Comeza a instalación do radar que permitirá definir o proxecto de mellora da seguridade no peirao de Malpica
Un ano despois do tráxico naufraxio na entrada do porto de Malpica, a Xunta dá o primeiro paso para solventar o grave problema de seguridade. Son xa case 365 días nos que as embarcacións de Malpica seguen xogándose a vida cada vez que entrar, derrapando, no seu porto.
E seguirán sumando, porque a primeira medida que está realizando Portos de Galicia é a colocación dun radar para coñecer os efectos das ondas longas. Os técnicos do ente público están a preparar a estrutura na que se colocará este dispositivo de medición nos vindeiros días. Este equipo súmase aos sensores instalados hai unhas semanas e permitirá facer medicións reais co obxectivo de buscar a mellor solución, de definir o proxecto definitivo, co que mitigar os riscos derivados das correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.
Explican dende Portos que “as ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretos que producen a resonancia na dársena para poder acometer as mellores solucións”.
Apuntan que “a definición do proxecto definitivo é complexa pois as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior malpicá data do ano 1952”.
A maiores da instalación do radar, a través de Meteogalicia inclúese no proxecto MarRisk un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas.
Novas relacionadas
- Oubturo 19: A Confraría de Malpica espera polas melloras prometidas.
- Outubro 19: Un radar, primeira medida da Xunta para revisar a seguridade do porto.
- Xullo 19: A familia do mariñeiro falecido en Malpica entrega 10.000 sinaturas para que Portos acometa obras de seguridade no peirao.
- Xullo 19: Walter Pardo e Leiceaga piden á Xunta a a execución das obras de mellora de seguridade no porto de Malpica.
- Febreiro 19: Aprobada no Parlamento unha iniciativa para eliminar o risco na entrada do porto de Malpica.
- 31-01-19: A oposición ao completo obriga no Parlamento á Xunta a tomar medidas para o porto de Malpica.
- A seguridade no porto de Malpica volve ao Parlamento.
- A familia malpicá do falecido no mar pide solucións para o porto.
- Decembro 18: Conmoción en Galicia polos dous naufraxios da Costa da Morte.