![cabalgata muros]()
Este ano, a
cabalgata de Reis de Muros cumpre medio século de historia. Grazas ao inestimable traballo da
asociación Fouleada, dirixida por Ruca Formoso e Marisa Pedrosa, nenos e non tan nenos poderán gozar dunha fantástica celebración.
Todo está preparado para que ás once da mañá, do día 5 de xaneiro, cando o Carteiro Real inicie o seu traballo recollendo cartas, comece unha inesquecible xornada repleta de actos que culminará coa chegada dos Magos de Oriente ao portal, situado diante da casa do Concello.
Ademais da participación da
agrupación folclórica Xeitura de Esteiro, para esta edición cóntase tamén coa actuación dos
Animaduendes musicais, así como dun bo número de agradables sorpresas, que proporcionarán colorido e unha vistosidade singular á cabalgata máis esperada dos últimos tempos.
Será ás dezasete horas cando o séquito das súas maxestades, integrado por centos de persoas, parta de Laxeiras en dirección ao Curro da Praza. Así, un ano máis - e xa son cincuenta -, as carrozas dos Reis acompañadas por paxes, pastores, banda de cornetas e tambores, cabezudos, garda romana a pe e a cabalo, e un longo etcétera de participantes, invadirán toda a estrada principal da localidade repartindo caramelos, sorrisos e, sobre todo, moita ilusión entre os máis pequenos.
Desexamos que esa maxia e alegría continúe, polo menos, outros cincuenta anos máis.
Fonte
- Reportaxe de Domingo Guerra para Que Pasa na Costa