Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Concello de Malpica ten que volver pechar o consumo de auga por un vertido

  • A oposición analiza o pleno sobre a crise da auga.
Deposito de Pedra Queimada
Depósito de Pedra Queimada
O Concello de Malpica ten que volver pechar o consumo de auga por un vertido

Menos dun mes despois de volver abrir a auga municipal, e apenas dous días despois do polémico pleno sobre a crise, o Concello de Malpica ten que volver a pechar para o consumo humano a rede municipal que depende dos depósitos de Pedra Queimada e Papeiras.

“Pos un circo nácenche os ananos”, lamenta o alcalde Eduardo Parga, moi cabreado por esta insólita situación, sobre a que “non descarto ningunha mala intención”. En calquera caso, avisa que “é unha cousa completamente diferente que a do verán. Isto é un vertido no río, puntual, que se filtrou nos depósitos, polo que teremos que baleirar e limpar os depósitos, purgar a rede e volver encher”, explica, deixando claro que espera que se reabra a rede nas vindeiras 24 horas.

A realidade é que a auga sae limpa pero con moi mal cheiro, polo que pensan que podería ser unha vertedura de xurro. En calquera caso, mañá, coas mostras tomadas hoxe, saberanse os resultados das analíticas, unha vez que o Concello xa puxo denuncia no Seprona, e avisou a Augas de Galicia.

bando auga CORTE AUGA Malpica novembro 2022

O pleno da polémica

Dous meses despois do comezo da crise, e trala petición reiterada da oposición, o grupo popular convocaba un pleno este pasado luns ás 8:30h da mañá. Se ben houbo máis xente da habitual, era unha hora pouco acertada tanto para PSOE e BNG, que critican “a falta de transparencia e democracia” da medida do grupo de goberno.

O PSOE solicitaba ademais que se fixeran públicas as analíticas, se ben os dous grupos da oposición recibiron o mesmo informe que ten o grupo de goberno.
”As analíticas nunca se publican”, trataba de explicarnos o alcalde Eduardo Parga, “nin en Cabana, Ponteceso, Carballo… Colgámolas no SINAP e enviámosllas a Sanidade, para levar control, pero non facelas públicas”, sinalou deixando entrever que a xente da vila non as entendería.

Á saída do pleno o máis crítico foi Walter Pardo, voceiro do PSOE, que chegou a lanzar, en declaracións á Radio Nordés, a grave acusación de que “o alcalde puido ter aberto a auga sen ter confirmadas as 3 analíticas necesarias para facelo”.
”Pero a quen lle colle na cabeza?? Que alcalde se vai atrever a abrir a auga sen a aprobación de Sanidade?”, respondíanos o alcalde, cabreado polo uso político desta crise. “Isto iría polo penal… Se cres que fago algo mal, denúnciame, pero non tires a pedra e escondas a man”, remata.

Pola súa parte, ao voceiro do BNG, Miguel Varela, “non nos valen as explicacións, certo que non todo o mundo está metido en parámetros, pero se te pos a lelas, enténdeas. É verdade que no informe que temos os grupos, só habería dúas analíticas correctas nun dos depósitos, pero o alcalde asegurou que foi un erro na transcrición. Sinceiramente non creo que o alcalde se arriscase a abrir a auga sen a certeza. Pero se Walter ten constancia de que o alcalde abriu a auga con dúas analíticas nada máis, que o denuncie”, conclúe tamén.

Polo de agora, toca esperar aos resultados destes días, de novo, sen usar a auga municipal para beber nin para cociñar, pero unha das primeiras consecuencias que xa se poden ir botando é o feble que é o sistema de abastecemento malpicán.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios