A escaseza de animais pon máis interese á tradicional Poxa de Xovencas de Raza Frisona de Mazaricos
O primeiro produtor leiteiro de Galicia recupera, tras dous anos de pandemia, a súa Semana Gandeira. Dende este luns e ata o domingo 4 de decembro, todo Mazaricos sumérxese nun sector gandeiro que xa supón case que o 90% do tecido produtivo, gracias a esas 12.000 vacas que producen máis de 200 litros de leite por minuto.
Concello, Africor-Coruña e a Asociación Gandeiros de Mazaricos únense para estas xornadas que traen concursos, unha espectacular sesión vermú, exposicións, visitas escolares e a famosa Poxa de Xovencas de Raza Frisona do domingo. Unha cita á que non faltará Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, que quere arroupar ao grupo de goberno nese comezo da carreira electoral municipal.
Semana de visitas escolares
A Semana Gandeira xa arrincou ao longo da semana coas visitas dos escolares mazaricáns á famosa Granxa Xasa Grande de Xanceda, en Mesía, así como a fábrica de CLUN-Feiraco de Ames.
Unha Poxa esperada pola falta de animais
Xa podedes descargar o libro da poxa para irvos preparando para a tradicional poxa, que un ano máis servirá como homenaxe ao impulsor do evento, José Moreira. Nel xa esperan destino 25 vacas, algunhas das mellores reses frisoas chegadas de explotacións de toda a provincia, en materia de lonxevidade, fertilidade e produtividade.
O feito de que esteamos en tempos de escaseza de vacas no mercado, provoca que se esperen bos resultados económicos, tendo en conta que na última edición, a de 2019, rexistráronse vendas entre os 2.100 e os 3.150€
A xente volverá encher na mañá do domingo o Recinto feiral para disfrutar de todo o proceso: a doma, a preparación e a subasta de prezos, coas loitas entre gandeiros por certos animais.
Durante a poxa sortearanse máis de 2.000 € en premios entre todas as persoas asistentes.
Concursos e vermúuuuu
Unha das actividades que máis espectación xera é o Concurso de Póstres Lácteos. Pero moita xentes espera a “Gran Sesión Vermúuuuuu” do sábado, coa actuación da recanteira Ara Nieto, que este ano conquistou o concurso Recantos do Luar, na Televisión de Galicia. Estará acompañada pola Orquestra Principal. As primeiras 1.000 consumicións para as persoas asistentes serán gratuítas.
Novas relacionadas
- 2022: Mazaricos recupera a súa Semana Gandeira.
- Xuño 22: Un domingo de Muuuuuuita Festa para ratificar o idilio de Santa Comba co sector gandeiro:
- Maio 22: Grille constitúe unha comunidade de enerxía renovable pioneira no sector agrogandeiro galego.
- Marzo 22: Poxa de Xovencas de Santa Comba: “Asunción Sound System Agenda” foi adquirida por 2.500 euros.
- Poxa 2019: A Semana Gandeira de Mazaricos volveu situar mazaricos no centro do sector lácteo galego.