Venres. 19.04.2024
El tiempo

Coñecendo as consecuencias das lesións medulares de primeira man na escola

Integro no CEIP Cabo da Area
Coñecendo as consecuencias das lesións medulares de primeira man na escola

Neste mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular de Íntegro volveu ás aulas coa celebración dunha xornada de sensibilización no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, na que participaron 29 alumnos de 3º e 4º da ESO. A actividade, incluída na programación conmemorativa do 30º aniversario da entidade, xirou arredor das causas e consecuencias dos accidentes medulares para concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, como principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

A sesión informativa, celebrada onte á mañá, contou coa participación do presidente de Íntegro Adolfo López Baña, encargado de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares, e José Manuel, un voluntario do programa, que expuxo o seu caso e deixou impresionado tanto ao alumnado como ao profesorado co seu exemplo de forza, coraxe e superación.

A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.


Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Comentarios