Os comicios en Laxe: Bipartito ou goberno en minoría


Perdeu a maioría absoluta Antón Carracedo ao fronte do PSOE de Laxe. Tras 3 lexislaturas do PSOE no poder, Carracedo, para manter a alcaldía terá que asegurar un pacto con BNG, que entrará por primeira vez na Xunta de Goberno. Porque un pacto con Independentes por Laxe, onde José Luis Pérez Añón mantén o seu posto de concelleiro, non parece posible tras todas as diferencias manifestadas ata o de agora.
Ademais, parece que o hipotético tripartito entre PP, BNG e IxL queda descartado por falarmos de "polos opostos", segundo o voceiro do BNG laxense.
Por tanto, as dúas vías posibles de goberno en Laxe serán un pacto entre PSOE e BNG, ou un goberno en minoría do PSOE con apoios puntuais dos nacionalistas.
Os resultados
A máis destacable é a baixada de máis de 400 votos e 1 concelleiro do grupo do PSOE. Sumado a subida de máis de 230 votos do PP fai que a diferencia entre ambos baixe considerablemente. Nese sentido, Ambrosio Oróns, valora moi positivamente os resultados.
Dende o BNG tamén valoran moi positivamente o feito de triplicar os seus votos: “A obtención de representación, por primeira vez na historia do BNG, no Concello de Laxe, onde ademais o nacionalismo será decisivo na conformación do próximo goberno municipal". I é que o BNG entrará por primeira no Salón de Plenos, tras subir en case 240 votos.
Este feito non quere dicir que o nacionalismo nace en Laxe, pois xa 95 a coalición PSdG-Esquerda Galega, con Carracedo á cabeza, xa estivera na Xunta de Goberno.
Pola súa banda, José Luís Pérez Añón considera a súa subida de 5 puntos moi positiva nun partido que só ten 4 anos de vida. "Estivemos a punto de sacar o segundo e iso é un éxito", apunta Añón.
De pactos
"O tripartito está descartado simplemente porque somos polos opostos", indica o candidato do BNG laxense Xosé Manuel Pose. Ten a chave do goberno o BNG, e aseguran que a día de hoxe, "a Asemblea Local do BNG de Laxe xa ten tomada a decisión pero aínda hai que negociar e non imos anunciar nada ata a vindeira semana", comenta Pose.
Ademais, Pose esixe "o cumprimento íntegro do noso programa, con auditoría, plan de viabilidade serio, a renuncia á permuta do campo de Escaravello que ten que ser o pulmón verde de Laxe, a situación legal do campo de fútbol...", explica.
Ademais, "IxLaxe non vai apoiar ao PSOE", afírmanos Añón, logo de todas as diferencias amosadas nesta lexislatura. O independiente afirma que esta será unha semana de moitas conversas, e tras falar co PP, co que non chegaría unha coalición para alonxar ao PSOE do goberno, ten cita co BNG. "Esta será unha semana chea de conversas, pero segundo o meu punto de vista, o PSOE vai gobernar en minoría", vaticina Añón.
Novas relacionadas
- O BNG de Bergantiños fai balance e sae reforzado dos comicios.
- Primeiras valoracións dos Resultados das Eleccións 2011.
- Valoracións Eleccións 2011: O gusto polas Orquestas.
Repaso Concello a Concello
- Os comicios en Malpica: Todos os pactos son posibles.
- Os comicios en Cee: A oposición buscará evitar a renovación do alcalde.
- Os comicios en Corcubión: “O pobo falou”.
- Os comicios en Vimianzo: Borrón e conta nova.
- Os comicios en Carnota: Cambio de goberno a tiro de pacto.
- Os comicios en Fisterra: Máis votos que votantes nunha longa noite que mantén a maioría do PP.
Máis información sobre os Resultados
- Resultados das Eleccións 2011.
- Comparativa en IkiMap dos Resultados de 2007 e 2011.
- IkiMap cos Resultados das Eleccións 2011.
- Táboa cos Resultados das Eleccións 2011.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).