O pobo de Laxe dá vida ao Festival Teatrapa


O Salón de plenos do Concello de Laxe acollía o pasado venres o programa do IX Festival de Teatro Escolar de Laxe Teatrapa 2016, que inclúe o IV Roteiro, que se celebrará o sábado, 28 de maio na vila de Laxe.
Un Festival no que está implicada media vila, pois está organizado Escola Municipal de Teatro de Laxe en colaboración con Folerpas Teatro, varias asociacións da vila de Laxe, Escola Municipal de Música e algúns veciños e veciñas a título individual.
Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de seis Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Melide, Vedra, A Estrada, Touro e Laxe) con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos.
Deste xeito, este Festival permite que o alumnado das seis aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2015/16 nas seis localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha xira de funcións dun Circuíto Galego de Teatro Escolar por Galicia e Portugal, que comezou o día 18 de febreiro deste ano en Ourense no Teatro Principal, e que continou o 12 de marzo en Melide, o 9 de abril en Palas de Rei, o 24 dese mesmo mes na Estrada, o 4 de maio na Zona Livre de Vila Real, o 6 no Centro Cultural Raiano de Idanha A Nova e o 8 no Auditorio Luisa Todi de Setúbal.
Programa

SÁBADO 28 DE MAIO:
- 12:00 horas: O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do CPI de Touro, A Aula de Teatro do IES de Melide, “Teiroa Teatro”, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas Teatro”, A Aula de Teatro do CPI de Vedra e A Escola Municipal de Teatro de Laxe PRESENTAN no Teatro Principal da Estrada: VARIEDADES.
- 18:00 horas: Roteiro teatral, poético e musical polas rúas da zona vella de Laxe. O roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos tradicionais e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e distintas localidades, a aproximación do alumnado ao mundo do mar, a convivencia e traballo conxunto entre os membros de diferentes asociacións, a valorización e o respecto do tecido cultural creado polo pobo (por exemplo, coa vivenciación por parte de persoas que desempeñaron profesións tradicionais); o achegamento ás diferentes disciplinas literarias desde unha perspectiva lúdica.
DOMINGO 29 DE MAIO
O grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro presenta a obra INTIMIDADES ás 19 horas no Salón de Actos Municipal. É un espectáculo conformado tamén por varias historias plenas de fantasía, creatividade, sorpresas, personaxes de contos, series dedebuxos animados, humor… apto para todos os públicos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).