Protección Civil de Malpica realizou o ano pasado 166 intervencións


A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica realizou o ano pasado un total de 166 intervencións, o que supón un incremento do 13,69 % con respecto ao 2012. Xaneiro e xullo foron os meses de máis actividade. Unhas cifras que demostran a gran implicación e o excelente traballo desenvolvido polos 22 voluntarios que conforman a entidade nestes momentos.
O incremento do número de intervencións débese, fundamentalmente, á cobertura de emerxencias, que aumentaron un 28,12 % en relación co ano anterior. Neste apartado, o concelleiro delegado da área, Alfredo Cañizo, subliñou “o papel determinante” dos voluntarios de Protección Civil no rescate do iate Abbie Louise a finais de agosto. O embarrancamento da embarcación na praia saldouse sen vítimas e converteuse case nun espectáculo para os bañistas que ateigaban o areal, pero os voluntarios tiveron que empregarse a fondo para que o suceso non pasase a maiores. Nese sentido, o presidente da agrupación, Iván Muíño, destacou o traballo dos servizos de emerxencias e, dun xeito especial, a colaboración dos surfistas que estaban nese momento na praia.
Moito máis que emerxencias
Pero o traballo de Protección Civil vai moito máis aló da intervención en emerxencias de todo tipo. Iván Muíño destacou que a agrupación tamén “ten moitos operativos organizados non só con entidades e asociacións locais, senón tamén supramunicipais”. Así mesmo, participa en actividades periódicas como festas, actividades escolares, concertos e actuacións culturais ou citas deportivas, encárgase da vixilancia diaria na entrada e saída dos alumnos dos centros escolares do municipio e colabora na vixilancia das praias durante o verán.
Mobilizacións da AVPC de Malpica a petición do CAE 112 Galicia
Incidencias | 2013 | 2012 |
Animais feridos, mortos ou abandoados | 20 | 25 |
Intervencións en accidentes | 34 | 32 |
Intervencións varias | 36 | 26 |
Colaboración coas forzas de seguridade | 1 | 2 |
Intervencións en anegamentos | 4 | - |
Intervencións en incendios | 1 | - |
Sanitarios | 2 | - |
Operativos de Protección Civil | 68 | 61 |
TOTAL | 166 | 146 |
Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Malpica.