigualdade, con cada muller asasinada, con cada inxustiza…, e aquí estamos.
as “2000 razóns para marchar” do 2.000 seguen a ser importantes para nós. e cremos que tecer redes pola igualdade é o camiño, pois a pesares dos avances, hai moito que facer. e quince anos despois defendemos o “feminismo para avanzar. xuntas nunha mesma loita”.
ás reivindicacións inda pendentes sumamos aquelas coas que acadamos unha mellora da nosa sociedade. servizo de xinecoloxía neste hospital, lei integral contra a violencia de xénero, campañas publicitarias denigrantes que foron retiradas, apoio a mulleres en situación vulnerábel, denuncia das situacións de abuso, … ou que os concellos celebren este día ou o 25 de novembro, son só exemplos do noso andar. porque do que non se fala, non existe, traballamos para que as inxustizas que se sofren por ser muller non fiquen esquecidas.
no ano 2003 centos de mulleres de toda galiza percorreron o camiño de cee a fisterra para alí celebrar o día das mulleres. trala crise ecolóxica do prestige, trala decisión do goberno de participar nunha guerra por intereses alleos, denunciabamos situacións que hoxe voltaron coa chamada crise económica, que tamén o é ecolóxica e social. pretende xustificar un machismo emerxente, un retroceso nos dereitos que non estamos dispostas a permitir//aturar?? e non queremos voltar ser os danos colaterais dun patriarcado mundial que crea pobreza na perpetuación do dominio.
a costa da morte está chea de mulleres traballadoras, mais en paro; fortes, mais vulnerábeis; de carácter, pero sumisas; mulleres valentes, con medo; mulleres que pensan e senten, mais calan; mulleres con soños, resignadas; mulleres que queren vivir en paz e sofren a violencia a cotío. mulleres que descoñecen ou cuestionan a loita feminista, pois senten que a elas ninguén lles pode cambiar nada. mulleres que, anque non sempre o saiban, non están soas. non estamos soas.
antes o futuro era a precariedade do presente: illamento xeográfico, organización social inexistente, economía de desenvolvemento propio inimaxinábel… e chegou o chapapote. e chegou a crise. e instalouse a austeridade e o abuso, e instalouse a perda de dereitos. agora o futuro é a ausencia do presente.
queremos denunciar hoxe, aquí, as condicións estremas de explotación de moitos traballos na costa da morte. se a situación da clase traballadora é de explotación, os datos din que para as mulleres empeorou considerablemente. aumentou a diferenza salarial. traballadoras sen nengún contrato e nengún dereito; con contratos de 4 horas e traballando 12 ou 14; con nóminas de convenio e cobrando a metade; sen seguro no tempo de proba; obrigadas a asinar contratos de baixa voluntaria; sen opción a protestar: se protestas, es marcada coma conflitiva; con representación sindical controlada pola empresaria; traballadoras que saíron da casa para chegar ao mundo laboral e acadar un recoñecemento persoal e social, a acadaron dobre xornada e marxinalidade laboral.
hai moito por andar.
celebramos tamén hoxe o voso acompañamento. o de todas as mulleres que teñen formado parte de buserana, o de todas as persoas que nos tedes acompañado. grazas por serdes feministas, incluso sen sabelo, canda nós. grazas tamén a todas as persoas que teñen participado con nós coa súa arte, o seu tempo, a súa música, as súas palabras e mais o seu saber.
“2000 razóns para marchar” foi o noso primeiro día da muller. seguen estando aí. e seguimos querendo marchar. polas nosas fillas, polas fillas das que non teñen voz porque as silencian, por todas as que viven con medo ou non poden vivir como quererían. por todas, por nós.

As Buseranas celebraron 15 anos tecendo redes

Cheo na estrea do documental «Costa das mulleres» en Cee

Proxeccion da documental Costa das mulleres en Cee

A espectación converteuse en cheo durante a estrea, armada pola Comisión de Mulleres do BNG e de Galiza Nova, en Cee de «Costa das mulleres». Uns organizadores que preferiron darlle a palabra á muller traballadora no seu día, de xeito que sexan elas precisamente as grandes protagonistas dunha xornada que non se quixeron perder, como atestigua o cheo vivido no Salón de Plenos do Concello de Cee con importante presenza das mulleres representadas no documental, nun acto presentado por Antía Insua, responsable comarcal de Galiza Nova. Un cheo que demostra que a muller traballadora da nosa comarca precisa de espazos de expresión e apoio mutuo.

