sábado. 07.12.2024
El tiempo

As mulleres de Bergantiños berraron na rúa para combater todas as violencias machistas

Concentracion en Laxe polo 25N-Foto-Vitor de Mira
Concentración en Laxe polo 25N-Foto-Vítor de Mira
As mulleres de Bergantiños berraron na rúa para combater todas as violencias machistas

Ademais das concentracións de Cee e Carnota, os outrod puntos quentes deste 25N foron en Bergantiños, da man do colectivo Feminismo en Pé.

As prazas Ramón Juerga de Laxe e do Recheo de Ponteceso acolleron sendas concentracións de repulsa ante o auxe dos feminicidios, que suman 1.561 mulleres asasinadas por homes desde 2010, ano no que se comezou a documentar os feminicidios en España.

25N En Ponteceso Feminismo en pe
Concentración en Ponteceso

Así o lembraron as mulleres do Colectivo Feminismo en Pe, lembramos a todas as mulleres e nenas asasinadas por violencia machista, cifra que onte mesmo volveuse incrementar, sumando un total de 83, case o doble das consideradas nas contas oficiais, e 87 se lembramos aos varóns menores de idade asasinados por violencia vicaria. Así, as mulleres deron lectura a cada un dos 87 nomes ao carón das candelas.

No manifesto da Marcha Mundial das Mulleres animaron a combater todas as formas de violencia machista. Lembraron ademais que este 25 de novembro se homenaxea ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura. Elas foron encarceradas, violadas e asasinadas a mando da ditadura da República Dominicana nos anos 60. En nome da memoria colectiva, o día marca as loitas polo fin das violencias contra as mulleres.

O manifesto lembrou tamén que as agresións adoitan ser nos “espazos cotiáns, onde é máis difícil enfrontala e combatela”. Criticaron o negacionismo e a desinformación provocada pola ultradereita normalizando a violencia é sistemática e transversal. “Despois dunha grande vaga mobilizadora do feminismo somos conscientes da actual fase de repregamento que nos volve condenar ás efemérides e que evapora a axenda feminista galega. O crecemento de discursos que negan a violencia acompañado dos constantes ataques que vive o movemento feminista, o incremento de propostas e apostas individuais fronte ao colectivo favoreceron o efecto desmobilizador en que nos atopamos”.

Concentracion en Laxe polo 25N-Foto-Vitor de Mira 3
Concentración en Laxe polo 25N-Foto-Vítor de Mira

Ante esta situación a MMM fai unha serie de peticións:

  • Fronte á violencia psicolóxica: educación en igualdade e medidas de autoprotección que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia.
  • Fronte á violencia sexual: acceso ao traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución. Ante a privatización da xestión dos centros de atención ás vítimas por parte da Xunta, reclamamos que todos os medios que se poñan a disposición, así como a súa xestión, deben de ser públicos, única forma de que prime o interese de servizo fronte a intereses de lucro.
  • Fronte á violencia xudicial: para evitar a revitimización reclamamos formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero ao conxunto das cidades do país; garantías de protección para as vítimas e para as súas crianzas, nin custodia nin réxime de visitas para os pais denunciados por maltrato.
  • Fronte á violencia na saúde: a saúde das mulleres debe terse en conta na ciencia médica e farmacolóxica, que historicamente só tiveron unha perspectiva androcéntrica. Demandamos servizos públicos de saúde que garantan o coidado do conxunto da poboación, con medios e prazos razoábeis, que eviten sobrecargar as mulleres cos coidados de doentes e dependentes. Precisamos que a educación sexual forme parte da saúde, que se garanta o dereito ao aborto na rede sanitaria pública máis próxima e que se poña fin a prácticas médicas que constitúen violencia obstétrica.
  • Fronte á violencia no traballo: que se obrigue ás empresas a teren protocolos de acoso, se fagan públicos e se poñan en práctica; que se difundan todas as formas de violencia e se garanta que todas as persoas que conviven no traballo as identifiquen e coñezan os mecanismos para denuncialas e, sobre todo, que as vítimas conten sempre con todas as medidas de protección.
  • Fronte á incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e á supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no goberno do PP na Xunta, reclamamos que as políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. E engadimos que a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas para o combate de todas as formas de discriminación das mulleres.

Máis novas do 25N

Comentarios