A Costa da Morte mira ao mar de Muros


Se por Carnota esta fin de semana encontroranse co Monte Pindo, por Muros terán unha cita directamente co mar. Chegan as impresionantes VII Xornadas Muros mira ao mar. A vila muradá estase a converter, dende a súa innovadora creación no 2004, en todo un referente de cultura etnográfica e mariñeira, e o ambicioso programa que presentan así o refrenda.
E precisamente o obxectivo é a recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e marítimo da zona, ademais da dignificación da profesión de mariñeiro. Para iso, que mellor que crear un produto de turismo cultural no que se conxugan as raíces do patrimonio mariñeiro coa difusión dunha das vilas mariñeiras máis fermosas de Galicia.
Este ano, a pesar da crise, a comisión organizadora leva empregándose a tope durante todo o inverno organizando unha serie de obradoiros, cursiños e mostras que están dando os seus froitos. E toda a vila estase a preparar para engalanar e participar de cheo nesta celebración que cada vez ten máis seguidores.
Cunha programación extensa, a cita comeza xa este xoves 7 de xullo, coa inauguración das xornadas e un acto inaugural na antiga conserveira de Sel, que será o centro neurálxico das exposicións variadas e curiosas. Non faltará o II Certame de Tapas e Petiscos, ou o II Certame de Ambientación Mariñeira, asñi como o VIII Concurso de pesca de lecer.
E ademais dunha estupenda axenda cultural e musical, con teatro e música en vivo tódolos días, haberá obradoiros para os máis pequenos de figuriñas de pan, de maquillaxe infantil, de xogos tradicionais, de cabullería...
Exposicións
Un feixe de exposicións farán que a antiga conserveira de Sel quede pequena. Entre elas teremos unha exposición de poemas do noso benquerido Marcelo García Lariño cunha escolma de textos adicados ó mar, unha exposición do traxe de muradana que nos amosará as ricas vestimentas das nosas avoas; unha magnífica exposición de bonecas de Ximiela vestidas cos distintos traxes feitos por elas mesmas, unha mostra concurso de fotografía organizado pola asociacción de empresarios de Muros, unha Mostra de cunchas de Manuel Porrúa; unha Exposición cedida polo Museo do Mar de Vigo titulada "Mar ó Xeito", que amosa a recuperación dunha lancha xeiteira e moitas moitas cousas máis que aínda están no forno...
Concertos
Concertos de primeiro nivel os que chegan ao Curro da Praza de Muros. O primeiro, se cadra o máis agardado, o de Mercedes Peón, este mesmo xoves 7 de xullo.
As citas continuarán o venres, 8 de xullo coa festa "divertifolk" de A Compañía do Ruído.
Para o sábado, 9 de xullo, toca Odaiko Percussion Group, cun tque máis latino.
E para o domingo, 10 de xullo, volve a tradición cos locais de Louro Ximiela.
Charlas
Sel acollerá 3 charlas. O xoves ás 19:00h nada menos que Henrique Monteagudo, prestixioso membro da RAG, fará un repaso pola "Fala Muradana". O venres 8 ás 19:00h, será Joaquín Vieta o que fale da súa "Derrota e singradura". E para o sábado 9, xa ás 11:00h realizarase a presentación do libro sobre o Traxe muradán coa participación de Francisco Rodríguez e de Felipe Senén.
Programa

Máis información
- murosmiraaomar.wordpress.com.
- Facebook de "Muros mira ao Mar".
- Twitter de "Muros mira ao mar".
- Descargar programa completo [pdf].
Novas relacionadas
- Muros xa ten cartel para mirar ao Mar.
- Muros xa Mira ao Mar.
- Repaso en vídeo ás Xornadas 2010: Muros sabe a mar.
Máis novas
- O Traxe muradán nun libro.
- Abelleira prepárase para a súa particular invasión pirata.
- Programa do III Encontro Monte Pindo: O Monte Pindo volverá ser o punto de Encontro.
- Os arqueólogos Felipe Senén en Tito Concheiro encontraranse no Monte Pindo.
- O Pindo declaroulle o seu amor ó mar a pesar de todos os problemas no sector.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).