A documental convida a unha reflexión colectiva sobre o pasado, presente e futuro da muller traballadora na nosa comarca mediante un repaso da traxectoria de 20 mulleres da Costa da Morte que ispen a súa historia ante a cámara sen guións nin artificios, co ánimo de compartir con mulleres e homes as súas vivencias e ilustrar dun xeito cru a verdadeira aventura de ser muller e traballar na nosa comarca, e ter que lidiar co desemprego, a precariedade, a discriminación salarial, a imposibilidade de conciliar traxectoria laboral con coidado de familiares dependentes, a falta de apoio institucional... nun mundo que o patriarcado deseñou para que a muller sexa man de obra barata e coide da casa e da familia.
Mariñeiras, operarias, artesás, mariscadoras, empresarias, labregas, amas de casa, estudantes... e un longo etcétera vanse sucedendo ante a cámara para debuxar ao longo de 45 minutos a situación fidedigna con que se atopan no seu día a día, nunha merecida homenaxe que fuxe da onomástica puramente institucional na que está a converterse, e cada ano máis, o 8 de marzo.


Un Mural en Vimianzo

Mural da Dignidade en Vimianzo

Despois de presentar o III Plan para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Vimianzo, o Concello realizou un mural conmemorativo do Día Internacional da Muller, que estivo aberto a todos os que quixeron compartir as súas pegadas para seguir “Loitando pola Igualdade”.

Concelleira e Alcalde de Vimianzo no Mural pola Dignidade Integro celebrou o Dia da Muller polo mercado de Laxe

Cruz Vermella no IES

Cruz Vermella celebrando o 8 de marzo no IEs

A Cruz Vermella Mocidade puxo de manifesto na súa visita ao IES Maximino Romero de Lema de Baio que aínda queda moito por facer para erradicar as situacións de desigualdade entre mozos e mozas. "Moitos e moitas mozas opinan que xa non é necesario seguir loitando pola igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. En canto traballamos o tema un pouco con eses grupos, asómbranse cos prejuicios e estereotipos de xénero que aplican no seu día a día e danse conta da necesidade de seguir loitando por unha sociedade máis xusta", sinala Iria Rilo, técnica de Cruz Vermella Mocidade na Coruña.

Por iso, a asociación xuvenil puxo en marcha a campaña de sensibilización "Evoluciona cara á igualdade" que se desenvolverá en centros educativos e a vía pública de oito localidades de toda a provincia (A Coruña, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Ordes, Santiago de Compostela e Vimianzo), ademais de en as redes sociais a través do hashtag #evoluciona.

En concreto, a asemblea de Cruz Vermella en Vimianzo culminará as actividades programadas na provincia coa mesa redonda "A situación das mulleres na sociedade" que terá lugar o vindeiro mércores 11 de 10.30 a 12h na asemblea da entidade. O obxectivo é reflexionar sobre as desigualdades que a día de hoxe séguense dando na nosa sociedade entre homes e mulleres. "Aínda que é certo que avanzamos moito en temas de igualdade, e que no que a leis se refire estas abogan porque se cumpran os dereitos da mulleres, esa igualdade non se reflicte na nosa realidade máis próxima. No mercado laboral, por exemplo, as mulleres seguen sufrindo situacións de discriminación", detalla Fátima García, traballadora social da entidade. A actividade está aberta a todas as persoas interesadas.

Ademais disto, a asemblea local de Cruz Vermella desenvolve desde a semana pasada diferentes actividades para conmemorar este día. Os 18 nenos e nenas do proxecto de Promoción do Éxito Escolar realizaron dinámicas e xogos cos que traballaron o concepto de igualdade. Tamén o pasado venres se impartió unha charla de sensibilización cos alumnos de 1º diso do IES Maximino Romeu de Lema, na que se invitou aos alumnos e alumnas á reflexión persoal a favor da igualdade de xénero e sensibilizar sobre as pequenas accións que día a día, todos e todas podemos realizar para lograr unha sociedade un pouco máis xusta e igualitaria.

