Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Xosé Manuel Varela: “Non podemos vender só gastronomía e paisaxe. Recursos temos de sobra aínda que abandonados ou mal xestionados”

Hoxe queremos falar cun dos mestres que máis traballan polo coidado do noso patrimonio. O cerquedán Xosé Manuel Varela, mestre na Coruña, activo membro en numersosas entidades culturais.

Xose Manuel Varela na presentacion do Cancioneiro de Buno
Xose Manuel Varela na presentacion do Cancioneiro de Buño
Xosé Manuel Varela: “Non podemos vender só gastronomía e paisaxe. Recursos temos de sobra aínda que abandonados ou mal xestionados”

  • Vemos que estás inmerso nas presentacións do Cancioneiro de Buño (Edicións Embora)? Como naceu este proxecto e que se recolle no libro?

É o que toca este verán. Presentámolo na Mostra da Olaría de Buño e na Feira do Libro da Coruña. Uha entrevista con Toni de Seárez entrevistarame en Sempre en Galicia. É un programa de radio na emigración que se escoita en Bos Aires, todo Uruguai e no sur de Brasil. A informante do Cancioneiro, Dolores Cancela Pérez, foi emigrante en Montevideo.

Durante o outono acudiremos a Carballo e á Coruña de novo, na Real Academia Galega e en Portas Ártabras por encargo de Felipe Senén. Tamén se contempla compartilo co alumnado das escolas de Malpica de Bergantiños pero estas citas aínda están sen definir.

O libro naceu como rescate dunhas 84 cantigas que se publicaran no Boletín da Real Academia Galega a principios do século XX. Eran a primeira recollida de literatura popular realizada nas terras de Malpica de Bergantiños e este feito pasaba desapercibido tanto para os propios buñeses como para a xente da volta. Outorgarlles formato libro supuxo darlles unha visibilidade da que carecían.

  • Son moitos os proxectos nos que estás inmerso. Algún proxecto literario tamén no que colabores como filólogo?

Unha vez un alumno do IES Eduardo Pondal de Ponteceso preguntoulle a Xelucho Abella Chouciño cantos libros tiña pensado escribir máis. El contestoulle que para escribilos todos necesitaba varias reencarnacións. A min pásame o mesmo.

No mes de agosto estiven traballando nunha publicación que relaciona a Eduardo Pondal con Francisco Fernández del Riego. Teño que entregalo na editora máis tardar a principios de setembro.

  • Se falamos de proxectos de posta en valor do noso patrimonio, sempre aparece o teu nome. De onde veñen esas ganas, esa necesidade de poñer o teu gran de area para motivar esta clase de proxectos?

Nacen da miña formación de licenciado en Lingua e Literatura Galega. Ambas disciplinas non teñen sentido illadas da contorna na que se desenvolven. Na Literatura o espazo é unha das súas compoñentes esenciais. Intervir neles para recuperalos ou poñelos en valor está vinculado, polo tanto, á miña disciplina profesional. No tocante ao Cancioneiro de Buño, a lírica popular é unha das patas imprescindibles de análise dunha Literatura como a galega.

Respecto á posta en valor do noso patrimonio, persoalmente tiña dous camiños. Ben inserirme no exhuberante clan da desidia por todo o que nos define. Ben por ir dando pequenos pasos de rescate da nosa identidade. Síntome máis cómodo cos do segundo grupo.

  • Sempre empeñado tamén na transmisión xeracional do patrimonio. Como ves a rapazada da Coruña, onde impartes clase, en materia de tradición? Ves moita diferenza coa rapazada que crece en Malpica, máis alá do aspecto lingüístico?

O meu alumnado coruñés desenvólvese máis en manifestacións culturais de ámbito urbano. Non obstante, teño mozos e mozas que forman parte de entidades como Xacarandaina. Algún mesmo se meteu a gaiteiro despois de ser parte activa no desenvolvemento dos festivais das Letras Galegas no colexio. Aínda que nacidos na Coruña, teño a sorte de que gran parte do meu alumnado ten raíces no rural e sorpréndente con léxico impensable da súa contorna natal.

No tocante ao emprego da lingua galega están moi condicionados pola esmagadora presenza do castelán na cidade. Entre eles falan exclusivamente en castelán pero comigo fano en galego en todos os espazos. Resulta curioso encontrarse con exalumnos teus pola rúa e manter unha longa conversa en galego para saber como lles vai na vida. Isto é un pouso admirable que lles quedou das aulas.

Como centro académico realizamos intercambios con colexios do rural. Cando antes da pandemia convivimos co alumnado do IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, os meus alumnos dicíanme: “Profe, profe, os de Malpica non falan; cantan”.

