10 espectáculos para encher o Auditorio de Muros no primeiro trimestre
O Concello de Muros presenta a programación cultural continua para o primeiro semestre de 2025 no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil. O calendario inclúe un total de 10 espectáculos que abranguen teatro, circo e cine, pensados para público infantil, xuvenil e adulto. Trátase dunha aposta decidida por achegar propostas culturais de alta calidade a toda a veciñanza, gracias a formar parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios e ás axudas de AGADIC.
A temporada inaugurarase o sábado 11 de xaneiro coa obra “Boa sorte, mala fama” da compañía Tarabela Creativa. Este espectáculo, centrado na temática da emigración, conta co valor engadido de que participou como informante na súa creación o veciño muradán Tono Beiro, o que achega unha conexión especial coa realidade local. A obra busca reflexionar sobre un fenómeno profundamente arraigado na nosa historia e identidade, ofrecendo unha narrativa emocional e comprometida.
Entre as propostas máis destacadas deste semestre atópase “O Dragón de Ouro” de Sarabela Teatro, que se representará o sábado 8 de marzo. Esta obra, dirixida ao público adulto, aborda temáticas sociais e humanas cunha posta en escena contemporánea e emocionante, sendo unha das apostas máis ambiciosas e esperadas do programa.
A programación inclúe tamén espectáculos infantís como “Compaña” de Xampatito Pato ou “A teteira de Kabul” de Xarope Tulú, así como propostas para todos os públicos como o circo de “Petit Cabaré” de Pistacatro, que celebrará o Día Mundial do Circo, e obras de humor e crítica social como “Nabiza Girl II” de Isabel Risco.
Ademais, o auditorio tamén acollerá a estrea do filme documental “O último berro” de Trapos Sucios, unha peza audiovisual que recolle o seu último concerto na pasada edición do festival Castelo Rock.
As entradas poden adquirirse de forma anticipada ata o día anterior de cada espectáculo nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ou a través do formulario habilitado na páxina web oficial www.muros.gal.