Día da Muller en Íntegro

A Asociación Íntegro desenvolveu o venres unha acción informativa para sensibilizar á poboación sobre a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres.
Un grupo de usuarios/as do Centro de Día e do Centro Ocupacional desprazáronse ata os concellos de Cabana e Laxe, neste caso aproveitando a celebración do mercadiño, para repartir entre os veciños, de balde, calendarios conmemorativos e para informar sobre a necesidade de rematar coas desigualdades de xénero, aínda moi presentes na sociedade actual. Todas as mulleres que aparecen no calendario son usuarias de Íntegro, que se suman tamén así a esta xornada reivindicativa.
A iniciativa foi todo un éxito e tivo moi boa acollida entre os transeúntes.


“No amor, non todo vale”

O pabillón do colexio Barrié de la Maza de Santa Comba acolleu este venres unha xornada da campaña de sensibilización contra a violencia de xénero organizada pola Deputación provincial en colaboración có concello de Santa Comba, ó traverso do centro de información a muller(CIM) municipal.
O acto acontou coa presenza do deputado provincial e alcalde de Trazo, José Dafonte e da alcaldesa de Santa Comba, María Pose.

Dia da Muller en Santa Comba

5 anos da Biblioteca Mulleres de Muxía

5 anos da Biblioteca da Mulle de Muxia

Levamos seguindo, dende o primeiro día, a Galería Mulleres da Biblioteca de Muxía. Co gallo do aniversario, a vindeira semana a Biblioteca Municipal de Muxía inaugura unha mostra sobre o programa, co título “5 anos da Galería das Mulleres”.
A mostra recollerá parte dos carteis publicados ao longo dos cinco anos que leva en marcha o programa e permacerá exposta todo o mes de marzo.

O programa Galería Mulleres que difunde cada mes a figura dunha muller destacada en calquera eido cultural, político, social, etc...comezou a súa andaina en marzo do 2010, fai agora cinco anos, e nesa ocasión arrancou dedicando o mes de marzo a unha poeta e polifacética muller da Costa da Morte: María Lado.
Cinco anos despois, pasaron polo programa moitos nomes de muller,algunhas recoñecidas e outras esquecidas polos libros de texto; mulleres escritoras, pintoras, activistas, científicas, actrices,emprendedoras, etc... que mes a mes saen á luz para lembrar e poñer en valor o enorme traballo que a muller aporta á sociedade e rachar co silencio que rodea a obra de moitas delas.


A Igualdade ten futuro. Loitemos por ela

Cheo no Dia da Muller no Concello de Carnota

Tamén por Carnota celebraron o 8M cunha actuación moi especial, baixo o lema “A liberdade e un dereito pero aprender a usala e un deber”. Celebrouse no concello de Carnota unha performance intitulada "O machismo que nos criou" poñendo de manifesto as rutinas onde a muller sofre descriminación, con César Cambeiro e Belén da Crega, dous artistas con maiúsculas, como protagonistas. Ademais, deron os premios infantís ao mellor texto e debuxo polo Día da Muller.

Mellor debuxo polo Dia da Muller de Carnota

Xantar no Centro Social

Xantar no Centro Social de Cee polo Dia da Muller

A primeira actividade tiña lugar o xoves co almorzo/tertulia para mulleres que organizou o Concello con motivo do Día Internacional da Muller, en colaboración co CIM e o Centro Social. Participaron un total de 25 mulleres con idades comprendidas entre 25 e 85 anos. A tertulia foi moi positiva, as mulleres falaron das súas experiencias personais, como se mellorou na calidade da vida, as relación personales e de parella, a inserción no mercado laboral, na educación dos seus fillos e fillas… Pero todas coíncidian en que todavía queda moito camino por percorrer para chegar a Igualdade real.


Novas relacionadas

Repasos aos 25N e 8M na Costa

Fonte

Comentarios