  • Falando dun proxecto concreto, que pasa coa Croa do Castro que leva parada unha temporada? Vai haber novas campañas? Cres que se vai apostar polo seu coidado e posta en valor?

A Croa do Castro deu desde estes anos atrás pasos de xigante para a súa posta en valor. A alancada máis importante foi convertelo nun espazo de titularidade pública con todo o que iso significa para xestionar accións futuras. A partir de aí desenvolvéronse accións que o converteron en referente na arqueoloxía en Galicia: xornadas de voluntariado, visitas de escolares e público xeral, desbroces anuais, divulgación en plataformas dixitais, publicidade nas camisetas da UD Cerqueda, estudo científico, tala de árbores. No seu momento, A Croa do Castro ía ser o primeiro castro galego ao que se lle aplicase o gradiómetro en toda a súa totalidade. En xornadas de arqueoloxía púxose como exemplo a seguir de proxecto xurdido entre o tecido asociativo dunha parroquia co apoio da administración local.

Claro que desexariamos que todo fose máis rápido! Eu o primeiro. Lembra que todo o que se fixo no castro A Cidá de Borneiro ata agora comezou polo 1930. Desexamos como auga de maio que tras estes meses de verán o Proxecto A Croa do Castro de Cerqueda poida continuar camiño.

Nestes anos, nas comarcas de Bergantiños e Soneira estanse desenvolvendo accións clave arredor da cultura castrexa. Vimianzo coas Barreiras e A Laracha con Montesclaros van a un ritmo endemoñado. En Ponteceso botou a andar o pondaliano castro de “Z’rezo”. A Cidá de Borneiro é o mascarón de proa da Idade do Ferro galega. Que a Croa do Castro de Cerqueda quedase parada na tormenta sería un pecado capital imperdoable.

Xose Manuel Varela explica a croa do Castro a Senda Nova
Xose Manuel Varela explicando a Croa do Castro a un grupo da Asociación Senda Nova
  • Como ves o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte? Agora parece que todos queren incluír as súas antas…

A continuidade do Parque do Megalitismo estase demorando demasiado. Convén que sexa o máis completo posible porque na diversidade está a riqueza. Días atrás con Antonio Fernández saímos de tarde a realizar unha sesión de fotos por varios dolmens de Laxe e Vimianzo. Colleunos a noite polo camiño. Isto é mostra de que para mergullarse no pasado megalítico da Costa da Morte son necesarios varios días, o cal implica pernoctar no noso territorio. Riqueza para o tecido hostaleiro polo menos.

Malpica de Bergantiños será un dos espazos privilexiados do Parque do Megalitismo. Posúe unha localización xeográfica envexable. Pedra da Arca é un dos grandes dolmens de Galicia. Arredor dela hai unha necrópole de case unha ducia de mámoas que podemos coñecer nunha andada circular de un par de horas. Se queremos amosar en plenitude a riqueza das tumbas dos nosos ancestros, non podemos cinxirnos tan só ás grandes pedras.

  • Cres que o turismo cultural pode chegar a ser un verdadeiro motor económico na comarca?

Un hostaleiro de Malpica de Bergantiños díxome hai meses que na Costa da Morte nos estabamos equivocando no modelo de turismo que queremos conformar. O outro día un empresario de Fisterra queixábaseme de que moita da xente que acode ao faro apenas para na vila. Seguimos cun modelo de turismo nacido no franquismo e para que sexa motor económico anual cómpre darlle unha volta bastante grande.

Aí é onde entra de cheo o turismo cultural. Recursos temos de sobra aínda que abandonados ou mal xestionados. Non podemos vender só gastronomía e paisaxe. E se esa paisaxe é o urbanismo caótico das nosas vilas mariñeiras, apañados estamos.

  • - E a nivel familiar, vaia orgullo de pai debes ter ao ver medrar no mundo da música tradicional a túa filla Icía Varela, non? Cales cres que foron as chaves para que estea triunfando así? 

Arredores é un grupo moi novo, de apenas dous veráns de vida. O seu éxito débese á aposta nos escenarios por sons enraizados na tradición, a formación musical de conservatorio e a que están facendo algo distinto sen excesiva ruptura co pasado. Unha mestura entrefebrada de folk-rock. Transitan o ronsel iniciado por voces femininas como Mercedes Peón, Guadi Galego ou Ses co ímpeto da xente nova.   

  • E da Mostra de Buño… a Eurovisión, non?

Oxalá!! Díxenlle mil veces que cando triunfe como artista eu sería o seu xardineiro. Así que xa me pode ir mercando un cortacéspede dos grandes.

Comentarios