luns. 12.05.2025
El tiempo

O Arranchado, 17 anos de dedicación a Protección Civil de Malpica

O Arranchado, 17 anos de dedicación a Protección Civil de Malpica
Concelleiros de Malpica peleando por homenaxear ao Arranchado

Emotiva homenaxe foi a que recibíu o voluntario máis veterano de Protección Civil de Malpica. Unha trintena de voluntarios das agrupacións de Cerceda, Coristanco, Cabana, Arteixo e Malpica acompañaron a Alfredo Mato, O Arranchado, no día da súa homenaxe. Un acto que servíu tamén para render agradecimento á labor de Protección Civil en toda a zona, entidade da que o protagonista é historia viva.

Foron 17 anos de dedicación á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e de toda unha vida vinculado aos servizos de emerxencias na localidade. Alfredo Mato foi recibido na porta da casa consistorial polo alcalde, Eduardo Parga; o delegado de Protección Civil, Alfredo Cañizo, e os concelleiros Miguel Fernández e Pilar Doldán, ademáis de axentes da Policía Local e a Garda Civil.

Alfredo Mato saudou un por un aos que foron compañeiros seus ata agosto do ano pasado, cando tivo que deixar a agrupación de Protección Civil por motivos de idade. Unha vez cumpridos os 75 anos, ningún seguro se facía cargo del, aínda que, como destacaron todos os presentes, O Arranchado segue a ser un voluntario moi válido.

Alfredo Cañizo, amigo persoal do homenaxeado, cualificouno coma “unha institución en Malpica”, e destacou moitas das súas cualidades como persoa e como traballador de Protección Civil. “Era dos que mellor aparcaba os coches”, bromeou, e, xa en serio, destacouno como “un traballador incansable”. O concelleiro considera que O Arranchado merecería “moito máis”, pero pediulle que leve a homenaxe de hoxe “no recordo” e doulle as grazas polo traballo de tantos anos. “Que saibas que aínda que por motivos legais non podes pertencer a Protección Civil, vas pertencer sempre”, asegurou Cañizo.

Entre aplausos e abrazos, algún deles especialmente emotivo, como o que protagonizaron Alfredo Mato e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, Iván Muíño, tocoulle a quenda ao homenaxeado, que destacou o importante labor que desempeña Protección Civil malia o pouco apoio que ten nalgúns momentos e por parte dalgúns sectores da poboación. Pero O Arranchado leva a agrupación no corazón, e por iso pediu aos seus compañeiros e ao Concello “que conten comigo para o que queiran”.
A xornada de recoñecemento rematou cunha comida de confraternización.

Proteccion Civil de Malpica homenaxeando ao Arranchado

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios