#ELECCIÓNS
O Pactómetro: Malpica
O 15 de xuño teñen que estar constituídos os novos plenos de cara á nova lexislatura. 9 dos 18 Concellos costeiros vivirán unha prácida entrada con maiorías absolutas. Quedan pois pendentes dos posibles pactos, ou de gobernos en minoría os seguintes concellos: Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Malpica, Muros, Santa Comba e Vimianzo.
Xa vimos como está a cousa en Carnota, en Corcubión e en Vimianzo. Hoxe toca irmos ata Malpica
Bipartito ou tripartito en Malpica, con Cañizo, de novo como peza clave
Alfredo Cañizo volve situarse como peza chave de goberno, despois de que o PP perdese a maioría absoluta. Un Cañizo que analizou con autocrítica os seus resultados despois de cambiar as siglas de AIM polas de Ciudadanos, pois é o peor resultado que colleita (pasou de 1050 das anteriores ás 323 destes comicios) dende que está en política. “Parece que teño unha estrela de todas maneiras, que agora me coloca como peza clave”, apunta. Nese entido, Cañizo apunta que vai falar con todas as posibilidades, sendo o pacto PP-Cs (e repetindo o goberno de hai 8 anos PP-AIM) o máis probable, pero onde tamén dan os números para un posible Tripartito PSOE-BNG-Cs. “Por agora non teño nin idea, pero tomarei a mellor decisión para Malpica, por riba de min e de Ciudadanos”, sinala o candidato laranxa.
Dende o PP, o actual rexedor Eduardo Parga teno claro: “Imos falar con Cañizo, xa estivemos 4 anos no goberno, antes desta pasada maioría, e seguro que volveremos intentalo. Buscaremos a mellor alianza para o Concello de Malpica”, explica Parga, confiado nas boas relacións entre ambos grupos tanto a nivel local como estatal.
Outra das posibidades sería o tripartito formado por PSOE-BNG-Cs. Por parte socialista, Walter Pardo aínda ten que acostumarse a este lío da política (un home vinculado ao asociacionismo, pero con apenas 6 meses metidos na política), e tras días de vacacións, necesarios tras unha campaña tremendamente activa, aínda este martes se reunía coa súa lista para valorar os resultados. “Para nós foi moi positivo, para un grupo tan renovado, subimos máis de 700 votos (de 461 a 1188), pasamos de 1 a 4 concelleiro, e gañamos en 4 das 10 mesas, incluídas as 3 de Malpica, ademais da de Barizo. Conseguimos quitarlle a maioría absoluta ao PP que era o máis importante. Vese que a xente respondiu ao bo traballo e á importante renovación”, valora.
En todo caso, considera que “todo está no aire. Por agora non nos sentamos con ninguén, e nin sequera o formulamos entre nós. Se imos loitar pola alcaldía? Esa é a pregunta do millón, porque ademais non depende só de dous. Tocarase irse sentando con todos, e nese sentido estamos abertos a todo o mundo, e sobre todo a dialogar, que eu son dos que creo que o diálogo é a base da política, para chegar a acordos importantes para Malpica”, apunta Walter.
A outra pata deste hipotético tripartito é o BNG, outro dos grupos máis renovados que doblou os votos, e concelleiros, de 2015. Dani García Riegía valora os datos como “moi positivos ollando como empezamos hai apenas 2 meses, cando non había nada, despois de 4 anos de pouca actividade polo pasamento de Paco Souto”. En todo caso, asegura que non teñen estudiado absolutamente nada a día de hoxe. “Nós non imos tomar a iniciativa, terá que ser o PP ou o PSOE, e non temos ningún tipo de chamada a día de hoxe. Se de aquí á fin de semana recibimos algunha proposta valorarémola na asemblea desta fin de semana”, explica.
En todo caso, e sen fixar liñas vermellas considera máis factible o pacto PP-Ciudadanos.
Todas as novas das Eleccións
- Eleccións #Municipais19: O PP perde a maioría absoluta en Malpica, e Ciudadanos perfílase como a peza chave.
- <
- O Pactómetro: Carnota.
- O Pactómetro: Corcubión.
- As maiores sorpresas das Eleccións Municipais 2019
- Os resultados das #Eleccións Municipais2019 na Costa da Morte, Concello a Concello.
Artigos relacionados
- Louzán: O Día Despois.
- Marisol Soneira: A Costa da Morte tínguese de roxo.