Un campo de fútbol para Roxelio
Rogelio. Fonte: Mar de Paixón.
Pode que chegue ao pleno, a petición en Change.org de poñerlle ao campo municipal de Laxe o nome de Rogelio Martínez Castiñeira.
Un home que foi tan significativo para o mundo do fútbol de Laxe, que xa ten recibido a súa homenaxe en clave de torneo estival, pero que se atopa nun mal estado de saúde.
Héctor Pose, autor do libro Mar de Paixón así contou como Rogelio foi precisamente un dos primeiros protagonistas da súa investigación:
Un dos primeiros en abordar a súa historia no libro é Rogelio Martínez Castiñeira, “Roxelio”. Agárdanos el e, tamén, o seu sobriño, na fermosa aldea de Coendes, a medio camiño entre Laxe e Baio. Así ten o corazón deportivo dividido este sexaxenario Roxelio, socio de ambos clubes. De ollada limpa e falar entrecortado, deixase preguntar. E lembra este directivo durante 30 anos do SD Laxe a Martín, Bodello, os irmáns Tinolos, a Ubelino ou Sindo…”O fútbol deume amistades, ledicia e levoume a coñecer as cercanías lonxanas”. Espalla pola mesa de ule carnéts de seareiro, fotos de éxitos e unha placa da homenaxe que lle brindaron hai pouco…”Ver á xente unida e disfrutando: velaí o meu soldo”. E rí, malia que leva con certo pesar a incipiente carreira arbitral de quen escoita atento e en silencio ao seu carón tantas lembranzas.